NOTICIA

----

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da sociedade “Hermandad Gallega de Venezuela”

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de poñer a disposición da cidadanía diferentes actas da sociedade venezolana “Hermandad Gallega de Venezuela”. Concretamente as que fan referencia á creación do Colexio Castelao, un referente da emigración galega que continúa activo. Este material difúndese no marco do proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”, que ten como obxectivo poñer en valor estes fondos documentais para ofrecer un mellor coñecemento e comprensión da traxectoria da emigración galega.

A documentación que se sube nesta entrega do proxecto amosa un deses proxectos cun impacto significativo nas sociedades de acollida. Entre as actas, destaca a que contén o “Informe preliminar para la fundación de un Instituto Educacional de la Hermandad Gallega de Venezuela” que daría lugar á creación do Colexio Castelao, un centro emblemático na cidade de Caracas “cun labor continuado desde hai máis de sesenta anos, cumprindo o propósito de asegurar o vínculo das novas xeracións descendentes de emigrantes coa lingua e cultura de Galicia” como asegura o especial. Fundado o 17 de maio de 1962 polo profesor Amancio Peleteiro, que contaba cunha ampla traxectoria docente e desenvolvera un efectivo labor de xestión en Santiago de Compostela e tamén creador do Colegio e Instituto Minerva en Caracas, presentou —ante a asemblea de socios convocada polo Comité Executivo da Hermandad Gallega de Venezuela— o anteproxecto para a fundación do Instituto Educacional da Hermandad Gallega.

Previa enquisa entre os socios, púxose en marcha a iniciativa, que respondía a un obxectivo claro: “servir mejor los intereses culturales de nuestra colonia, con métodos de enseñanza ultramodernos… propósito y de resultados comprobados... con locales construidos a propósito... siempre al servicio de la Hermandad”. O Colexio Castelao fundouse o 7 de agosto de 1965 coa misión de ofrecer unha educación integral e de calidade, mantendo a cultura e lingua galegas como parte dos contidos curriculares. Asegura o especial que o requisito, ainda vixente hoxe, “era que un dos proxenitores ou representantes legais fora socio da HGV”.

Arrincou con clases desde educación infantil ata os primeiros cursos de educación primaria, que logo foi ampliando ata etapa de bacharelato. Na actualidade, as instalacións deste colexio sitúase dentro do complexo da Hermandad Gallega de Venezuela, onde o alumnado desfruta dos servizos que brinda esta sociedade.

O proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”
O AEG puxo en marcha en 2024 o proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”. A iniciativa promove a divulgación dos fondos documentais que se custodian neste Arquivo do CCG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega.

A divulgación desta selección de fondos é de periodicidade mensual: en cada entrega cólganse na Rede os documentos xerados por estas institucións, nos cales constan libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ou imaxes. A meta desta iniciativa é contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.

Entre os últimos números subiuse documentación das sociedades Alianza Céltigos, Incio; Corbelle y sus contornos; Carballiño y su partido; a Liga Santaballesa de Educación e Instrución; Progreso de Lanzós; El Valle del Oro; do Centro Galego de Lisboa; das sociedades Calo y Biduido, Hijos del Ayuntamiento de Boiro, Casa de Galicia, Hermandad Gallega de Venezuela, ou Hijas de Galicia, entre outros.