Persoa: Fernando Dónega

Persoa: Fernando Dónega [6]

Data Material Ver
Data Material Ver
1974-05-23
Carta de Seoane a Dónega. 1974
Ver [Carta mecanografada]

Transcripción da Carta de Seoane a Dónega. 1974 en 23/05/1974





Buenos Aires, 23 de Mayo de 1974

Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Coruña

Meu querido Dónega:

Débesme carta, mais hoxe escríboche pra te pedir que inicies os trámites referintes á legalización do Museo si non o iniciaches xa. Recibín unha carta de Isaac onde me fala do pleito do Castro e ó remate refírese a que non estaría de mais que eu che escribise encol deses trámites. Matinaba, pola miña parte, telo feito xa. É moi importante a legalización do Museo e a desiñación do Patronato. Feito esto e o edificio teño moitos plans pra o futuro que serán moi útiles a Galicia, e de feito a Coruña e a todo o radio que vai de Santiago ó Ferrol, dos que xa falaremos cando regrese. E cuasi seguro que voltemos a fins deste ano, despóis de liberarme dos compromisos contraídos nesta, e fora xa o pleito que ti levaches cuio resultado nos alivióu, e mais aliviados estaríamos si soupésemos que non lle pasóu nada ó soldado, únicamente algunha amonestación por eso de defender a moral, algo que, xa se sabe, ten de facer un soldado.
Gostaríame tamén saber, si me contestas, si os dibuxos que estóu mandando deiquí siguen intresando ás xentes. Sei que a Pillado sí, mais gostaríamos coñecer a tua opinión.
Hoxe ren mais. Recibide Fernanda e tí, e Fernando, unha aperta moi garimosa de Maruja e miña.


1976-04-11
Carta de Seoane a Dónega. 1976
Ver [Carta mecanografada]

Transcripción da Carta de Seoane a Dónega. 1976 en 11/04/1976

Buenos Aires, 11 de abril de 1976

Sr. D. Marino Dónega Rozas
La Coruña

Meu querido amigo:

Non sabemos nada de vos, Fernanda, Fernando e tí. Escribín en Xaneiro dándovos noticias da nosa chegada e agradecéndovos as vosas atenciós e non recibimos resposta. Pasaron xa algo mais de dous meses e queremos que nos digades como estades, que proieitos tedes, etc. De aquí xa sabedes todo polas noticias dos xornaes. Botaron fora un goberno de delincuentes comúns, de gansters, e de momento os novos levan soio vinte días, respírase paz e traballo. Os que chegaron prometeron voltar pronto á normalidade. Imos ver. De momento, respetan a Constitución.

Buenos Aires está como sempre, inquedo no orde cultural, moito teatro, cine, café-concerts, etc., añadíndolle os domingos os programas para os nenos, arredor de trinta, con cine, teatro e títeres para eles, enmais de concerto, dous ou tres para nenos e neste caso tamén para adolescentes co propósito de inicialos no amor á música. Hoxe é domingo por eso falo desto. Poucas cidades teñen tantos espectáculos adicados á infancia. Mais, como xa deixamos por desgracia de ser nenos e estamos fartos de traballar ao ritmo que esixe Buenos Aires, gostaríanos voltar novamente á Coruña. Este ano teño cinco exposicións de óleos, grabados, o que siñifica facer unhas cen obras novas, e ten de sair, casi seguro, un Bestiario do poeta Alberto Girri con grabados meus en unha edición de luxo. Todo ¿para que? Non teño ganas de facer exposicións, mais teño que facelas. Fago unha vida pechado na casa, no meu estudo, e ás vegadas, vexo dende a fiestra o Rio da Plata, violeta, ou coor de lama, ou imitando a coor do mar, según lle de. Saímos pouco, cuasi soio a casa de amigos. Lembrámonos moito dos amigos de ahí, das reunións que con vos, Domingo, Piñeiro, etc. Para mín foi unha grande alegría a reunión derradeira na casa de Domingo con motivo do homenaxe a Del Riego. É a derradeira visión leda que lembro de Galicia neste viaxe.

