Xornada - As creadoras galegas no século XXI. 24 de abril de 2024

As creadoras galegas no século XXI

Xornada

As creadoras galegas no século XXI

24 de abril de 2024
Santiago de Compostela
Xornada

As creadoras galegas no século XXI

24 de abril de 2024 Santiago de Compostela
A historia da arte occidental construíu durante séculos os seus propios códigos, cuxo resultado foi favorecer a figura do artista home, ao mesmo tempo que excluía sistematicamente as mulleres dos principais movementos que a conformaron. Esta visión da historia da arte como un discurso parcial foi investigada por historiadoras como Linda Nochlin, que en 1971, no texto fundacional da crítica artística feminista, se preguntaba: «Por que non houbo grandes mulleres artistas?», poñendo en cuestión os fundamentos da historia da arte realizada ata entón. Analizaba como o illamento en que traballaron gran parte das creadoras motivou a súa exclusión dos principais movementos artísticos do mundo occidental. A partir dos anos setenta do pasado século comeza a reconstrución dunha historia da arte que sistematicamente esquecera o traballo das mulleres, relegadas a seren obxectos artísticos en lugar de suxeitos.
En Galicia, a revisión do acontecido co papel cumprido polas mulleres no século XX ten as súas primeiras referencias nas bienais de artistas galegas (1987, 1990, 1994 e 1997) organizadas polo colectivo Alecrín, que empezaron a sacar á luz o traballo exclusivo de mulleres. A estas mostras seguiron exposicións como Presente Plural (1994), A arte inexistente (1995), Nos-outras. Pintoras, poetas e orgullo de ser muller (1997), Clónicas (2004), Marxes e mapas (2008), Generosas y fuertes (2009), Artistas. Proxectos de visibilización (2013), Mulleres do silencio (2016-2017), Alén dos xéneros (2016), Territorios de intimidade (2019) ou María Corredoira. (Re)coñecer? (Re)presentar? (Re)distribuír? (2023).
Convén destacar o importante informe Arte + mulleres. Creadoras galegas (Consello da Cultura Galega, 2015), no que se revisa pormenorizadamente o protagonismo das artistas en Galicia en diferentes ámbitos entre 1990 e 2013. As súas conclusións indicaban que, a pesar do avanzado na promoción e difusión das artes plásticas, a desigualdade entre artistas mulleres e homes seguía sendo unha realidade en Galicia.
Desde mediados dos anos noventa, a afluencia de mulleres na arte constitúe un fenómeno emerxente e desde os inicios do século XXI unha realidade no mundo global. Con todo, se neste momento tamén en Galicia falamos de igualdade e mesmo de maior presenza de mulleres en termos de formación, o lugar que estas ocupan dentro do que constitúe o sistema artístico segue sendo minoritario con respecto ao dos homes. A súa presenza en mostras temporais importantes, coleccións ou programación de galerías e a súa repercusión mediática seguen sendo desiguais e mesmo, en moitos casos, minoritarias. Reflexionar desde un escenario este primeiro cuarto do século XXI, no que as xeracións máis novas de creadoras comparten en igualdade formación e referencias sociais, culturais e estruturais cos seus compañeiros masculinos, é sen dúbida o camiño para coñecer o impacto na armazón creativa de Galicia destas novas mulleres creadoras.
Ficha técnica 
Xornada
As creadoras galegas no século XXI
Cando
24 de abril de 2024
Onde
Santiago de Compostela
Lugar

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205

Coordinación
Sofía Santos Pérez
Rosario Sarmiento Escalona
Organiza
Consello da Cultura Galega
Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas (CCG)

Imaxe da portada: Alejandra Pardo, Avísame cando saias, que te vou buscar, carbón, pastel e grafito sobre papel, 150 x 215 cm, 2024.