Memoria documental das sociedades da emigración galega
Documentación Societaria Custodiar, preservar e difundir a memoria da emigración galega son as finalidades principais do Arquivo da Emigración Galega. Un dos feitos máis salientables da colectividade galega no exterior foi a fundación de asociacións de moi diversa tipoloxía (asistenciais, instrutivas, culturais, mutualistas, recreativas etc.) nas que os e as emigrantes ademais de atopar axuda e protección mutua na súa vida cotiá tamén conseguiron manter viva a cultura e os costumes da nosa terra nos países onde se asentaron, creando espazos de sociabilidade propios. A colectividade galega creou entidades para manter viva a lembranza do terruño e enviar remesas coas que contribuír ao desenvolvemento da nosa terra.Neste proxecto o AEG pon a disposición das persoas interesadas os fondos xerados por estas institucións que ao longo dos anos se foron recompilando para a súa preservación e difusión. Libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade ... estarán na nosa web para a súa consulta.
Memoria documental das sociedades da emigración galega
Centro Galego de Barcelona
Fundado en 1923 ata a actualidade
Xoves 23 de xullo de 2026consellodacultura.gal
Especial
Centro Galego de Barcelona
Fundado en 1923 ata a actualidade
consellodacultura.galPara conseguir fondos, a directiva organizaba actividades lúdicas como festivais, banquetes e un pequeno casino que axiña tivo grande sona. O éxito económico anímaos a ampliar a sede social, dotándoa de modernos servizos e dun mobiliario de luxo, converténdose así nunha das casas de xogos máis coñecidas da capital catalá. O endebedamento por esta forte inversión provoca fortes disensións entre os asociados; esta situación agrávase cando a finais de 1924 o xogo é prohibido e a creba económica ameaza a existencia da entidade. Grazas á solidariedade dos socios e á intervención do seu presidente Enrique Veira se consegue liquidar a débeda.
Durante a presidencia de José Juncal, o Centro Galego politízase seguindo os postulados do Partido Republicano Radical de Lerroux, o que de novo crea tensións no seu seo. En 1931 o cese de Lois Suárez como director do voceiro societario Galicia en Cataluña motiva a marcha dun grupo de socios que fundan outra entidade co nome de "Centro Cultural Galego".
A Guerra Civil provoca o peche de ambas as dúas entidades. Xa finalizada a contenda, un grupo de galegos residentes na Cidade Condal, liderados por Augusto Casas, Fernando Neira Martínez, Eyré Fernández e Santiago Guisán Pardo, funda unha sociedade denominada "Casa de Galicia", continuadora da antiga "Peña Galega A Casa da Troia". Con finalidades culturais e recreativas, comezou a traballar no reagrupamento da colectividade galega. E así, a mediados da década dos 40, fusiónase con varias peñas recreativas e culturais como a sociedade artística "Cantigas e Aturuxos". O 25 de xaneiro de 1948 a directiva aproba o cambio de nome, pasando a denominarse "Centro Gallego de Barcelona" (CGB). Segundo os novos estatutos o Centro pasa a ser unha asociación cultural, mutualista e recreativa.
Aluga unha nova sede social nun histórico edificio situado na Rambla de Caputxins 35-37, que pasou a ser da súa propiedade en 1992. Os anos 50 e 60 foron un período de gran afluencia de emigrantes galegos a Cataluña, nomeadamente a Barcelona, o que incrementou de maneira notable a masa social. Nesta etapa acadouse a consolidación da entidade na sociedade catalá. En 1948 inaugura unha biblioteca, chamada “Otero Pedrayo”, que co tempo chegou a dispor dun dos máis importantes fondos bibliográficos da cultura e literatura galegas.