Esto é todo hoxe. A tí, Dónega, prégoche ocuparte do Museo. Ten que ser unha obra de todos nos. Ponte de acordo con Isaac para tratar de arranxar os problemas que poda ter. Non se lle pode deixar soio. Agora non é cousa dél e miña, ten de sere do Patronato. Matinade que o Museo pode ser un centro de expansión cultural extraordinario. Non temos de perder esta oportunidade.

A Pillado remitinlle un artigo encol de “Los Precursores” no seu aspecto gráfico. Non sei si o publicou. Gostoume a reedición que fixo Santiago.

Repito, esto é todo hoxe. Escribide.

Unha aperta fonda para os tres, si Fernando o permite estendédea a sua moza. Saúde:


1976-09-16
Carta de Seoane a Dónega. 1976
Ver [Carta mecanografada]

Transcripción da Carta de Seoane a Dónega. 1976 en 16/09/1976

Buenos Aires, 16 de setembro de 1976

Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Coruña

Querido Dónega:

Recibín as tuas cartas, a derradeira con motivo do pasamento de Emilio que agradecemos moito e cando nos dispoñíamos a acompañarvos no voso sentimento polo pasamento da vosa cuñada. Mais non queremos falar, nin escribir desto. Estamos vivindo un clima proclive, dende fai moitos meses, a este tipo de angurias, sofrimentos. Eu refúxiome no traballo e na soedade. Nunca fixen as exposicións, en cantidade, que aceptei para este ano, xa fixen duas en Buenos Aires, quédame unha pra fin de ano. Inauguro o sábado vindeiro en Tucumán, en Outubro expoño en Rosario e en Decembro ou Xaneiro en Mar del Plata. A Galicia iremos no derradeiro mes de ano. Fixen moitos grabados, algúns deles para un Bestiario que sale conxuntamente con poemas de un gran poeta arxentino, Alberto Girri, etc. Leo bastante e vexo as películas policiales e as do Oeste por Televisión. Cavilo que eu, que endexamais xuguei a nada, gostaríame agora xogar a algún[s] xogos onde homes e mulleres consumen as horas e o inxenio, o tresillo, a canasta, as cartas, etc. Posibelmente en moitos éste é un síntoma de vellez. No meu caso é a necesidade de fuxir da realidade. Xa os espectáculos que un mais quere, cine, teatro, non nos fan fuxir dela, senón que a subraian e mostran, na maioría dos casos, a nosa impotencia individual para superala. Estou desmentindo a miña vida. Non me arrepinto dela. Mais é que un comenzou moi novo a querer cambear a realidade que vivíu e cree ten dereito a sentirse canso. Na Coruña un síntese moi ben entre os amigos que temos nos que contades vos como dos mais entrañabels. Lástima que a vida de un trócanlla o primeiro periodista que lle fai unha entrevista, como ocurre coa que fixo Freixanes. Nin na miña casa teño un sillón de bimbios dende onde falo, nin atopei o galeguismo en Buenos Aires, nin a muller que pintei con un cartel no peito era unha nai que teño ido (sic) a Xinebra a visitar ao seu fillo, senón unha traballadora analfabeta que iba á sua aldea de Ourense de vacacións, e puxéronlle o cartel adevertindo que non falaba francés, italiano e alemán e que era analfabeta para que a axudasen, etc. Fun abogado na Coruña, como ti sabes ben, e non de calquer modo desafortunado. Citei sempre a Laxeiro e non a Colmeiro como dibuxante importante. Meu pai non me mandou a estudar a Coruña, a escola, senón que vivía de neno cos meus pais na Coruña, meu pai nunca foi tendeiro e non foi home de moitos suores, nin me foron a esperar a Labacolla os amigos que dí, senón outros, e esto no 49 en Vigo, e non viñamos de Roma senón de Londres. Citei moito a Dieste, nome do que prescinde ao facer a nómina de intelectuales en Buenos Aires, etc. Mais o importante é o que se refire á emigración, pois non soupo recoller o que dixen con respecto a ela. Eu non defendín os canalles (sic) e menos os ricos soberbosos, etc., senón aos emigrantes na sua totalidade, algo que Celso Emilio e parece que tamén Blanco Amor non entenderon. Cando unha multitude emigra non son intelectuales os que influien no país que os recibe senón esa enorme masa que se desplaza. Ao país onde veñen a residir déixanlle costumes, virtudes, defectos, aspectos da sua cultura herdada, que proban seu paso por él, influíndo. E a Galicia, no caso dos galegos, remítenlle o que poden, fundacións no pasado, camiños, escolas, asociacións, e sempre, deica o 36, axuda económica. Os intelectuales influien de outro xeito. Nos herdamos moito como pobo de aqueles distintos que emigraron a Galicia, celtas, romanos, suevos, etc., e non viñeron a deixarnos nada os seus intelectuales. O dereito román nono trouxeron os xurisconsultos de Roma ou de Bizancio, en troques os soldados trouxéronos moito do que aínda somos o mesmo que os celtas e suevos, fadas, leendas, etc. A xenreira venlles con seguridade de ter querido ser tutores dos emigrantes. Eu non fun nunca tutor de ningúen. Fun empleado deles cando dirixín a revista do Centro Galego e fixen o mais que puden como empleado o outro fíxeno como galeguista, e así como en Galicia non fun amigo dos comerciantes de ultramarinos, por poñer un exemplo, tampouco o fun na emigración cos novos ricos, comerciantes, etc., galegos. Aos homes que coñecín estimeinos primeiro como homes sen me preocupar si eran ricos ou probes. Polo demais as miñas amistades tiveron sempre que ver coas miñas inquedanzas e non ten que ver con esto a nacionalidade. Cecáis escriba con tempo un ensaio encol dos emigrantes. Freixanes non acertou conmigo nin tampouco entendeu o problema dos emigrantes. Creo que xa din moito a lata. Perdoame e comprende.

