Documentación SocietariaCustodiar, preservar e difundir a memoria da emigración galega son as finalidades principais do Arquivo da Emigración Galega. Un dos feitos máis salientables da colectividade galega no exterior foi a fundación de asociacións de moi diversa tipoloxía (asistenciais, instrutivas, culturais, mutualistas, recreativas etc.) nas que os e as emigrantes ademais de atopar axuda e protección mutua na súa vida cotiá tamén conseguiron manter viva a cultura e os costumes da nosa terra nos países onde se asentaron, creando espazos de sociabilidade propios. A colectividade galega creou entidades para manter viva a lembranza do terruño e enviar remesas coas que contribuír ao desenvolvemento da nosa terra.
Neste proxecto o AEG pon a disposición das persoas interesadas os fondos xerados por estas institucións que ao longo dos anos se foron recompilando para a súa preservación e difusión. Libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ... estarán na nosa web para a súa consulta.
Memoria documental das sociedades da emigración galega
Organización Republicana Gallega Autónoma (O.R.G.A.)
Sección Arxentina. Bos Aires, 22 de abril de 1930 - 1933
Organización Republicana Gallega Autónoma (O.R.G.A.)
Sección Arxentina. Bos Aires, 22 de abril de 1930 - 1933
consellodacultura.gal
En outubro de 1929, co remate da ditadura de Primo de Rivera, en Galicia prodúcese unha reactivación da actividade galeguista. Fúndase na Coruña a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) que consegue unificar varias correntes nacionalistas e de esquerda. Axiña espállase a noticia na colectividade galega alén mar e un grupo de galeguistas residentes na Arxentina decide organizarse para apoiar o proxecto. O 22 de abril de 1930 nace esta nova entidade política e galeguista co fin prioritario de darlle difusión e apoio económico á ORGA galega e se chamará «ORGA, sección argentina». Entre os seus fundadores e dirixentes están Antón Alonso Ríos, Eduardo Blanco-Amor, Avelino Díaz, Pedro Campos Couceiro, Miguel C. Alvarez, Antonio Iglesias, José Gamallo, José Liñares, Luis Raña, Maximino Blanco Rojo etc.
Nas páxinas do xornal Galicia, voceiro da Federación de Sociedades Gallegas (FSGA) inicia unha campaña para espallar as súas ideas a prol da consecución do Estatuto de Autonomía «La ORGA de Buenos Aires, formada por emigrados gallegos que aman con fervor a su tierra y que anhelan y trabajan en pro de una España grande y de una Galicia libre, próspera y digna (...) preocupada constantemente por el progreso económico y social de su región, reafirma una vez más, en esta hora histórica para la libertad de su tierra, su decisión inquebrantable de vencer (...) e inician una campaña a favor del triunfo del Estatuto Gallego en las próximas elecciones» (nº 244, 13 de decembro de 1931). A ORGA neses anos dirixiu as accións galeguistas e organiza varias subscricións para acadar doazóns que enviar a Galicia para financiar a campaña a favor do Estatuto galego que se estaba a levar a cabo. Un dos seus logros foi a iniciativa, – co apoio da Federación e do Centro Galego de Montevideo–, de enviar a Galicia unha delegación con representantes da colectividade do Río da Prata coa misión de influír de maneira directa na política galega. Viaxarán a Galicia, onde terán unha actividade política moi intensa, Antón Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo –quen chega a ser elixido deputado nas Cortes de 1931 e 1936–, Pedro Campos Couceiro e Julio Sigüenza.
En xuño de 1933 troca de nome e pasa a denominarse Orgaización Repubricana Nazonalista Galega.