Difusión - Enfermaría: a ciencia de saber coidar. Martes, 13 de maio de 2025

Enfermaría: a ciencia de saber coidar

Proxector Difusión

Enfermaría: a ciencia de saber coidar

Martes, 13 de maio de 2025
consellodacultura.gal
Difusión
Proxector

Enfermaría: a ciencia de saber coidar

consellodacultura.gal

Enfermaría: a ciencia de saber coidar

Proxector

A nova entrega de Proxector, iniciativa de divulgación científica en lingua galega promovida polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Universidade de Santiago (USC), afonda neste mes de maio na axuda que nos ofrecen os profesionais da enfermaría. Baixo o título “Enfermaría: a ciencia de saber coidar” escólmanse unha ducia de vídeos que nos achegan a biografía de tres mulleres galegas que foron pioneiras neste eido (Isabel Zendal, Elena López Mourín e Ramona Vaamonde) máis unha selección de recursos didácticos e divulgativos que nos falan da enfermaría, tanto desde o punto de vista práctico como académico.
Cada 12 de maio celébrase o Día Internacional da Enfermaría, en homenaxe ao día en que naceu, en 1820, Florence Nightingale, considerada a fundadora da enfermaría moderna, polo seu labor asistencial na guerra de Crimea. Ao fío desta celebración, o especial deste mes de Proxector, escolma recursos científicos de carácter divulgativo na nosa lingua. Entre eles, un vídeo de TED, traducido ao galego por Claudia Ríos, no que Carolyn Jones reivindica a importancia dos profesionais da enfermaría dentro do sistema sanitario, tanto polo traballo que desenvolven cos propios pacientes como cos seus familiares. Neste vídeo amósanos as historias persoais dalgúns dos enfermeiros e enfermeiras que coñeceu durante os cinco anos que pasou traballando na realización dun documental.

Hai tres galegas destacadas no ámbito da enfermaría: a primeira delas é Isabel Zendal. Orixinaria de Ordes está considerada a primeira enfermeira da historia en participar nunha misión humanitaria internacional. Formou parte da Real Expedición Filantrópica da Vacina (1803-1812), dirixida polo doutor Francisco Xavier Balmis co obxectivo de levar a vacina da varíola a América, tal e como nos conta neste vídeo Carmela Cela. A segunda é Elvira López Mourín, orixinal de Láncara (Lugo), que formou parte do primeiro voo de carácter sanitario da historia de España, realizado o 1 de novembro de 1922 co obxectivo de socorrer os feridos da batalla de Tizzi Azza en Marrocos. A terceira é Ramona Vaamonde (1907-1997), microbióloga e profesora da Universidade de Santiago de Compostela. Durante a guerra civil o seu laboratorio convértese no Laboratorio de Farmacia Militar de Santiago, onde se producen os fármacos para os soldados de guerra e nesta mesma etapa a nosa protagonista acada tamén o título de enfermeira. En 1975 o seu papel foi decisivo na detección do virus do cólera en Santiago, evitando deste xeito unha epidemia.

No especial inclúense vídeos que nos falan de aspectos básicos da educación para a saúde no que respecta á nutrición; das nocións destacadas do sistema ABCDE que se emprega para a valoración inicial do paciente en situacións de emerxencia; das recomendacións para mobilizar, tanto activa como pasivamente; de realizar cambios posturais cos pacientes encamados; ou de consellos para o manexo avanzado de osixenación e ventilación dun paciente inconsciente. Hai tamén un par de vídeos para coñecer as diferentes opcións educativas para formarse nesta práctica (no Grao Medio en Coidados Auxiliares de Enfermaría e no grao superior en Enfermaría) ou como funciona a Academia de Enfermería de Galicia.

Proxector
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a recompilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.
O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), sumouse á iniciativa e comezou a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o CCG acordou asumir tamén a custodia dos datos recompilados ao longo destes anos e que, a partir de agora, estarán ao dispor da cidadanía no sitio web institucional.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados e o nivel de ensino no que se considera que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre ou dos diferentes despregables, que permiten filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.
 
Difusión
Proxector
Enfermaría: a ciencia de saber coidar
Data de publicación
Martes, 13 de maio de 2025
Onde
consellodacultura.gal
Organiza
Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CCG)
Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CCG)

Imaxe portada: Freepik