Unha grande aperta para Fernanda, para tí, teu fillo, Milagro, etc., de Maruxa e miña:


1976-10-15
Carta de Seoane a Dónega. 1976
Ver [Carta mecanografada]

Transcripción da Carta de Seoane a Dónega. 1976 en 15/10/1976

Buenos Aires, 15 de outubro de 1976

Sr. D. Marino Dónega
A Coruña

Querido Dónega:

Recibín a tua carta e estou de acordo con casi toda ela menos co que se refire á miña obra. Toda ela non é mais que un intento de expresarme, de afirmar a miña existencia no mundo, e trátase de un mundo que existe, é real, ou polo menos é real en min, que é un xeito de ser real. Son comprensivo, sempre o fun, como sempre fun liberal, con un liberalismo que non é deste mundo, mais tamén sempre odiei aos tortos de intención, aos conscentemente, calculadamente, desaprensivos; aos demagogos, etc. Por esto loitei, o mais dos seus anos, soio, de acordo coa “inmensa minoría” como escribíu Juan Ramón. Pertenezo a un pasado do que me exiliei e teño medo de comenzar a esquecer algúns sentimentos que teño matinados moi firmes en min. Inventáronse, fai algúns anos as separacións no terreo das ideas, por xeneracións, e as mais mozas están perdendo todo o que tiñamos perdido nos fai coarenta anos. Repiten a historia. As xeneracións anteriores non contan, como non contan os vellos. Nos aínda creíamos néstes, un pouco menos cecáis que os nosos pais. E posible que nun deses ciclos en que se repite a historia, os fillos volten a comerse aos pais co pretexto de herdar as virtudes déstes. Un pretexto hipócrita que serviu pra non axudalos na súa decrepitude. Naturalmente, non serán así todolos fillos. Endexamáis existe unanimidade nos propósitos dos homes, neste caso por fortuna para os vellos pais. Mais a realidade en canto a min é que son para sempre, casi con seguridade, emigrante dun país extraño, soñado mais que vivido. Emigrante dun pasado moi lonxano, de fai coarenta anos. Un sobrevivinte que aínda traballa. Marcharei de aquí con duas exposicións abertas, unha en Mar del Plata e outra mais en Buenos Aires, a derradeira con oleos moi pequenos, paxaros e testas, e acuarelas de viaxes. Expuxen en Tucumán, unha cidade culturalmente moi importante, con unha gran Universidade pola calidade do seu profesorado, onde estivo tamén de profesor Tovar, Corominas o matemático, etc., entre os profesores españoles.

