O 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración, que nesta edición se lle dedica a Siro López (Ferrol, 1943), referente da caricatura en Galicia. O Consello da Cultura Galega (CCG) súmase á efeméride convocada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) coa posta na rede do fondo Colección Siro López. No propio día da celebración publicaranse no web institucional o fondo doado polo autor á institución, que contén 61 caricaturas de persoeiros da cultura, así como unha entrevista en profundidade realizada por Xermán Hermida para culturagalega.gal, o portal de divulgación cultural do CCG.
Siro López é unha figura central da caricatura galega contemporánea. Da súa man saíron arredor dunhas seis mil caricaturas, pero tamén ten feito retratos e outros traballos. Na entrevista achega as súas reflexións sobre o humor e o debuxo galego, repasa a súa propia traxectoria con anécdotas da súa carreira como caricaturista político, ademais de facer un percorrido pola historia da caricatura en Galicia. Alén da entrevista que publicará culturagalega.gal, o web corporativo poñerá en rede o fondo Siro López doado polo autor.
O fondo Siro López
O fondo está composto por 60 caricaturas máis un autorretrato. Ocupa un lugar central nesta colección a literatura, xa que reúne voces fundamentais da tradición galega, española e universal, entre as que figuran nomes como Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Manuel Murguía, Valle-Inclán, Federico García Lorca, Eduardo e José Blanco Amor, Rafael Dieste, Wenceslao Fernández Flórez, Julio Camba ou Dante Alighieri. Tamén hai autores contemporáneos como Carlos Casares, Xohana Torres, Uxío Novoneyra, Manuel María, Darío Xohán Cabana, Xela Arias, Eva Veiga, Luz Pozo Garza, María Victoria Moreno ou Xosé Luís Méndez Ferrín. Siro capta neles non só a identidade física, senón tamén a intensidade da palabra e o peso da obra. Xunto á creación literaria, a colección detense nas figuras do pensamento, do ensaio e da conciencia cultural. Intelectuais como Ramón Piñeiro, Ricardo Carballo Calero, Vicente Risco, Francisco Fernández del Riego, Antonio Fraguas ou Fermín Penzol aparecen xunto con voces singulares do xornalismo e da reflexión pública, como Borobó ou Xesús Alonso Montero.
A dimensión artística e visual complétase coa presenza de creadores que fixeron da arte un espazo de intervención cultural. Castelao, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo, Xaquín Marín, Xosé Vizoso ou Francisco Pestana aparecen como referentes dun imaxinario colectivo no que entran o debuxo, o deseño e a plástica, pero tamén a identidade e a memoria. A música, representada por Amancio Prada, introduce unha dimensión sonora e emocional que amplía o alcance expresivo da colección.