Encontro - Encontro da Edición 2026. 1 e 2 de xullo de 2026

Encontro da Edición 2026

CCG. Acolle | Encontro

Encontro da Edición 2026

1 e 2 de xullo de 2026
Santiago de Compostela
CCG. Acolle | Encontro

Encontro da Edición 2026

1 e 2 de xullo de 2026 Santiago de Compostela
Acceso limitado ás persoas participantes no programa. Non aberto ao público.
Entre os días 30 de xuño e o 2 de xullo de 2026, Santiago de Compostela acolle o Encontro da Edición 2026, unha cita organizada pola Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), coa colaboración da Asociación Galega de Editoras (AGE) e CEDRO, que reunirá a representantes de toda a cadea do libro para debater sobre algúns dos principais retos aos que se enfronta a industria editorial analizar algunhas das preocupacións e desafíos do mundo do libro no Estado español. Tras dedicar a edición anterior ás políticas de fomento da lectura e a internacionalización das editoriais españolas, este ano porá o foco na colaboración entre os axentes do sector, a importancia dos contidos educativos no ensino; o avance da literatura infantil e xuvenil e do cómic, así como o fomento da edición nas linguas cooficiais do Estado ou a cooperación internacional na promoción do libro e a lectura.

O Consello da Cultura Galega colabora coa organización deste encontro acollendo as xornadas de traballo, que terán lugar os días 1 e 2 de xullo no Salón de actos do Consello da Cultura, na súa sede no Pazo de Raxoi en Santiago de Compostela. A apertura correrá a cargo da presidenta do CCG, Dolores Vilavedra; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; a directora xeral do Libro e Fomento da Lectura do MCU, María José Gálvez; o presidente da Asociación Galega de Editoras, Miguel Toval; e o presidente da Federación de Gremios de Editores de España, Manuel González.

A primeira mesa de debate estará dedicada á colaboración da cadea do libro como elemento clave de difusión das letras e a cultura. Nela participarán Miguel Iglesias, presidente de CEGAL, Astor García, presidente de FANDE Libros, Ignacio Manero, presidente de FEIGRAF; e Manuel González, presidente da FGEE. A sesión estará moderada por Fernando Benzo, secretario xeral da FGEE, e permitirá analizar a importancia de reforzar a cooperación entre editoriais, libreiras/os, distribuidoras e industrias gráficas perante os desafíos actuais do sector.

O programa tamén abordará a situación dos contidos educativos, da man de César Gómez, do Grupo SM, José Manuel Pazo, de Disma Libros e Cielo Fernández, da Federación de Librerías de Galicia. Esta mesa, moderada por Santiago Romero, director xeral de ANELE, analizará o papel dos libros educativos e a súa importancia no ecosistema editorial, a súa relación coa cadea do libro, e a súa importancia no proceso de ensino-aprendizaxe.

A literatura infantil e xuvenil será outro dos ámbitos destacados, nunha mesa con Eva Jiménez, de Editorial Flamboyant; Verónica García, de Distribuidora Machado Libros e Susana Barro, da librería El faro de los tres mundos. Moderada por Hadrián Ballesteros, de Kalandraka, abordará a evolución dun segmento que en 2025 facturou 649,67 millóns de euros, un 17,8 % máis ca no ano anterior, consolidándose como un dos segmentos con mellor evolución do mercado editorial español.

A celebración do encontro en Galicia permitirá tamén poñer o foco na edición e venda do libro en galego, éuscaro e catalán. Este debate contará coa participación de Oriol Magrinyá, de AELLEC; Mikel Esnal, de Elkar, e Mariña de Toro, da libraría Numax, e estará moderado por Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora. A mesa abordará os retos de edición, distribución, visibilidade e acceso aos catálogos nas linguas cooficiais, nun contexto en que Galicia se sitúa entre as comunidades que máis melloraron o seu índice de lectura en tempo libre durante os últimos cinco anos.

Por outra parte, o cómic, un dos formatos con maior crecemento nos últimos anos, contará cunha sesión específica. Nela intervirán José Luis del Río, de Apache Libros; Patricia Portabales, de Arnoia Distribución, e Ascensión Almodóvar, da libraría Serendipia e será moderada por Pedro Medina, de Fandogamia Editorial. En 2025, a facturación en España de cómics, banda deseñada e novelas gráficas acadou os 97,29 millóns de euros, un 38,6 % máis ca no exercicio anterior.

O Encontro da Edición 2026 tamén analizará da cooperación internacional no sector do libro nunha sesión con José Borghino, da International Publishers Association (IPA), e de Enrico Turrin, da Federation of European Publishers (FEP), moderada por José Manuel Anta, director xerente da FGEE.

Este bloque abordará a proxección exterior do libro español, a cooperación coas organizacións internacionais do sector e os retos comúns que enfronta a edición no contexto europeo e global. En 2024, as exportacións do sector do libro español acadaron os 381,08 millóns de euros, con Iberoamérica e a Unión Europea como principais destinos.

Finalmente, a última xornada estará dedicada á colaboración e aos apoios das institucións públicas ao sector do libro. Nela participarán Carmen Páez, subsecretaria de Cultura do Ministerio de Cultura, e José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

Acceso limitado ás persoas participantes no programa. Non aberto ao público.
Ficha técnica 
CCG. Acolle | Encontro
Encontro da Edición 2026
Cando
1 e 2 de xullo de 2026
Onde
Santiago de Compostela
Lugar

Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202

Presenta
María José Gálvez Salvador
Manuel González Moreno
Goretti Sanmartín Rei
Miguel Toval
Dolores Vilavedra
Organiza
Federación de Gremios de Editores de España
Colabora
Consello da Cultura Galega

Imaxe da portada: Encontro da Edición 2025 realizado en Xerez