Moi pronto estaremos con vosco na Coruña, nos derradeiros días, matinamos, de Decembro ou nos primeiros de Xaneiro.

Unha grande aperta moi garimosa de Maruxa e miña para vos os catro, incluíndo a Milagro:


1978-02-08
Carta de Seoane a Dónega. 1978
Ver [Carta mecanografada]

Transcripción da Carta de Seoane a Dónega. 1978 en 08/02/1978

Buenos Aires, 8 de Febreiro de 1978


Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Coruña

Querido Dónega:

Fai uns días escribínche unhas letras de presentación de un médico mozo, Martín Baudizzone, para que ourentases no seu paso por A Coruña e o levásedes, si podíades, a Sobrado. Cecáis constituía esta petición un abuso meu, mais non sei a quen recurrir nestes casos que teña o (sic) teñan a vosa simpatía e amabilidade.

Chegamos eiquí o día 2 de xaneiro, eu con unha gripe moi forte collida en Madride, é esta unha cidade que me enferma, e pasei bastantes días con ela en Buenos Aires. Por agora estou pasando o período de adaptación previo ao meu traballo, aínda que fun facendo algunhas cousas, moi poucas. O vrau decorre como sempre nesta cidade, calor, baixa presión, fresco, choiva, trebóns, alagamentos, grandes ventos, todo alternando ás vegadas nun soio día. Cheguei a tempo para a inauguración de unha mostra de coarenta e cinco grabados meus no Museo de Arte Contemporáneo, propiedade do Museo. Esto é todo no que se refire a este mes que pasou. En canto á casa atopámola como a deixamos, con unha chea de cartas sobor da taboa, e, entre elas, unha do mes de marzal de 1977 de un Museo de Milán, invitándome a unha exposición. Contéstoa estos días non aceptando, agradecéndoa, síntome canso e pensamos continuar dividindo, mentras poidamos, os nosos anos entre esta cidade e Galicia. Cecáis algún día teñamos que decidir.

Recibín unha carta moi eloxiosa de Peregrín Otero con motivo do tomo Obra poética que lle remitín xuntamente cos álbumes que fixen nesa. Agradézolla moito. Non sei nada da preautonomía en Galicia, nin quen constituie a Xunta. Gostaríame me contases algo de todo esto. Unha carta leva menos tempo que un escrito, escríbeme.

Remato con unha aperta moi forte de Maruja e miña para vos os catro, incluio a Milagro e Fernando:


1978-10-20
Carta de Seoane a Dónega. 1978
Ver [Carta mecanografada]

Transcripción da Carta de Seoane a Dónega. 1978 en 20/10/1978


Buenos Aires, 20 de Outubro de 1978

Sr. D. Marino Dónega Rozas
A Coruña

Querido Dónega:

Onte escribinlle a Diaz Pardo e dígolle que fai meses que non teño noticias tuas, pois suponme informado de moitas cousas das que non teño noticia en absoluto. A tua derradeira carta foi do 5/VIII, na que me invitábades, en nome do Museo, a participar nun xantar a Alvaro Gil, e na que me anuncias poñerme duas letras mais adiante. Non recibín nada e supoño o moito traballo que o impedíu. Pola miña parte traballo arreo no que poido. O 21 remátase a cuarta exposición deste ano e o 9 de Novembro inaugúrase outra de pasteles, sempre con temas de Galicia, que é un país que está a morrer por falta de información axeitada no corazón dos emigrantes. O único que trouxo noticias foi Domingo, que por outra parte confirmou polas suas conferencias a ademiración que xa lle tiñan as xentes de eiquí. Para nos non podo decir canto siñificóu, a pesares de ser recente a nosa estancia en Galicia, e ternos dadas tantas probas de amistade.
Falando de outra cousa, agora en novembro salirá á rua o libro meu, Imágenes de Galicia, setenta e dous grabados en madeira e un prólogo bastante extenso en castelán e galego. Na coleición onde van incorporados os idiomas castelán e inglés. Fáloche de min, non teño outra de que che escribir. En febreiro ou marzo estaremos Maruja e eu nesa. Non sabemos aínda si definitivamente ou por outro ano mais. Non podemos decidirnos.
A fin de ano ou nos comenzos da temporada artística do ano que ven inauguro unha mostra importante da miña obra no Museo da cidade de Santa Fe, un dos grandes museos da Arxentina. (Teño que che decir que as sociedades de “Amigos do Museo” eiquí, e nos Estados Unidos, teñen a sua residencia nos mesmos Museos, tal como o proietaba eu coa esperencia de pertenecer ás sociedades do Museo Nacional de Bellas Artes e Museo Municipal de Arte Moderno de Buenos Aires. O mesmo en todo o resto do meu proieto. Mais non importa. Ese é un capídoo rematado da miña vida social en canto a Galicia e súmase á perda de tantos anos de vida nela, da obra feita por Galicia, fora dela, de tanto soño perante coarenta anos, e das obras de arte galegas que trouxen ao exilio que gardei, adequirín, troquei, etc., e o que mais amei. Cada unha delas ten para unha historia. Unha historia soio pra min).
Supoñemos xa casados a Fernando e Milagro, supoñemos a todos ben. Nos lembrámonos moito de todolos amigos. Non contestes si non tes lecer pra facelo.
Unha grande aperta para ti, Fernanda, Milagro e Fernando, de Maruja e miña:


