Concerto - Nenas e nenos cantan alalás. 1 de xuño de 2018

Nenas e nenos cantan alalás

No bico un cantar

Nenas e nenos cantan alalás

No bico un cantar 2018

1 de xuño de 2018
Betanzos
Concerto
No bico un cantar

Nenas e nenos cantan alalás

No bico un cantar 2018

1 de xuño de 2018 Betanzos
A quen amo relembro venerando
da nosa antiga gloria
espértallo Betanzos na memoria:
e quen inspiración vaia buscando
para lindo cadro ou para canción sublime,
que vos mire unha vez, unha tan só
e cinguirá loureiros inmortais
belezas infinitas retratando.
[...]
¡Mariñas feiticeiras!
¡Que doce debe ser o eterno sono
durmindo nesas plácidas ribeiras!


Así escribe a poeta Filomena Dato sobre as feiticeiras e ledas Mariñas. Académica correspondente da Real Academia Galega, esta ourensá de nacemento foi seducida pola beleza das terras mariñás e quixo morar aquí para sempre rodeada das veigas, aldeas, soutos, loureiros e praias que enxalza nos seus poemas. Esta beleza figura tamén na Canción galega en loor de don Diego das Mariñas Parragués (1594), un dos escasos poemas cultos producidos en galego despois da Idade Media, que di:

con todo, musa miña, a voz levanta
e con zanfoña e rústica garganta
faz que entre estas silveiras,
que cenguen o Mandeu con súas ribeiras,
resoe en froitas, árbores e viñas
o sangue esclarecido das Mariñas.


Estamos ás portas da conmemoración, o 13 de febreiro de 1219, do 800 aniversario da chamada segunda fundación da vila de Betanzos, cando o rei Afonso IX concedeu o seu traslado á localización actual no Castro de Untia, a petición dos seus habitantes. Constitúe, pois, unha grande ocasión para converter esta capital provincial do Antigo Reino de Galicia, na capital galega da poesía e da música. Como escenario escollido, a igrexa de San Francisco, de marcado simbolismo ao se tratar dunha das igrexas máis representativas da arquitectura gótica galega e albergar xoias artísticas como o sartego de Fernán Pérez de Andrade, o Boo, o que a converte nunha escenografía privilexiada para este certame e para a divulgación do seu coñecemento entre escolares de toda Galicia.

Así pois, a un pé deste oitavo centenario, o Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, co apoio do Concello de Betanzos, organizan o concerto No bico un cantar neste primeiro venres de xuño, no que un coro infantil de máis de catrocentas voces chegadas de toda Galicia estará dirixido pola batuta de Maximino Zumalave e co acompañamento nos metais de Hércules Brass.

Logo das edicións anteriores de Santiago de Compostela, Celanova, Cambados, Cangas e Mondoñedo, onde foron cantados Rosalía, Curros Enríquez, Cabanillas, os trobadores medievais e os poetas mindonienses, Betanzos abraza a música popular para darlles vida aos alalás. Nesta hora en que o sol comeza a descender, a melodía da luz que marcha encherá o aire e evocaranos o canto da rapazada de antano que regresa do arduo traballo na terra. Entrelázanse así a música e a poesía, o contemporáneo e o tradicional, o popular e o culto na voz ao unísono destes centos de nenas e nenos procedentes de todos os recunchos de Galicia.

O poeta cambadés Ramón Cabanillas confrontaba o alalá que nos convoca, unha cantiga melódica, sen estrutura fixa e saudosa, coa alborada, o canto do día que nace. Nas voces destas vidas que comezan, os alalás cobran outro sentido e transfórmanse nun himno que exalta a beleza da paisaxe e a querenza polo territorio. As Mariñas que nos acollen, Camariñas e Muxía danlle nome aos alalás populares que hoxe sentiremos e que pertencen xa á memoria popular de toda Galicia. Ademais, e como xa é costume, nesta convocatoria viviremos a estrea absoluta dunha obra de encarga. Manuel Rivas, autor próximo á vila betanceira que, entre outras cousas, evocou a festa dos caneiros na súa magna novela Os libros arden mal, é o escritor do poema «Alalá á vella maneira », ao que lle puxo música a compositora Teresa Bretal. Teremos o pracer de escoitala por vez primeira. E, por sexta ocasión xa, sentiremos o «Maio longo», o poema rosaliano convertido en himno da convocatoria anual de No bico un cantar. «Alalá d’a media noite! Non haberá quen che cante, nin quen ch’escoite» escribiu o gran poeta Manuel Antonio. Para retrucarlle ao rianxeiro, nese primeiro venres de xuño de 2018, haberá quen os cante e haberá quen os escoite. Con vostedes, os alalás.
Ficha técnica 
Concerto
No bico un cantar
Nenas e nenos cantan alalás
No bico un cantar 2018
Cando
1 de xuño de 2018
Onde
Betanzos
Lugar

Igrexa de San Francisco
Betanzos