Difusión - Centro Vivariense. Xoves, 31 de xullo de 2025

Centro Vivariense

Memoria documental das sociedades da emigración galega

Centro Vivariense

Bos Aires, 1908-1943

Xoves, 31 de xullo de 2025
consellodacultura.gal
Difusión
Memoria documental das sociedades da emigración galega

Centro Vivariense

Bos Aires, 1908-1943

consellodacultura.gal
A principios do século XX, o Partido Xudicial de Viveiro abranguía seis municipios —Viveiro, Cervo, Jove, Muras, Orol e Riobarba—, unha comarca da Mariña lucense onde o mar e a terra conviven en armoniosa fermosura. Dende estes lugares partiron moitos homes e mulleres na procura dun futuro mellor, sendo Arxentina un dos seus destinos preferidos. A partir de 1857 naceron infinidade de sociedades que configuraron un tecido étnico diverso e plenamente integrado na identidade plural do país.
O 25 de outubro de 1908, os emigrantes mariñáns lograron aunar vontades e proclamaron a constitución do Centro Vivariense. Esta sociedade naceu da necesidade de prestar axuda, protección e recreo aos seus conterráneos residentes na “Raíña do Prata”. Na acta de constitución aparecen como membros da primeira Comisión Directiva: Antonio Díaz, presidente; Antonio García, vicepresidente; José Peón, secretario; Francisco García, pro secretario; Lucio Fernández, tesoureiro; Francisco Fernández, pro tesoureiro; Gervasio López, bibliotecario; Carlos Fernández, Vicente Leal, Antonio Guerreiro, José Fernández e Francisco Rebolo, vogais; Antonio López, Eduardo López, Francisco Plá e Juan Martínez, suplentes. En 1909 foi nomeado presidente honorario o escritor e caricaturista José M. Cao e vicepresidente honorario o poeta Alfredo García Dóriga, este último residía en Viveiro.
Esta entidade societaria organizaba actividades recreativas e artísticas con fins recadatorios a beneficio dos socios e apoio ás diversas iniciativas creadas en Galicia, ao mesmo tempo que se fortalecían os vínculos co resto da colectividade residente na capital arxentina. As axudas aos socios enfermos e necesitados están contempladas nos estatutos da entidade, así como o pago dos billetes en caso de repatriación.
As veladas artísticas desta entidade societaria celebrábanse en lugares populares como a coñecida Sala Suiza, Giuseppe Garibaldi ou Unione e Benevolenza. Nelas conmemoraban as datas festivas tanto de Arxentina como de Galicia. Comedias teatrais, bailes e festas campestres amenizaban os momentos de ocio dos socios e socias do Centro Vivariense. Parte dos seus fondos destinábanse a apoiar iniciativas locais a través de subscricións abertas como a de 1925, para a adquisición do mausoleo do benefactor de Viveiro Ramón Díaz Freijo ou para as axudas enviadas ás viúvas dos pescadores afogados nas rías de Viveiro.
A pesar dos bos propósitos de avanzar como asociación independente, xurdiron certas desavenencias que, xunto co descenso no número de socios, provocaron cambios e roturas internas no seo do Centro Vivariense. Finalmente, a entidade desapareceu en 1943. Na asemblea do 13 de febreiro dese ano, ratificouse o acordo de adhesión ao Centro Lucense de Bos Aires.

DOCUMENTACIÓN ATOPADA NO ARQUIVO DA EMIGRACIÓN GALEGA
LIBROS DE ACTAS. Reunións da Comisión Directiva (1908-1915)
LIBROS DE ACTAS. Reunións da Comisión Directiva (1921-1926)
LIBRO DE ACTAS. Reunións da Comisión Directiva e Asembleas de socios (1929-1943)
 
Difusión
Memoria documental das sociedades da emigración galega
Centro Vivariense
Bos Aires, 1908-1943
Data de publicación
Xoves, 31 de xullo de 2025
Onde
consellodacultura.gal
Organiza
Arquivo da Emigración Galega (CCG)
Arquivo da Emigración Galega (CCG)