En maio de 1950 o Centro Galego celebrou os Juegos Florales Gallegos no Teatro Poliorama coa participación de destacados persoeiros da cultura galega. A partir dese momento membros destacados da nosa cultura como Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Valentín Paz Andrade, Juan Naya, Francisco Fernández del Riego entre outros moitos, visitaron o centro para impartir conferencias e cursos.
En 1954 é elixido como presidente o escritor Manuel Casado Nieto, quen logrou o seu afianzamento definitivo. Outros presidentes sobresaíntes polo seu labor a prol da institución foron Francisco Dapena Alfonsín, José Luís Vázquez Sotelo ou Olegario Sotelo Blanco, sen esquecer a contribución do profesor e escritor Basilio Losada quen participou activamente no desenvolvemento da biblioteca e da difusión da cultura galega en Cataluña.
Entre as actividades recreativas do CGB destaca a formación da masa coral “Lonxe da Terra” integrada polos seus asociados e a creación dun corpo de baile e de gaitas co mesmo nome. Nos anos 70 organízase unha escola de gaitas e danzas chamada "Toxos e Xestas" de ampla repercusión. Creouse tamén un grupo de teatro formado polos socios e socias. A día de hoxe estes grupos artísticos continúan a actuar e difundir a cultura, a música e o baile galegos nos diversos festivais que se organizan no seo das colectividades inmigrantes de Cataluña.
Como voceiros societarios ao longo destes anos de actividade pódese citar as revistas Galicia en Cataluña. Órgano del Centro Gallego de Barcelona y portavoz de la colonia gallega de Cataluña (1929); Alborada creada en 1948 e que conta con varias etapas editoriais ou Treboada (1982).
Neste século XXI o CGB está a vivir momentos de grandes cambios pero continúa a ser un referente cultural e de acollida para a colectividade galega de Cataluña.

Documentación do "CENTRO GALEGO DE BARCELONA” que se pode consultar no Arquivo de Fondos do Consello da Cultura Galega:
LIBROS DE ACTAS das reunións das Xuntas Directivas:
- Libro que abrangue o período do 11 de xuño de 1960 ata o 13 de febreiro de 1965
- Libro do 13 de febreiro de 1965 (continuación) ata o 20 de novembro de 1974
LIBRO DE ACTAS das reunións das Asembleas Xerais de socios:
- Libro do 25 de xaneiro de 1948 ata o 27 de outubro de 1974
LIBRO DE ACTAS das reunións da Xunta Directiva da MASA CORAL do Centro:
- Libro que abrangue o período do 30 de novembro de 1948 ata o 18 de febreiro de 1953
ESTATUTOS sociais do ano 1984
REXISTRO DE SOCIOS e SOCIAS:
- Libro Rexistro de Socios de 1942 ata 1972
- Libro Rexistro de Socias de 1950 ata 1979
- Fichas de socios (21 en total, xunto con varias cartas destes socios dirixidas á directiva)
CONTABILIDADE:
- Libro rexistro do pago dos recibos da cota social dos socios (1951-58)
- Libro rexistro do pago dos recibos da cota social dos socios (1959-69)
ACTIVIDADES MUTUALISTAS:
- LIBRO de VISITAS coas sinaturas e dedicatorias dos persoeiros que visitaron a entidade de 1954 ata 2008
ACTIVIDADES RECREATIVAS:
Folletos co programa das actividades organizadas para celebrar as Festas do Noso Señor Sant Iago:
- 1955
- 1974
- 1992
- 1994
- Díptico co PROGRAMA das II Jornadas de Galicia en Cataluña (1975)
- DÍPTICOS con varias actividades literarias no Centro Galego
- DÍPTICOS de varios programas de actividades musicais
- DIPTICOS de exposicións de pintura galega en Barcelona
- DÍPTICOS de actuacións teatrais organizadas polo Centro
- Varios PROGRAMAS de actividades organizadas polo Centro Galego
- Memoria de actividades do ano 2010
Centro Galego de Barcelona
Fundado en 1923 ata a actualidade
Xoves 23 de xullo de 2026 consellodacultura.galCentro Galego de Barcelona
Fundado en 1923 ata a actualidade
Xoves 23 de xullo de 2026 consellodacultura.galSolicita a túa inscrición
Centro Galego de Barcelona
Fundado en 1923 ata a actualidade
Especial. Xoves 23 de xullo de 2026Ligazóns
Temáticas
Especial
Memoria documental das sociedades da emigración galega
Centro Galego de Barcelona
Fundado en 1923 ata a actualidade
Data de publicación
Xoves 23 de xullo de 2026Onde
consellodacultura.galAutoría

Arquivo da Emigración Galega (CCG)


