Especial - O que pode a danza. Serie audiovisual. Luns, 4 de decembro de 2023

O que pode a danza

Especial

O que pode a danza

Serie audiovisual. Luns, 4 de decembro de 2023
consellodacultural.gal
Especial

O que pode a danza

consellodacultural.gal

ESPECIAL
O QUE PODE A DANZA

"Buscamos recoller experiencias de persoas vinculadas á danza desde a xestión ou desde o ámbito creativo, que permitira ver como están a traballar co territorio, co traballo demográfico e en contextos rurais” . A danza en Galicia é un proceso creativo que se fusiona e hibrida co resto da cultura e sociedade. O que pode a danza conta oito historias sobre os corpos, o movemento, as ideas e o seu encontro a través desta disciplina artística.

O que pode a danza é o novo produto audiovisual co que o Consello da Cultura Galega (CCG) se achega ao sector das artes do movemento. Trátase de oito pezas audiovisuais que nos achegan outras tantas experiencias singulares que amosan as conexións do mundo da danza coa sustentabilidade, co territorio ou coa empresa. Natalia Balseiro é a comisaria deste proxecto, que se acaba de presentar na Casa Vella de Amiadoso, en Ourense, e na Culturgal. A serie está dispoñible desde hoxe no web e nas redes sociais da institución.

Non son só proxectos escénicos, senón que son experiencias cunha certa singularidade que indagan no que a danza e as persoas que conforman o seu ecosistema están a producir no contexto cultural e social galego actual. A diversidade, a sustentabilidade e a proximidade son algúns dos ámbitos cos que se conecta a danza a través de experiencias singulares escolmadas por Natalia Balseiro. O proxecto contou coa dirección artística e técnica de Miramemira e recolle iniciativas de diferente magnitude que se están a realizar en Galicia neste momento. “Buscamos recoller experiencias de persoas vinculadas á danza, desde a xestión ou desde o ámbito creativo, que permitan ver como están a traballar co territorio, co traballo demográfico e en contextos rurais”, explica Natalia Balseiro, que incide en que a serie non esgota os modelos, senón que hai moitos máis. “Son procesos que están tamén en proceso, que amosan, desde traballos de investigación, iniciativas no rural que conforman un intercambio moi potentes”, explica Balseiro.

A través de oito capítulos percíbese que a danza é unha das artes que máis se adianta aos tempos, tanto nas propias producións artísticas como na súa linguaxe, e tamén na hibridación con outras prácticas e sectores, co seu poder de transformación social.

O que pode a danza é un proxecto da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega comisariado por Natalia Balseiro e coa realización audiovisual de Miramemira.

Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais
Coordinada por Cristina Domínguez Dapena, entre os seus membros figuran Eduardo Alonso Rodríguez, Natalia Balseiro, Montserrat Capelán, Carlos Vizcaíno Fernández, Beli Martínez, Ramon Pinheiro Almuinha e José Manuel Sande García.

 
Especial
O que pode a danza
Data de publicación
Serie audiovisual. Luns, 4 de decembro de 2023
Onde
consellodacultural.gal
Comisariado
Natalia Balseiro Rodríguez
Organiza
Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais (CCG)