Enfermaría: a ciencia de saber coidar

Un 12 de maio de 1820 nacía Florence Nightingale, considerada a fundadora da enfermaría moderna, cuxo labor na guerra de Crimea a fixo merecedora de recoñecemento internacional. Como homenaxe a esta muller pioneira, cada 12 de maio conmemórase o Día Internacional da Enfermaría, co ánimo de recoñecer e poñer en valor a axuda que nos ofrecen estes profesionais xusto nos momentos en que estamos máis desprotexidos ou presentamos maior vulnerabilidade.

Neste especial de Proxector convidámoste a achegarte á biografía de tres mulleres galegas que tamén foron pioneiras no eido da investigación e a ciencia dos coidados: Isabel Zendal, Elena López Mourín e Ramona Vaamonde. A maiores, atoparás unha selección de recursos didácticos e divulgativos que nos falan da enfermaría, tanto desde o punto de vista práctico como académico, así como do importante papel que xogan os/as enfermeiros/as na calidade de vida dos doentes e das súas familias.

Isabel Zendal. A muller galega que participou na 1ª campaña de vacinación

Vídeo divulgativo (13´ 45´´) no que Carmela Cela nos fai un retrato biográfico de Isabel Zendal, unha muller galega, orixinaria de Ordes, que está considerada como a primeira enfermeira da historia en participar nunha misión humanitaria internacional. A enfermeira Isabel Zendal participou na Real Expedición Filantrópica da Vacina (1803-1812) , dirixida polo doutor Francisco Xavier Balmis co obxectivo de levar a vacina da varíola a América.

Elvira López Mourín: primeira enfermeira da aviación sanitaria española

Vídeo divulgativo (10´ 18´´) no que se fai un retrato biográfico de Elvira López Mourín, unha enfermeira orixinal de Láncara (Lugo) que formou parte do primeiro voo de carácter sanitario da historia de España, realizado o 1 de novembro de 1922 co obxectivo de socorrer os feridos da batalla de Tizzi Azza en Marrocos.
Grazas á súa entrega e valentía foi merecente no seu momento do recoñecemento dos reis Alfonso XIII e Victoria Eugenia. Case un século despois, Elvira López Mourín protagonizou o selo de Correos co que se conmemorou en 2020 o Ano Internacional das Enfermeiras e Matronas.

Galegas na ciencia: Ramona Vaamonde

Vídeo divulgativo (1´ 24´´) no que Carmela Cela nos presenta a biografía de Ramona Vaamonde (1907-1997), microbióloga e profesora da Universidade de Santiago de Compostela. Durante a guerra civil o seu laboratorio convértese no Laboratorio de Farmacia Militar de Santiago, onde se producen os fármacos para os soldados de guerra e nesta mesma etapa a nosa protagonista acada tamén o título de enfermeira. En 1975 o seu papel foi decisivo na detección do virus do cólera en Santiago, evitando deste xeito unha epidemia.

Homenaxe á enfermaría

Vídeo de TED (10´ 49´´) no que Carolyn Jones reivindica a importancia dos profesionais da enfermaría dentro do sistema sanitario, tanto polo traballo que desenvolven cos propios pacientes como cos seus familiares. Neste vídeo amósanos as historias persoais dalgúns dos enfermeiros e enfermeiras que coñeceu durante os cinco anos que pasou traballando na realización dun documental, que representan o heroico labor que este colectivo profesional desenvolve a diario.

Tradución ao galego de Claudia Ríos.

Diagnóstico e educación nutricional

Antonio Rodríguez, profesor da Facultade de Enfermaría da USC, preséntanos neste vídeo (2´ 38´´) o proxecto de aprendizaxe e servizo (ApS) “Diagnóstico e educación nutricional nun escenario real”, no que colaboran o alumnado de enfermaría e o de ciencias da educación, co ánimo de aprender aspectos básicos da educación para a saúde no que respecta á nutrición. O obxectivo final é que os nenos e as nenas aprendan como deben alimentarse para chegar a acadar no futuro cidadáns formados e autónomos que saiban levar unha vida máis saudable.

Aproximación ao sistema ABCDE

Vídeo didáctico (1´ 28´´ ) elaborado no marco do curso “Coidados de enfermaría en emerxencias vitais”. Nesta peza explícannos os conceptos básicos do sistema ABCDE, empregado para a valoración inicial do paciente en situacións de emerxencia.

O vídeo foi elaborado pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS).

Encamados, cambios posturais e vida activa

Vídeo breve (1' 45'') no que o Colexio de Fisioterapeutas de Galicia ofrece recomendacións para mobilizar, tanto activa como pasivamente, e realizar cambios posturais cos pacientes encamados. Forma parte da colección "Consellos para vivir mellor".

Manexo da vía aérea

Vídeo didáctico (5´ 10´´) no que se explica como se realiza o manexo avanzado de osixenación e ventilación dun paciente inconsciente.

A peza foi elaborada pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) no marco do curso “Coidados de enfermaría en emerxencias vitais”.

A detección e intervención en violencia de xénero no ámbito da enfermaría

A traballadora social Celsa Perdiz dialoga neste vídeo (10´ 48´´) con Mar de la Peña, enfermeira e coordinadora do grupo de traballo de violencia de xénero da Consellería de Sanidade, sobre o importante labor que desenvolven os profesionais da enfermaría na detección e intervención de casos de violencia de xénero.

Esta peza divulgativa foi elaborada pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS).

O Grao Medio en Coidados Auxiliares de Enfermaría

Gustaríache saber de que trata o Grao Medio en Coidados Auxiliares de Enfermaría? O alumnado do CIFP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa) explícacho neste vídeo divulgativo. Descubrirás en pouco máis de 2 minutos cales son as funcións e as principais saídas profesionais dos técnicos/as en coidados auxiliares de enfermaría.

Grao en Enfermaría na USC

Neste vídeo divulgativo (2´ 05´´) preséntase o Grao en Enfermaría que pode estudarse na USC. Descubrirás que funcións desempeña un/unha titulado/a neste grao, que saídas profesionais ten, cales son as características xerais do título e que materias forman parte do plan de estudos.

Este vídeo está dirixido a alumnado de ensino secundario e elaborouse no marco do programa “A Ponte entre o Ensino Medio e a USC”.

A Academia de Enfermería de Galicia

A Academia de Enfermería de Galicia foi creada en 2023 para apoiar, difundir e darlle visibilidade á ciencia da enfermaría. Nesta charla divulgativa (17´ 17´´) o seu presidente, Isidoro Rodríguez Pérez, explícanos con detalle cales son as funcións desta entidade.

A charla foi organizada en xuño de 2023 pola Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS).