Documentación SocietariaCustodiar, preservar e difundir a memoria da emigración galega son as finalidades principais do Arquivo da Emigración Galega. Un dos feitos máis salientables da colectividade galega no exterior foi a fundación de asociacións de moi diversa tipoloxía (asistenciais, instrutivas, culturais, mutualistas, recreativas etc.) nas que os e as emigrantes ademais de atopar axuda e protección mutua na súa vida cotiá tamén conseguiron manter viva a cultura e os costumes da nosa terra nos países onde se asentaron, creando espazos de sociabilidade propios. A colectividade galega creou entidades para manter viva a lembranza do terruño e enviar remesas coas que contribuír ao desenvolvemento da nosa terra.
Neste proxecto o AEG pon a disposición das persoas interesadas os fondos xerados por estas institucións que ao longo dos anos se foron recompilando para a súa preservación e difusión. Libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ... estarán na nosa web para a súa consulta.
Memoria documental das sociedades da emigración galega
consellodacultura.gal
Se atendemos á dimensión motivacional do fenómeno migratorio, observamos unha constante ao longo da súa historia: a procura recorrente dun futuro mellor, con independencia das causas estruturais específicas que impulsan a migración e da heteroxeneidade dos perfís das persoas migrantes.
Desde finais do século XIX e durante o século XX, o fenómeno da emigración galega a América estivo marcado por unha dinámica que, en numerosas ocasións, transcendeu o ámbito estritamente individual para adquirir unha dimensión colectiva, evidenciada na creación de numerosas sociedades de instrución e centros galegos en cada país de destino. Estas entidades tiñan a finalidade de mellorar tamén o futuro das súas comunidades de orixe, a través da fundación de escolas e a creación de servizos de distinta índole que paliaron as penalidades económicas de quen permanecía en Galicia.
A saída de milleiros de galegos e galegas impulsou centos de iniciativas para a construción de escolas —entre outras moitas obras de contribución ao desenvolvemento agrícola, mercantil, industrial e asistencial— que se foron espallando pola xeografía galega e das que xa demos conta desde o Arquivo da Emigración Galega. Neste marco, a colectividade en América consolidou o seu papel activo mobilizando redes transnacionais de solidariedade e apoio mutuo. En definitiva, a historia da emigración galega non se escribe só con datos numéricos, senón con xestos de compromiso coa terra que quedou atrás, tanto por parte daqueles indianos que devolveron á súa terra parte do que lograran no estranxeiro como das mencionadas asociacións de emigrantes.
Así e todo, a colectividade galega tamén desenvolveu proxectos cun impacto significativo nas propias sociedades de acollida. A vontade de reafirmar e salvagardar da identidade cultural levou á posta en marcha de accións educativas que, respectando a idiosincrasia do país de destino, contribuíron á conformación dunha “pegada étnica” que aínda se mantén vixente co paso dos anos. Este é o caso do Colexio Castelao, emblemático na cidade de Caracas e cun labor continuado desde hai máis de sesenta anos, cumprindo o propósito de asegurar o vínculo das novas xeracións descendentes de emigrantes coa lingua e cultura de Galicia. O 17 de maio de 1962 o profesor Amancio Peleteiro presentou —ante a asemblea de socios convocada polo Comité Executivo da Hermandad Gallega de Venezuela— o anteproxecto para a fundación do Instituto Educacional da Hermandad Gallega. Peleteiro contaba cunha ampla traxectoria docente e desenvolvera un efectivo labor de xestión en Santiago de Compostela. Foi o creador do Colegio e Instituto Minerva en Caracas, centro que impartía clases diúrnas en todos os niveis educativos, desde preescolar ata bacharelato, e tamén clases nocturnas de bacharelato e contabilidade para adultos.
O proxecto foi ben acollido pero, antes de dar o paso definitivo, realizouse unha enquisa entre os socios e socias para medir o seu grao de compromiso, tanto na colaboración co proxecto como na posible matriculación dos seus fillos e fillas. A resposta positiva facilitou a posta en marcha da iniciativa, que respondía a un obxectivo claro: “servir mejor los intereses culturales de nuestra colonia, con métodos de enseñanza ultramodernos… propósito y de resultados comprobados... con locales construidos a propósito... siempre al servicio de la Hermandad”.
O Colexio Castelao fundouse o 7 de agosto de 1965, despois dun arduo labor do Comité Pro-escuelas Castelao e coa colaboración activa da directiva e do conxunto de socios e socias da entidade. A súa misión consistía en ofrecer unha educación integral e de calidade, mantendo a cultura e lingua galegas como parte dos contidos curriculares. A condición indispensable para ser alumno ou alumna deste colexio era que un dos proxenitores ou representantes legais fora socio da HGV. Dito requisito continua vixente na actualidade.
Nun principio, as actividades académicas iniciáronse sen unha sede propia, e impartíanse clases desde educación infantil (Kinder) ata os primeiros cursos de educación primaria. Pouco a pouco foise ampliando a cobertura educativa e a partir do curso 1987-1988 acadouse a etapa de bacharelato. Na actualidade, as instalacións deste colexio sitúase dentro do complexo da Hermandad Gallega de Venezuela, onde o alumnado desfruta dos servizos que brinda esta sociedade.
Cada ano celébrase o aniversario da creación do colexio con actividades artísticas, funcións teatrais en lingua galega, musicais e certames de diversa modalidade, sempre contextualizados para honrar a figura de Castelao e a cultura galega. En definitiva, o Colexio Castelao é unha mostra representativa do compromiso da emigración galega coa educación e da súa capacidade para artellar proxectos colectivos de grande alcance. Neste contexto, a emigración galega a Venezuela constitúe un fenómeno social estruturado que incide significativamente nos sistemas de acollida, reconfigurando redes e formas substanciais de organización comunitaria.
DOCUMENTACIÓN ATOPADA NO ARQUIVO DA EMIGRACIÓN GALEGA: