NOTICIA

----

Profesionais revisan a situación das mulleres na creación artística contemporánea galega

A afluencia de mulleres na arte constitúe un fenómeno emerxente. Os datos dispoñibles a nivel estatal empezan a amosar un achegamento á paridade (a feira de arte contemporánea máis importante de España, ARCO, acadou este ano o 40 % de presenza feminina), pero con moitos espazos aínda por igualar. A situación galega foi radiografada en 2015 no informe Arte + mulleres. Creadoras galegas, elaborado pola Sección de Creación e Artes Visuais do Consello da Cultura Galega (CCG) e coordinado por Marisa Sobrino. Coa intención de actualizar ese estudo e de coñecer de primeira man a situación actual, a Sección organiza a xornada As creadoras galegas no século XXI, na que participan artistas e responsables de museos e coleccións. A cita, coordinada por Rosario Sarmiento e Sofía Santos, terá lugar o mércores 24 de abril.

A xornada arrincará dándolles voz a tres creadoras con perfís diferentes e complementarios para entender os retos aos que se enfrontan neste primeiro cuarto do século XXI. Por unha banda estará Mónica Alonso, artista plástica e académica que se formou na Universidad de Salamanca e que conta cunha traxectoria recoñecida e destacada. Por outra banda, participará Celeste Garrido, que desenvolve un traballo creador en clave feminista, cunha obra sólida que conta co recoñecemento dunha xeración. Completa a mesa coordinada por Rosario Sarmiento, Alejandra Pardo, unha artista moi nova formada en Galicia, na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, que desenvolve un traballo cun importante peso conceptual, un ámbito non sempre positivo para as mulleres.

A continuación, Miguel Anxo Rodríguez, profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, ofrecerá unha panorámica sobre a situación das mulleres na arte contemporánea a raíz da investigación recente que elaborou sobre a presenza de mulleres artistas nas coleccións dos museos públicos galegos. No informe publicado polo CCG en 2015, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) era o que tiña na súa colección un maior número de creadoras (27 %), seguido pola Fundación Jove (23 %), a Fundación Barrié (13 %) e a Fundación RAC (13 %). Ademais, Miguel Anxo Rodríguez participará tamén na mesa titulada “Arte, muller e institucións na Galicia do século XXI”, coordinada por Sofía Santos, na que, xunta el, intervirán o director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago Olmo, e a directora da colección de arte da Fundación María José Jove, Susana González.

A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta cita insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. Coordinada por Manuel Quintana Martelo, ten como membros a Paula Cabaleiro, Carmen Díaz Cacheda, Miguel Fernández-Cid, Jesús Pastor, María Asunción Rodríguez, Luis Rosón, Ramón Rozas, Sofía Santos, Rosario Sarmiento, Manuel Vilariño e Lucila Yáñez. Entre as actividades que organiza a Sección cómpre mencionar Revisando a nosa arte, un ciclo que pretende achegarse ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX.