NOTICIA

----

O Arquivo da Emigración Galega divulga os fondos documentais das sociedades Hijos de Roupar, Progreso de Lousada e Roupar y Lousada

A nova entrega de Memoria documental das sociedades da emigración galega, iniciativa que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), publica os fondos documentais de tres sociedades microterritoriais creadas pola colectividade das parroquias de Roupar e Lousada (Xermade) emigrada na illa de Cuba. En concreto, póñense na Rede diferentes materiais pertencentes á Sociedad de Instrucción, Beneficencia y Recreo Hijos de Roupar, á asociación Progreso de Lousada, Sociedad Cultural y de Socorros Mutuos e mais a Roupar y Lousada, Sociedad de Recreo y Beneficencia, resultado da fusión das dúas entidades anteriores.

O 12 de xuño de 1913, Andrés Fernández e José María Rodríguez fundaron na Habana a Sociedad de Instrucción, Beneficencia y Recreo Hijos de Roupar, unha asociación microterritorial que agrupaba as persoas naturais da parroquia de Roupar (Xermade, Lugo) que emigraran a Cuba. A sociedade constituírase co obxectivo de construír unha casa-escola no concello lucense, que finalmente foi inaugurada no ano 1921. O regulamento da entidade, no que se recolle especificamente este obxectivo, forma parte dos materiais que se publican neste mes de marzo no marco do programa Memoria documental das sociedades da emigración. Ademais, incorpóranse os libros de actas das reunións das xuntas directivas (1913-1946), as memorias dos traballos realizados durante os anos 1913 e 1914, o libro de rexistro de socios e socias na data de 1954 e o folio orixinal da institución co seu emblema societario.

Xunto cos fondos desta asociación, divúlganse os doutra creada tamén na cidade da Habana por emigrantes de Santo André de Lousada (Xermade, Lugo). A entidade, que se fundou en 1916 baixo o nome Progreso de Lousada, Sociedad Cultural y de Socorros Mutuos, tiña como propósito fomentar a instrución gratuíta nese concello, un obxectivo que se concretou na apertura en 1918 da escola do Pazo. Posteriormente, en 1931, renovou os seus estatutos, mudou a súa denominación pola de Progreso de Lousada. Sociedad Cultural y de Socorros Mutuos e transformou a súa finalidade principal para enfocarse no fomento da cultura e o progreso moral e material dos habitantes de Lousada. Estes estatutos de 1931, así como o regulamento da entidade, os libros de actas das reunións das xuntas directivas e das xuntas xerais de socios (1938-1940), o libro do rexistro de asociados (1941-1957) e a memoria do bienio 1954-1956, constitúen os fondos que o AEG acaba de poñer na Rede. Tamén se incorporaron varias fotografías e cartas que dan conta, por exemplo, da implicación da sociedade na construción dunha estrada no Fondal de Lousada.

Na segunda metade de 1950, a escaseza de socios e a progresiva diminución do fluxo migratorio cara a Cuba levou a que a Sociedad de Instrucción, Beneficencia y Recreo Hijos de Roupar e a entidade Progreso de Lousada. Sociedad Cultural y de Socorros Mutuos se fusionasen. Deste xeito, o 29 de maio de 1957 creouse Roupar y Lousada, Sociedad de Recreo y Beneficencia co fin de continuar proporcionando recreo e axuda mutua aos asociados e asociadas e de seguir traballando a prol do engrandecemento da súa terra natal. O expediente de fusión, o regulamento xeral creado para esta nova entidade, os libros de actas das diferentes reunións das xuntas directivas (1957-1959) e xerais (1957-1964), o libro de rexistro de socios e algunha da correspondencia enviada e recibida son varios dos materiais que completan os fondos divulgados neste mes polo programa Memoria documental das sociedades da emigración galega.


O programa Memoria documental das sociedades da emigración
O Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega puxo en marcha en febreiro de 2024 o programa Memoria documental das sociedades da emigración, unha iniciativa para divulgar os fondos documentais que se custodian no AEG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. Cunha periodicidade mensual, póñense na Rede os documentos xerados por estas institucións (libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade etc.) co fin de contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.