TERMOS CLAVE DO FONDO Persoas: Seoane, LuísSeoane, MaruxaDíaz Pardo, IsaacFernández del Riego, FranciscoVarela, LorenzoGarcía-Sabell, DomingoDieste, RafaelPicasso, PabloHervella, EvelinaArias “Mimina”, CarmenLaxeiro, Maside, CarlosPiñeiro, RamónScheimberg, SimónPaz-Andrade, ValentínDíaz, XoséCuadrado, ArturoFalcini, LuísCastelao, Ledo, XohánSofovich, BernardoBurd, LipaGerstein, MarikaAlberti, RafaelZegrí, ArmandoOtero Pedrayo, RamónColmeiro, ManuelBurd, EstherBaudizzone, LuísGoya, Francisco deTormo, ElenaDíaz Dorado, DiegoNúñez Búa, XoséPayró, JulioBlanco Amor, EduardoLifschitz, RafaelDíaz Arias de Castro, CamiloNegri, Tomás AlvaMiró, JoanDónega, MarinoValle-Inclán, Ramón MaríaMuñoz Manzano, CarmenNegri, NélidaGil Varela, ÁlvaroWhitelow, GuillermoFole, ÁnxelFrontini, NorbertoGerstein, NoemíDíaz Arias de Castro, RosendoTorrallardona, Carlos Temáticas: artes Fondo: Luís Seoane depositado na Fundación Luís Seoane. espazos artísticosautores/asliteraturaasuntos particularesmigraciónsemigraciónColección: Isaac Díaz Pardo e Luís Seoanemedios de comunicaciónpolíticaA nova Sargadelosprensa escritaGalería Boninohistoriaradioartes escénicasExposición de Luís Seoane. Colonia. 1967Exposición de Luís Seoane. Madrid. 1973Exposición de Luís Seoane. Bonn. 1967Fábrica de Porcelanas La MagdalenaExposición de Luís Seoane. Madrid. 1963Libro de TapaspremioscineBestiario, de A. GirriExposición de Luís Seoane. Münster. 1967Martín FierroExposición de Luís Seoane. A Coruña. 1963Exposición de Luís Seoane. Bos Aires. 1968. Art Gallery InternationalHomaxe a un paxaroExposicion de Luís Seoane. Madrid. 1967Exposición de Luis Seoane. Madrid. 1970Homenaje a VeneciaBienal de VeneciaEl Toro JúbiloHomenaje a la Torre de HérculesÁlbum de GaliciaO Meco, de SeoaneXosé EiroaLuís Seoane. GravadosRetratos FurtivosInsectarioImágenes de GaliciaImaxens celtas [álbum]LonxeBienal de São PauloExposición de Luís Seoane. Madrid. 1975Fondo Nacional de las Artesexilio

Warning: Unknown: 2 result set(s) not freed. Use mysql_free_result to free result sets which were requested using mysql_query() in Unknown on line 0