NOTICIA

----

Artistas e responsables de museos e coleccións destacan a desigualdade das mulleres na arte

“A situación de desigualdade das mulleres na arte é un feito que precisa dunha constante reflexión”. Así o subliñou Mónica Alonso, artista plástica e académica da Real Academia Galega de Belas Artes, no marco da xornada As creadoras galegas no século XXI. A cita, que tivo lugar esta tarde na sede institucional do Consello da Cultura Galega (CCG), reuniu artistas plásticas e responsables de museos e coleccións de arte para analizar a posición que ocupan as mulleres na creación galega contemporánea. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na inauguración que a xornada atende á intersección entre a creación e a análise da presenza e a situación das mulleres. Unha idea na que incidiu Rosario Sarmiento, coordinadora desta cita xunto con Sofía Santos, que aludiu á necesidade de realizar actividades como esta debido a que “aínda segue habendo unha discriminación das mulleres en moitos ámbitos” do sistema artístico actual.
Artistas e responsables de museos e coleccións destacan a desigualdade das mulleres na arte

A xornada abriuse coa mesa redonda “As mulleres creadoras ante os retos actuais da plástica en Galicia”, na que interviñeron as artistas plásticas Mónica Alonso, Celeste Garrido e Alejandra Pardo baixo a moderación de Rosario Sarmiento. Analizar como é estruturalmente o sistema artístico do país foi o obxectivo principal desta mesa, pois, tal e como indicou Mónica Alonso, coñecer a “situación da arte galega permitiranos ter o contexto de creación das mulleres artistas”. A respecto desta cuestión subliñou que á falta de igualdade entre mulleres e homes se une a “precariedade nunha profesión, a de artista plástica, que non é atendida como tal”.

Nunha liña semellante apuntou Alejandra Pardo, quen explicou que, se ben as mulleres son “a maioría de estudantes de Belas Artes, seguen a ser minoría nas exposicións temporais e coleccións permanentes nos museos de todo o mundo”, tamén nos galegos. Entre as razóns deste feito, sinalou a “falta de referentes, a inseguridade de quen foi educada no perfeccionismo, as responsabilidades de coidados e a falta de apoio desde as institucións e galerías”. Concluíu que a situación das artistas plásticas novas se podería definir con tres adxectivos: “precarias, pluriempregadas e pouco valoradas”.

Logo desta mesa de debate interveu Miguel Anxo Rodríguez, profesor de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela (USC). No seu relatorio presentou os resultados dunha investigación que conduciu sobre a presenza de mulleres artistas tanto nos catálogos das coleccións dos museos galegos como nas programacións dos centros. “A programación expositiva e as actividades amosan un interese crecente por recoller os debates acerca da escasa visibilidade das mulleres nas institucións”, subliñou, mais este aumento na atención “non se corresponde cun incremento semellante da obra de mulleres nas coleccións”. Algo parello acontece cos “debates arredor da diversidade de xénero e as sexualidades non normativas”, recollidos nas programacións dalgúns centros “de modo evidente”, pero que logo non se traducen nunha maior presenza de artistas do colectivo LGBTI+ nos museos.


A xornada concluíu coa mesa “Arte, muller e institucións na Galicia do século XXI”, na que, ademais de Miguel Anxo Rodríguez, participaron Santiago Olmo e Susana González coa moderación de Sofía Santos. O director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Santiago Olmo, explicou como inflúen as liñas de traballo na construción dunha colección pública, pois “programa e colección nútrense mutuamente”. Porén, “para que a engrenaxe funcione é preciso que haxa continuidade orzamentaria para a colección e flexibilidade no programa”, recalcou. Neste sentido, Olmo aludiu a que a colección é un “campo aberto ás oportunidades” e tamén a que “non sempre se pode comprar o que se necesita, por iso é imprescindible establecer para a colección estruturas de conexións, friccións e afinidades, que permitan moita flexibilidade crítica e visual”.

Xa no que atinxe ao labor propio do CGAC, subliñou que desde os inicios da institución se considerou a atención ás artistas mulleres e ás cuestións de xénero. “Nos anos máis recentes esas liñas de investigación abordaron a performance e o escénico, o xénero a través do corpo, así como discursos críticos decoloniais e políticos, con moita presenza de mulleres”, afirmou. Así mesmo, Olmo destacou o “papel dinamizador que supuxo a programación anual para artistas galegos de media carreira”, unha programación en que se quixo tamén reflectir os “cambios e a evolución do medio artístico en Galicia a través da presenza de mulleres artistas” con exposicións como Cultivar incertezas: reformular o espazo / conmocionar a mirada.

Pola súa banda, Susana González, directora da colección de arte da Fundación María José Jove (FMJJ), resaltou como, a través desta colección artística, se busca revisar e corrixir “as desigualdades estruturais que afectaron á representación e participación das mulleres na arte”. Explicou que, xunto á incorporación de obras á colección, a FMJJ favorece a equidade por medio do seu programa de mecenado (becas, residencias, premios...). Procura, deste xeito, “configurar un contexto máis equitativo que mitigue a fenda de xénero no ámbito da arte”, un obxectivo que está en liña coa responsabilidade social da fundación de “fomentar unha comunidade artística plural e inclusiva para todas as persoas”, concluíu Susana González.