NOTICIA

----

O impacto directo do galego no conxunto da economía supón 1.440 millóns de euros

O valor económico do galego é un documento pioneiro que achega, por primeira vez, o coñecemento da contribución da lingua galega ao conxunto da economía de Galicia. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o responsable do Observatorio da Cultura Galega, Håkan Casares; Melchor Fernández e Diana Fernández, profesores da USC e investigadores do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) presentaron esta mañá os resultados deste informe que cuantifica en 1.440 millóns de euros de valor engadido bruto (VEB) e 27.702 postos de traballo o impacto directo que o galego supón ao conxunto da economía de Galicia. O documento xa está dispoñible para descarga.

“A lingua ten un valor estratéxico, un mercado e tamén se pode medir en termos económicos” indicou Rosario Álvarez na presentación do estudo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega co apoio da secretaría xeral de Política Lingüística e o asesoramento técnico do IDEGA. O informe conclúe que “con respecto ao total da economía galega, as actividades vinculadas de xeito directo ao galego xeran un 2,5% do VEB” e, en termos de emprego, “un 2,7% dos postos de traballo equivalentes a xornada completa en 2019 en Galicia creáronse en actividades vinculadas á lingua galega”. Uns datos que permitiron ao secretario xeral afirmar que “ter unha lingua propia é un valor engadido para a creación de riqueza en Galicia”.

En termos comparativos, o impacto directo do galego sobre a economía de Galicia é case o dobre que o valenciano na Comunidade Valenciana (1,3% do VEB) e inferior ao éuscaro no País Vasco (3,1% do VEB) asegura o documento entre as súas conclusións.

Alén de cuantificar o impacto directo, outra das contribucións do informe, está no apartado metodolóxico, realizado en colaboración entre o Observatorio da Cultura Galega e o IDEGA. Ambas entidades, para estimar o valor económico da lingua, comezaron delimitando os bens e servizos directamente relacionados coa lingua como elemento diferencial no seu proceso produtivo e, con posterioridade, as actividades que os producen. Por exemplificar nun ámbito concreto, o libro sería o produto e o sector editorial o que desenvolve a actividade. Con esta metodoloxía preguntouselle a unha mostra de entidades pola proporción da súa produción atribuíble ao galego. De seguido, partindo da contabilidade rexional, calculouse a produción, o VEB e o emprego que provén desa produción en galego. Por último, usouse o modelo input-output de demanda para o cálculo do impacto económico total (directo, indirecto e inducido) da produción das ramas relacionadas co idioma. Sobre o apartado metodolóxico falou tamén Diana Fernández, quen apuntou que se trata dunha “estimación de mínimos, que deixa fóra aspectos importantes como o tecido asociativo, o comercio exterior e e o turismo”.

O impacto directo distribuído nos diferentes sectores
O informe estima o valor da lingua galega en catro grandes subsectores ou grupos de actividades. O que ten un maior impacto é o do educación (ensino obrigatorio e postobrigatorio, incluído o nivel superior universitario) que representa un 72,3% do VEB e un 68,2% do emprego xerado por este idioma, o que supón algo máis de 1.041 millóns de euros e 18.879 empregos equivalentes a tempo completo. O documento explica que se determinou pola lingua empregada na docencia, que, segundo as fontes manexadas, se sitúa nunha media dun 45,9%, con diferenzas relevantes entre etapas. Así, no ensino obrigatorio calcúlase que esta porcentaxe se eleva a un 48,2% e nas postobrigatorias fica practicamente nun 42%. Pola súa banda, nas universidades, as porcentaxes oscilan entre un 23% e un 13%, segundo a institución.

O segundo, o das industrias culturais de dos medios de comunicación (edición, impresión, libros, xornais, sector audiovisual, musical...) que comprende unha achega directa dun 20,5% do VEB (295 millóns de euros) e un 26,4% do emprego equivalente a tempo completo en actividades vinculadas á lingua galega, uns 7.300 empregos. Practicamente a metade da actividade deste subsector é atribuíble ao galego: un 54,3% do total de VEB e un 47,9% do total de emprego de toda a industria da cultura e dos medios de comunicación de Galicia, independentemente da lingua.

O terceiro subsector en importancia relativa é o da promoción da lingua e da cultura das administracións públicas. Este xera un 6,7% do VEB e un 4,9% do emprego directo atribuíble ao galego; en concreto, 95,7 millóns de euros e 1382 empregos equivalentes a tempo completo. O informe asegura, ademais, que a achega das actividades de promoción da lingua da Administración autonómica e local (concellos e deputacións) calculouse en 7,1 millóns de euros de VEB e case 103 empregos a tempo completo. As actividades de promoción da cultura supoñen 88,5 millóns de VEB e 1278 empregos a tempo completo.

O sector das industrias da lingua (escolas oficiais de idiomas, academias de idiomas, actividades de tradución e interpretación así como as tecnoloxías da lingua) supón unha contribución dun 0,5% ao VEB e ao emprego atribuíbles ao galego, o que significa 7,5 millóns de euros e 137 empregos.

Comparando coas cifras coas doutras comunidades con linguas cooficiais, por subsectores, o máis relevante é que o tamaño do sector da cultura e dos medios de comunicación é superior en Galicia, en parte porque hai unha implantación moi relevante do galego nesta industria.

O impacto indirecto, inducido e total
O informe contabiliza tamén os impacto derivado do idioma. O indirecto, procedente dos produtos intermedios adquiridos polos sectores vinculados á lingua galega para poder levar a cabo a súa produción, ascende a case 210 millóns de VEB e 4.242 empregos equivalentes a xornada completa.

O impacto inducido, isto é, a produción e os postos de traballo que se xeran na economía a través do consumo por parte dos fogares que perciben rendas salariais procedentes directa e indirectamente das actividades en galego é de 1045 millóns de euros de VEB e 17.949 empregos equivalentes a tempo completo.

Sumando os impactos directo, indirecto e inducido o impacto total sobre a economía galega das actividades vinculadas á lingua galega representa, segundo o informe, o 4,7 % do VEB (2.694,6 millóns de euros) e o 4,8 % do emprego equivalente a tempo completo (49.893 postos de traballo).