Facultade de Letras, Universidade de Lisboa, do 11 ao 28 de novembro de 2025Lisboa
“Sob o signo de Camões. Exposição do livro galego da FLUL” é o título da mostra coa que o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e a Facultade de Letras da Universidade de Lisboa abren esta mostra que achega a presenza da figura e da obra de Camões en Galicia, desde o século XVI ata os nosos días. A exposición, comisariada por Ana Tarrío, segue unha orde cronolóxica, e ofrece unha selección representativa, elaborada a partir de exemplares que pertencen maioritariamente ao Fondo Galego da Biblioteca da FLUL, así como doutros fondos da mesma Biblioteca que testemuñan o aprecio pola cultura galega por parte de diversos escritores portugueses como son o Fondo David Mourão Ferreira, o Fondo Leite de Vasconcelos, o Fondo Fidelino Figueiredo, o Fondo do Centro de Lingüística da FLUL, máis o fondo procedente da biblioteca de Pilar Vázquez Cuesta, doctora honoris causa pola Universidade de Lisboa, investigadora e profesora destacada na difusión da cultura galega e española en Portugal.
A exposición percorre a influencia de Camões poñendo de manifesto como a súa obra poética marcou a escrita de figuras esenciais da literatura galega. Arrinca con Martín Sarmiento, erudito que denunciou o esquecemento das raíces galegas da lingua portuguesa e da súa tradición cultural compartida. E obras en que se manifesta a pegada de Camões, como Os Eoas de Eduardo Pondal, Cantares gallegos de Rosalía de Castro —representado cunha edición de 1909—, Señardá de Aquilino Iglesia Alvariño e o discurso Alba de Gloria de Castelao. A exposición complétase coa presenza doutros autores nos que tamén resoa a súa influencia, como Murguía, Bouza Brey, Lugrís Freire, Otero Pedrayo e Miguel Anxo Fernán Vello, testemuñando así a vixencia do diálogo literario e simbólico entre Galicia e Portugal.