Documentación SocietariaCustodiar, preservar e difundir a memoria da emigración galega son as finalidades principais do Arquivo da Emigración Galega. Un dos feitos máis salientables da colectividade galega no exterior foi a fundación de asociacións de moi diversa tipoloxía (asistenciais, instrutivas, culturais, mutualistas, recreativas etc.) nas que os e as emigrantes ademais de atopar axuda e protección mutua na súa vida cotiá tamén conseguiron manter viva a cultura e os costumes da nosa terra nos países onde se asentaron, creando espazos de sociabilidade propios. A colectividade galega creou entidades para manter viva a lembranza do terruño e enviar remesas coas que contribuír ao desenvolvemento da nosa terra.
Neste proxecto o AEG pon a disposición das persoas interesadas os fondos xerados por estas institucións que ao longo dos anos se foron recompilando para a súa preservación e difusión. Libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ... estarán na nosa web para a súa consulta.
Memoria documental das sociedades da emigración galega
Libros de presenzas, actas, estatutos, libros coa contabilidade e folletos de numerosas actividades conforman a documentación da sociedade “Xuventude de Galicia. Centro Gallego de Lisboa” que o Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de subir á rede no marco do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Unha iniciativa que permite visibilizar material procedente das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega para axudar a coñecer mellor o fenómeno migratorio.
A sociedade “Xuventude de Galicia. Centro Galego de Lisboa” xurdiu inicialmente coma unha rondalla para actuar nas diversas reunións festivas da capital lisboeta. Pero a boa acollida por parte da colectividade, fixo que aquel proxecto inicial acaba converténdose nunha asociación cultural, recreativa e de instrución co nome de Juventud de Galicia. “A primeira directiva desta nova entidade estivo formada por Manuel Álvarez Cobas, como presidente, José Lorenzo Cuevas, vicepresidente, Ramiro Vidal Carrera, primeiro secretario; Marcelino Outerelo Rocha, contador; Emilio Mobilla Rodríguez, tesoureiro, Ramiro Martín y Martín e Francisco Sánchez, como vogais” tal e como figura na documentación que xa está subida na rede no marco deste proxecto.
No ano 1910 aprobáronse os estatutos da entidade, que foi especialmente activa nos anos 20 e 30 do século pasado, xa que as súas actividades e reunións aparecían referenciadas tanto na prensa da colectividade española como na portuguesa. Festas, xantares e homenaxes a intelectuais e persoeiros destacados tanto galegos como portugueses forma parte da actividade que desenvolveu e que se pode recrear a través dos numerosos folletos que se conservan. Na historia desta sociedade destaca a creación do conxunto coral e artístico “Anaquiños da Terra” para difundir a música e o baile tradicional galego e tamén a creación dun equipo de fútbol que tivo grande sona polos seus triunfos nos anos 50 e 60.
Ademais, a súa actividade quedou recollida nas diferentes publicacións que a entidade editou baixo os nomes Juventud de Galicia, Heraldo de Galicia, La Voz de Breogán, Boletín de Xuventude de Galicia, Galicia ó Lonxe ou O Galego, algúns deles dispoñibles tamén en rede grazas ao proxecto do Arquivo da Emigración Galega chamado Repertorio de prensa da emigración galega.
O proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega
O AEG puxo en marcha en 2024 o proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. A iniciativa promove a divulgación dos fondos documentais que se custodian neste Arquivo do CCG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. A divulgación desta selección dos fondos é de periodicidade mensual, en cada entrega cólganse na Rede os documentos xerados por estas institucións, nos cales constan libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ou imaxes. A meta desta iniciativa é a de contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.
Entre os últimos números subiuse documentación das sociedades Calo y Biduido, Hijos del Ayuntamiento de Boiro, Casa de Galicia ou Hermandad gallega de Venezuela.