NOTICIA

----

O Álbum de Galicia suma a biografía de Blanca Jiménez Alonso

Blanca Jiménez Alonso (Ribadeo, 1926 – A Coruña, 2012) destacou polo seu labor a prol do patrimonio bibliográfico e documental galego, un compromiso que se traduciu na procura e achega de fondos para a biblioteca da Fundación Penzol. Posta en marcha grazas á doazón do seu marido, Fermín Penzol, traballou activamente para a institución, da que foi presidenta e presidenta de honra. Ademais, integrou o Plenario do Consello da Cultura Galega (CCG) como membro representativo da Fundación Penzol entre os anos 2002 e 2008. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o CCG, é da autoría de María Dolores Cabrera Iglesias e Patricia Arias Chachero.

Blanca Jiménez Alonso

Álbum de Galicia

Nada en Ribadeo, María Blanca Inés Jiménez Alonso criouse no seo dunha familia moderna e liberal. “Foi unha moza inquieta e sociable” e “unha gran lectora, que prefería os libros de filosofía, antropoloxía, historia e arte ás novelas”, indican as autoras da súa biografía. Con 19 anos aprobou o exame de Estado na Universidade de Oviedo e, posteriormente, cursou estudos de Maxisterio no campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.

A mediados dos anos corenta coñeceu a Fermín Penzol, con quen casou en 1949. “Desde o comezo, Blanca intégrase no núcleo de amizades de Fermín”, explican María Dolores Cabrera e Patricia Arias, o que a levou a establecer unha estreita relación con Ramón Piñeiro e Isabel López, Domingo García-Sabell e Teresa Tormo, Francisco Fernández del Riego e Evelina Hervella ou Xaime Isla Couto e Cristina Nóvoa. Ademais, participou en actos e reunións que lle permitiron trabar contacto con Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ánxel Fole, entre outros. “É daquela cando secunda con entusiasmo as ideas e proxectos daquel grupo de comprometidos intelectuais galeguistas que, nos difíciles tempos da ditadura, apostan pola estratexia do activismo cultural e crean a editorial Galaxia en 1950”, continúan as autoras da súa entrada no Álbum de Galicia.

Nela, tamén explican como Blanca Jiménez participou da paixón bibliófila do seu home. Fermín Penzol comezara a configurar unha biblioteca durante os seus anos de estudante, que, “co andar do tempo, se vai converter nunha das mellores e máis completa en temática galega”. Entregada en vida á editorial Galaxia, encargada de custodiar e administrar ese valioso patrimonio desde 1956, a doazón formalizouse en 1963, momento en que se constituíu a Fundación Penzol. Presidida polo propio Fermín, a institución inaugurou a súa biblioteca o 5 de maio dese mesmo ano. Após a apertura, o matrimonio continuou a enriquecer os seus fondos coa achega de novos libros e materiais.

Tras o pasamento de Fermín en 1981, Blanca seguiu preocupándose e traballando activamente a prol da fundación. “Froito desta súa implicación, en xuño de 1982 foi nomeada presidenta do Padroado, cargo que exerceu ata finais de 2011, e con posterioridade será nomeada, ata a súa morte, presidenta de honra”, subliñan María Dolores Cabrera e Patricia Arias. O labor que desempeñou durante eses anos foi recoñecido en 1997 cun dos premios Galegas Destacadas, outorgado pola asociación de mulleres Diálogos 90. A nova que Atlántico Diario publicou con motivo deste galardón pode consultarse entre os materiais da súa entrada no Álbum de Galicia. Ademais, en 2002, recibiu a Medalla Castelao da Xunta de Galicia.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 710 entradas, das cales as máis recentes son as de Cruz Comesaña, Pencha Santasmarinas e o Colectivo María Castaña, e a actualización da biografía de Manuela Rey González.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.