Centro Cultural de Ponte Caldelas do 18 de novembro ao 04 de decembro de 2024Ponte Caldelas
Cando vemos saír o arco da vella, axiña centramos toda a nosa atención nel, xa que sabemos que é tan fermoso como efémero e excepcional. Porén, o arco da vella no noso presente é moito máis que un efecto visual. É un baúl de historias e contos, de soños e imaxinacións. É a representación de que moitas cousas diferentes poden integrar un todo, coa capacidade de iluminar o ceo e os nosos ollos cando os diriximos cara a el. É por isto polo que o arco da vella representa a diversidade, o bonito da diferenza integrada nunha construción visual composta de sete cores.
Non sempre temos a oportunidade de que o arco da vella se mostre ante os nosos ollos, pero cando o fai, brillando con todo o seu esplendor, lembramos que sempre estivo aí. O mesmo acontece coa diversidade que representa. Non sempre foi visible, pero sempre estivo con nós, agochada e disposta a ser sen medo despois da treboada.
Nesta exposición propoñémosche facer un percorrido polo noso propio arco da vella en Galicia. Viaxaremos polo pasado e polo presente a bordo dalgunhas ideas e conceptos que deron forma á defensa dos dereitos e liberdades das persoas que non se axustaron á norma sexual e de xénero, aos estereotipos e aos valores sociais que nos precederon. Apúntate connosco, quizais descubras que aínda queda moito camiño por andar.