Arquivo da Emigración GalegaEn 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Nel recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.
A Casa de Galicia de Montevideo constituíuse como unha asociación integrada pola colectividade galega residente na capital do Uruguai. Ao longo da súa existencia editou diferentes cabeceiras, coas que buscaba informar sobre a vida societaria e divulgar a cultura galega alén mar. Alma Gallega foi o seu voceiro oficial de 1919 a 1927 e, posteriormente, de 1935 a 1967, tivo unha segunda época. A partir deste ano, a entidade publicou de xeito puntual algúns números para conmemorar os seus aniversarios fundacionais e en 1991 comezou a editar un novo voceiro baixo o nome Casa de Galicia. O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora neste mes de febreiro varios exemplares destas publicacións. En concreto, súmanse dous números da primeira época de Alma Gallega e seis da segunda, dous exemplares conmemorativos do cincuenta e noventa aniversario da entidade e o primeiro número de Casa de Galicia.Alma Gallega foi o título da cabeceira que a sociedade Casa de Galicia de Montevideo comezou a editar en 1919 para informar dos asuntos relacionados coa asociación (actividades, balance económico, composición da directiva, novas sociais etc.). Tiña tamén como obxectivo fomentar a cultura galega na outra beira do Atlántico, polo que incluía entre as súas páxinas relatos, poemas e artigos literarios, xeográficos ou socioculturais.
En liña cos seus propósitos, a publicación incorporaba numerosas fotografías institucionais, de sociedade, de lugares e de motivos galegos. Nela aparecen, así mesmo, viñetas de Castelao e reproducións de obras artísticas. Ao igual que as ilustracións, a publicidade era tamén moi abundante e distribuíase ao longo da revista. Con respecto ao idioma, estaba escrita fundamentalmente en castelán e o uso do galego reservábase para os relatos e as poesías.
En 1927 a sociedade Casa de Galicia de Montevideo deixou de publicar a cabeceira. Tras uns anos de parada, nos que a entidade editora iniciou un proceso de reorganización, retomou a publicación do seu voceiro en 1935. Nesta segunda época a cabeceira mantivo os seus obxectivos fundacionais: informar das actividades da entidade editora e da colectividade emigrada en Montevideo e abordar diferentes temas vinculados coa cultura, a xeografía e a literatura galegas. Manuel Antonio, Ramón Otero Pedrayo ou Vicente Risco foron algúns dos colaboradores da revista, que tamén incorporaba debuxos de Luís Seoane ou Julio Prieto. No que atinxe ás fotografías, á publicidade e ao idioma de edición, seguiu o mesmo padrón que a súa predecesora.
Após máis de trinta anos, en 1967 Alma Gallega cesou a súa actividade. Porén, a Casa de Galicia de Montevideo continuou a editar de xeito puntual algunhas publicacións para conmemorar a posta en marcha da asociación. Así, con motivo do seu cincuenta aniversario, publicou en outubro de 1967 o número Casa de Galicia. 50 años de pujante acción social. Nel realizábase un percorrido pola historia social da entidade e achegábase información sobre a actividade sanitaria e as instalacións médicas que estaban a disposición dos socios e socias; ademais, tamén se daba conta das actividades culturais e deportivas organizadas. De xeito similar, en 2007 saíu do prelo o número conmemorativo dos noventa anos.
Xa na década de 1990, a Casa de Galicia empezou a editar unha cabeceira homónima, coa que buscaba dar conta das actuacións realizadas pola institución, reflectir a evolución do número de afiliados e afiliadas, así como informar dos servizos médicos e dos medios materiais dos que dispoñía a sociedade. O primeiro número desta cabeceira, datado en decembro de 1991, e os dous exemplares conmemorativos do 50 e do 90 aniversario da entidade forman parte dos materiais que se suman neste mes de febreiro ao Repertorio da prensa da emigración galega. Tamén se incorporan varios exemplares de Alma Gallega. Da primeira época dixitalizáronse o número extraordinario publicado o 12 de outubro de 1922, dedicado a Concepción Arenal, e un exemplar de 1927. Da segunda época inclúense seis números de diferentes anos (1935, 1936, 1937, 1945, 1960 e 1964), algúns son de carácter ordinario e outros extraordinarios publicados para conmemorar os aniversarios fundacionais da entidade.
O Repertorio da prensa da emigración galega
En 1998, froito dun traballo de investigación dirixido por Vicente Peña Saavedra, nace o Repertorio da prensa da emigración galega, un proxecto que busca difundir o patrimonio documental producido pola comunidade galega do exterior e que, hoxe en día, mantén actualizado o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega. Nel, recompílase unha relación das publicacións galegas (boletíns, xornais de información xeral, revistas culturais, prensa política, revistas e voceiros internos das asociacións de emigrantes, publicacións institucionais etc.) editadas tanto polas asociacións de emigrantes como por persoeiros destacados da colectividade galega. Aínda que os números das diferentes cabeceiras se poden consultar directamente nas instalacións do AEG, cada mes dixitalízanse novos exemplares que se poñen á disposición dos usuarios e usuarias para seren consultados en liña no web institucional do CCG.