Ramón Piñeiro

Álbum de Galicia

Ramón Piñeiro

Mércores, 29 de maio de 2024
consellodacultura.gal
Difusión
Álbum de Galicia

Ramón Piñeiro

consellodacultura.gal

Ramón Piñeiro

Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, a colección biobibliográfica do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora a entrada de Ramón Piñeiro (Armea de Abaixo, Láncara, 1915 – Santiago de Compostela, 1990) no ronsel do aniversario do seu nacemento, que se conmemora este venres 31. Filósofo, ensaísta, publicista e académico, o seu compromiso co dereito ao autogoberno do pobo galego e coa defensa da lingua e cultura propias erixírono como un dos principais referentes do galeguismo do século XX. Xosé Luís Pastoriza Rozas asina a entrada, na que destaca o seu papel na Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade en 1983, ano en que foi elixido primeiro presidente do CCG.
Na biografía, Pastoriza Rozas subliña que Ramón Piñeiro se formou intelectualmente no galeguismo e que comezou a militar nas Mocedades Galeguistas (MG) a finais de 1932. Coñeceu os principais líderes do Partido Galeguista ao participar nalgunhas das súas actividades, como na campaña a favor do Estatuto de autonomía, e situouse “a carón de Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, Pepe Velo ou Celso Emilio Ferreiro” na dirección da Federación de Mocedades Galeguistas, explica o autor da súa entrada. Nela, tamén subliña que Ramón Piñeiro se viu obrigado a combater na “Guerra Civil como soldado de infantería”, ao tempo que indica como retomou o contacto “cos vellos camaradas das MG” tras o remate do conflito.

Así, a mediados de 1943, participou na reactivación do Partido Galeguista e, dous anos despois, foi nomeado secretario político da formación. En 1946 foi detido nunha redada no café Pidoux de Madrid e condenado a seis anos de cadea, dos que cumpriu tres. Durante ese período, “o grupo galeguista de Vigo, liderado por Francisco Fernández del Riego e Xaime Isla, mantivera informado a Piñeiro do labor político-cultural desenvolvido”, un labor que incluía a proxección “de crear unha editorial e unha revista cultural galega sucesora de Nós”, indica Pastoriza Rozas. Dese proxecto naceu en 1950 a Editorial Galaxia, da que Piñeiro foi nomeado director literario e na que promoveu “a aparición dunha industria cultural galega”, continúa.

A biografía fai tamén alusión á súa participación na reactivación da Real Academia Galega —da que sería elixido membro numerario en 1963— e a que Piñeiro “desenvolveu un infatigable traballo de animación e tonificación galeguista de intelectuais novos e vellos”. Xunto con Celestino Fernández de la Vega, traduciu ao galego o Cancioeiro da poesía céltiga, de Julius Pokorny, e a conferencia Da esencia da verdade, de Martin Heidegger. Así mesmo, denunciou a represión lingüística do galego por parte da ditadura na asemblea xeral da UNESCO do ano 1954 e defendeu o “idioma como patrimonio cultural e esencia da identidade de Galicia” no relatorio colectivo A defensa do idioma, vencello espiritoal de tódolos galegos (Bos Aires, 1956). Desde 1963, dirixiu con Francisco Fernández del Riego a cabeceira Grial. Revista Galega de Cultura.

Pastoriza indica que Ramón Piñeiro “nunca renunciou á loita política pola democracia e as liberdades para Galicia” e, na década dos sesenta, fomentou a “creación dun sistema de partidos políticos de obediencia galega”. Xa entrada a Transición, promoveu o Manifesto dos 29 (1977), no que se reclamaba “o dereito de Galicia á autonomía”, e foi tamén un dos asinantes do Manifesto da aldraxe (1979). Tras aprobarse o Estatuto no ano 1980, concorreu ás primeiras eleccións autonómicas de 1981 como independente nas listas do PSG-PSOE e saíu electo pola provincia da Coruña. “O seu legado como deputado autonómico plasmouse na Lei de normalización lingüística aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia en xuño de 1983”, continúa o autor da súa entrada. Nese mesmo ano foi elixido como o primeiro presidente do Consello da Cultura Galega, un posto en que estivo ata a data do seu falecemento en 1990.
Xunto co texto da súa biografía, o Álbum de Galicia divulga algúns dos escritos e artigos que publicou Ramón Piñeiro, a conferencia que pronunciou sobre “Otero Pedrayo na cultura galega” e mais algunhas das moitas cartas que enviou e nas que, como explica Pastoriza Rozas, “confortou e alentou afectos favorables ao galeguismo e á lingua e cultura galega”.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 725 entradas, das cales as máis recentes son as de Genoveva Vázquez Calviño, Xohana Torres, Martín Codax, Meendinho e Johan de Cangas.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
 
Difusión.
Álbum de Galicia
Ramón Piñeiro
Data de publicación
Mércores, 29 de maio de 2024
Onde
consellodacultura.gal
Autoría
Xosé Luís Pastoriza Rozas
Obxeto de estudo
Ramón Piñeiro