Cando o rei Miro accedeu á coroa do reino suevo de Gallaecia encargoulle ao seu mestre, o monxe Martiño, bispo de Dumio, nas proximidades de Braga, un tratado con leccións para afrontar a vida e o goberno. Martiño de Dumio cumpriu co seu encargo cun Formula vitae honestae, un breve compendio de ética natural, dirixida aos laicos (a Martiño atribúeselle a evanxelización da Gallaeciae) para levar unha vida honesta, tratar a soberbia ou desenvolver a humildade, recollendo as ensinanzas dos autores clásicos e dos primeiros pais da doutrina cristiá. Por iso, trala presentación en Santiago era obrigada achegar o texto a Braga, capital histórica da Gallaecia no tempo suevo e sé episcopal do propio bispo. A xornada permitirá coñecer o estado da cuestión na investigación histórica e arqueolóxica sobre os monumentos e o contexto da Braga tardoantiga habitada polos protagonistas desta historia.
A xornada comeza cunha visita guiada polo Núcleo Museológico de São Martinho de Dume e São Frutuoso de Montélios a cargo da Unidade de Arqueologia da Universidade do Minho. De seguido terá lugar a presentación na que intervirán a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a vice-reitora para a Cultura e Território da Universidade do Minho, Joana Aguiar e Silva; o tradutor da obra e profesor, Xosé A. López Silva; oi profesor da Universidade do Minho, Arnaldo de Sousa Meloe máis o coordinador da publicación, o xornalista e divulgador cultural Manuel Gago.
Podese seguir en directo na seguinte ligazón:
https://videoconf-colibri.zoom.us/j/91437591462
A obra
A epístola coa que Martiño de Dumio respondeu á petición do rei Miro é un compendio de ética natural, dirixida aos laicos, e fundado nas catro virtudes cardinais de Platón e inspirado no estoicismo de Marco Aurelio e Séneca. Foi coñecido como o Libro das Catro Virtudes: a prudencia, a fortaleza, a temperanza e a xustiza. Considérase unha achega pioneira ao que logo sería a educación dos príncipes cristiáns europeos da Idade Media.
O tratado gozou dunha enorme difusión na Europa medieval, conservándose 675 copias latinas do texto nas máis prestixiosas bibliotecas de mosteiros, pazos e universidades de todo o continente, como a Biblioteca Nacional de Francia, as bibliotecas das universidades de Oxford e Cambridge, a Biblioteca de Baviera (Munich), a Biblioteca Vaticana, a Biblioteca Nacional de Austria, o Trinity College de Dublín, a universidade de Uppsala ou a Biblioteca da Universidade de Edimburgo. A elas hai que lle sumar traducións ás linguas romances como o francés e o italiano nos últimos séculos da Idade Media. A partir do século X nalgunhas das copias o libro comezsaron a ser atribuídas ao filósofo romano Séneca. Foi o poeta italiano Petrarca o primeiro autor en decatarse de que estaba falsamente atribuído e en recuperar a autoría orixinal de Martiño de Dumio.
Manuel Gago coordinou a edición realizada polo CCG e o latinista Xosé Antonio López Silva foi o tradutor ao galego. Tamén asina un texto contextualizador en que analiza a importancia do protagonistas e de todo o período suevo de Galicia na construción do imaxinario colectivo e do universo simbólico do galeguismo. O ilustrador ourensán Celsius Pictor constríu dúas imaxes orixinais de a cabalo entre o debuxo históricos, a alegoría simbólica e o humor, reflectindo o encontro entre galaicorromanos e suevos quer daría lugar á futura Galicia.
O historiador Anselmo López Carreira traza unha panorámica da Galicia sueva a partir de elementos institucionais, relixiosos e culturais. A tamén historiadora Rebecca A. Devlin, especializada na transición entre a Idade Antiga e a Idade Media, salienta as alianzas de conveniencia entre a poboación galaicorromana(nomeadamente as elites da nobreza e dos bispos) e os estranxeiros suevos. O arqueólogo José Carlos Sánchez Pardo, mostra que a Galicia sueva non era unha rexión nin illada nin periférica e fai un repaso polas relacións comerciais, político-militares, diplomáticas, eclesiásticas, artísticas e culturais, e mostra os contactos internacionais por vía marítima ou terrestre, tanto co mundo atlántico, coas rexións mediterráneas e mais con outras rexións continentais entre as que salienta a Galia. O latinista J. Eduardo López Pereira, latinista, traza unha panorámica do esplendor cultural neste período da nosa historia (Exeria, Orosio, Hidacio), cunha atención especial ao contacto lingüístico entre os galaicorromanos, que xa asumiran o latín como lingua de comunicación, e os suevos, que a diferenza doutros pobos xermánicos chegan sen coñeceren a lingua do Imperio.
Os marcos temporais e culturais nos que foi producido, as claves sobre a natureza e finalidade da obra e os seus verdadeiros destinatarios; así como o impulso e vicisitudes da transmisión textual e as consecuencias colaterais na atribución da autoría, chegan da man de Laura Ranero, autora dunha tese de doutoramento sobre esta Formula vitae honestae. Pecha o volume un texto de Manuel Gago que esculca na rede para recoñecer os contidos máis recorrente como definidores do país e da identidade.



