NOTICIA

----

A nova entrega de Caligrafías musicais recupera unha conferencia de Fernando López-Acuña sobre a zanfona

A sexta entrega de Caligrafías musicais, proxecto do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que recupera bimestralmente conferencias destacadas de prestixiosos estudosos do eido musical galego, difunde neste mes de xaneiro un relatorio de Fernando López-Acuña sobre a zanfona. Na intervención, de case unha hora de duración, o musicólogo detense nas súas orixes e evolución histórica, ao tempo que explica as principais características que a diferencian doutro instrumento da mesma familia: o organistro.

Fernando López-Acuña e a zanfona

Caligrafías musicais

En 1977 Fernando López-Acuña (Lugo, 1949) participa no ciclo de actividades que a Asociación Musical Andrés Gaos, en colaboración coa Aula de Cultura Lume, organiza na Coruña. Faino cunha conferencia arredor da zanfona, a que define como “un dos instrumentos máis característicos de Galicia”. Para ilustrar as súas explicacións, fai uso de diapositivas con imaxes de obras artísticas e de gravacións musicais.

López-Acuña comeza a súa intervención recoñecendo o labor de Faustino Santalices na difusión dos instrumentos musicais galegos, pois é a el a quen lle “debemos a rehabilitación da gaita galega e o xurdimento da zanfona”. Após esta consideración inicial, detense en explicar que é o organistro , “un dos parentes máis achegados da nosa zanfona” e co que a miúdo se confunde. Malia que a súa orixe é remota e incerta, segundo indica, este instrumento aparece representado no capitel da igrexa románica de Saint-Georges de Boscherville, construción que data do século XII. En Galicia, a onde chegou a través do Camiño de Santiago, pódese ver representado no Pórtico da Gloria, no templ0 fortaleza de San Xoán de Portomarín, no Pórtico do Paraíso da catedral de Ourense ou no palacio de Xelmírez. O organistro “vive os seus primeiros anos en mosteiros e conventos” e, a partir da segunda metade do século XII, vai perdendo relevancia para ser substituído completamente pola zanfona no século seguinte, continúa.

As diferenzas entre ambos os instrumentos é o seguinte aspecto que aborda López-Acuña no seu relatorio, que prosigue cunha análise detallada das orixes e evolución da zanfona. Explica que en Galicia, concretamente na igrexa románica de San Bartolomé O Vello de Pontevedra, “se atopa unha das primeiras representacións coñecidas destes instrumento”, que entrou na Península Ibérica a través da ruta xacobea, tal e como aconteceu tamén co organistro. Ademais, indica as características que diferencian a zanfona diátonica e a cromática e, posteriormente, resalta a importancia que adquiriu o instrumento ao longo do século XIII, segundo reflicten “os testemuños literarios e gráficos desta época”. Empregada, preferentemente, por trobadores e xograres, a zanfona foi un dos instrumentos propios para a interpretación das cantigas de amor, de amigo e de escarnio e maldicir. López-Acuña continúa facendo un percorrido pola popularidade da zanfona entre os séculos XIV e XIX, momento en que empeza a ser substituída polo violín. “A comezos do século XX o tocador da zanfona que cantaba nas romarías e nos santuarios vai ser un personaxe raro, case xa no esquecemento”, indica. O musicólogo remata a súa intervención enxalzando, novamente, a figura de Faustino Santalices.

Sobre o proxecto
O título do proxecto expresa a súa dobre intención. Por unha banda, ‘caligrafías’ significa tanto “a arte de escribir con boa letra” como “o conxunto de trazos que caracterizan a escritura dunha persoa ou escrito”. Pola outra temos a música, obxectivo último desta iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia, que busca rescatar a erudición de prestixiosos estudosos do eido musical galego (Xosé Filgueira Valverde, Xosé López Calo…) e revalorizar, entre outros, a compositores, estilos musicais ou instrumentos que forman parte da cultura musical de Galicia (Gaos, a zanfona etc.).

O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) abriu con este proxecto unha nova liña de divulgación dos seus fondos inéditos. Ten periodicidade bimestral e arrincou en febreiro de 2023 cunha conferencia de Filgueira Valverde verbo da faceta musical de Rosalía de Castro.

Cando se fala de patrimonio sonoro, asóciase decontado á música como eixe fundamental, en todos os seus diferentes estilos: popular ou culta, de calquera época, tradicional ou de autoría. Así, os fondos dos arquivos sonoros son maioritariamente musicais. Con todo, no caso dos fondos editados, a súa difusión sofre atrancos lexislativos que impiden unha difusión fluída.

Non obstante, no ASG, ao dispoñer dun amplo fondo de conferencias, pódese divulgar o noso patrimonio musical a través destes valiosos documentos sonoros inéditos.

O Arquivo Sonoro de Galicia
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un centro do Consello da Cultura Galega que ten como labor esencial a recuperación do patrimonio oral e musical galego. A recompilación de gravacións sonoras procedentes arquivos particulares, de institucións, de colectivos ou de compañías discográficas; a preservación do fondo sonoro en condicións óptimas, a súa catalogación e dixitalización, e a difusión a través de proxectos como Caligrafías musicais ou Voces centenarias constitúen os eixes centrais da actividade do ASG. Coordinado por Alejo Amoedo Portela, ten como membros a Julio Alonso Monteagudo, Beatriz Cancela Montes, Xaime Estévez Vila, Concha Losada e Cristina Pujales Prats.