Especial - Unión de San Simón y Samarugo (A Habana, 1913). Xoves, 30 de outubro de 2025

Unión de San Simón y Samarugo (A Habana, 1913)

Memoria documental das sociedades da emigración galega

Unión de San Simón y Samarugo (A Habana, 1913)

Xoves, 30 de outubro de 2025
consellodacultura.gal
Especial
Memoria documental das sociedades da emigración galega

Unión de San Simón y Samarugo (A Habana, 1913)

consellodacultura.gal
A principios do século XX, moitos galegos e galegas naturais das parroquias vilalbesas de San Simón da Costa e Samarugo (Lugo) partiron cara a Cuba e, como tantos outros emigrantes, axiña se decataron da imperiosa necesidade educativa que podían cubrir na súa comunidade de orixe, a través da construción e do sostemento dunha casa-escola en cada unha destas parroquias. Así, en 1913 comezou a materialización desa arela, coa fundación da denominada “Sociedad de Instrucción, Beneficencia y Recreo Unión de San Simón y Samarugo”, presidida por Jesús Rouco Cortiñas e sendo os demáis membros da primeira xunta directiva: Jesús Otero, vicepresidente; José María Fraga, secretario; Antonio López Graña, vice-secretario; Santiago Prieto, tesoureiro; Jesús Cuba Restrebada, vicetasoureiro; Antonio Yáñez Fraga, José Gacio García, José Antonio López, Jesús González Cortiñas, Ramón Díaz Funcasta, Manuel García Trastoy, Ramón Barro Palo, vogais; José Cortiñas Insua e Ramón López; suplentes.
O dobre propósito desta sociedade de instrución foi recollido nos seus estatutos sociais: “la protección mutua, material y moral entre todos los emigrados de ambas parroquias y la creación de una casa-escuela con todos los adelantos modernos en el punto más céntrico y más conveniente de las citadas parroquias, Samarugo y San Simón».”
Para trazar o comezo do proxecto de edificación creouse a primeira Sección de Propaganda de Instrucción y Beneficencia. O comité tiña representación en San Simón da Costa e encargaríase de atopar o terreo axeitado, tramitar a aprobación dos planos, conseguir os materiais de construción, entre outras encomendas realizadas desde A Habana. Dita sección estaba integrada polos señores: Antonio Vázquez Gacio, Ramón Santomé, José Prieto, José María Fraga, José Chao e Gabriel Cortiñas.
As palabras do afamado xastre galego Generoso Hermida, propietario de La Rusquella (rúa do Bispo 139, A Habana), reflicten á perfección o sentimento compartido polos socios desta entidade:
“La Unión es la sociedad que todos los de San Simón y Samarugo que vivimos en La Habana hemos fundado y mantenemos con la gallardía que debemos, para llevar la cultura a nuestros pueblos fundando escuelas, sosteniéndolas, exaltando con nuestro fervor el despertar a la vida de la instrucción el alma de nuestros hermanos de allá”. Diario de la Marina, 28 de novembro de 1915.
Para evitar a demora derivada dos trámites e da execución das obras, a finais de 1917 a “Unión” optou por alugar unha casa en San Simón, pertencente aos “Señores Guntín”, coa finalidade de que 175 nenos e nenas puidesen asistir ás aulas e iniciar, canto antes, os seus respectivos procesos de aprendizaxe. Segundo a inscrición epigráfica, o edificio escolar data de 1921, aínda que o seu funcionamento non se formalizou ata uns anos máis tarde.
A publicación vilalbesa Galicia Pintoresca: Revista quincenal ilustrada, no seu número 37, datado o 1 de decembro de 1917, recollía a noticia do inicio das clases provisionais financiadas pola sociedade e expresaba estas palabras de recoñecemento: “¡Así se trabaja por la cultura, y así laboran nuestros coterráneos de allende los mares por el progreso de su terruño!”
A través da organización das diversas actividades recreativas realizadas pola Unión —como as festas campestres en Palatino ou en La Tropical, onde a gaita e o danzón convivían en perfecta harmonía— recadábanse fondos destinados a “ayudar con su producto a los niños de sus adorables rincones nativos; niños que mañana serán gallegos dignificados por la cultura”.
No que respecta á parroquia de Samarugo, tamén se mantiveron as aulas nunha casa alugada desde 1928, mentres se preparaban as obras da escola.
Finalmente, debido a certos inconvenientes, a sociedade de emigrantes decidiu proceder á cesión de cada escola á súa correspondente parroquia, sendo estas administradas a través dos padroados respectivos, obrigados a garantir a continuidade dos fins educativos perseguidos pola sociedade. A cesión fíxose efectiva en 1950, cando pasaron ás mans do Concello de Vilalba.
Para saber máis sobre a historia das escolas de San Simón da Costa e Samarugo, ademais da documentación que se achega neste especial, pódese consultar a web Escolas da Emigración, na que aparecen tanto datos históricos como aspectos técnicos e fotografías de ambas edificacións, hoxe convertidas en locais sociais do Concello de Vilalba.

DOCUMENTACIÓN ATOPADA NO ARQUIVO DA EMIGRACIÓN GALEGA

Libros de actas. Reunións da Xunta Directiva (1913-1921)

Libros de rexistro de socios (1917-1927)

Escritura de cesión da Casa-escola de Samarugo(1950)

Regulamento de Unión de San Simón e Samarugo (1956)
Ligazóns


AS ESCOLAS DA EMIGRACIÓN

Un proxecto do Arquivo da Emigración Galega
 
Especial
Memoria documental das sociedades da emigración galega
Unión de San Simón y Samarugo (A Habana, 1913)
Data de publicación
Xoves, 30 de outubro de 2025
Onde
consellodacultura.gal
Autoría
Arquivo da Emigración Galega (CCG)
Arquivo da Emigración Galega (CCG)