NOTICIA

----

Especialistas destacan o labor do Arquivo Sonoro de Galicia na conservación do patrimonio musical e oral do país

“Desenvolver iniciativas como as do Consello da Cultura Galega e o seu arquivo sonoro son moi importantes para que a sociedade tome conciencia da importancia deste tipo de patrimonio e da súa necesidade de preservación”. Así o subliñou María Jesús López no marco da xornada O Arquivo Sonoro de Galicia: fondos inesgotables para aprehender a nosa cultura, que se desenvolveu esta tarde na sede institucional do Consello da Cultura Galega (CCG) e na que participaron tamén Xaime Estévez Vila e Beatriz Cancela. O director do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), Alejo Amoedo, inaugurou xunto cos coordinadora-técnica do arquivo, Cristina Pujales, destacou na inauguración o valor que ten o documento sonoro como “fonte de información primaria”, en tanto permite acadar “unha comprensión mais completa do noso pasado e presente”.
Especialistas destacan o labor do Arquivo Sonoro de Galicia na conservación do patrimonio musical e oral do país

A sesión comezou co relatorio “O documento sonoro como fonte primaria de información”, a cargo de María Jesús López, xefa do Servizo de Documentos Sonoros e Audiovisuais do Departamento de Música e Audiovisuais da Biblioteca Nacional de España. Nel expuxo o valor que ten o patrimonio sonoro, pois “preserva desde as memorias persoais ata as memorias colectivas das culturas e dos pobos”. Neste sentido, apuntou que os documentos sonoros permiten “escoitar as músicas e as voces do noso pasado e conservar as nosas voces e a nosa música para o futuro”, polo que constitúen unha fonte de información esencial para “musicólogos, historiadores, antropólogos, etnomusicólogos e outros investigadores”.


A continuación, realizou un percorrido histórico polos soportes en que se rexistrou primeiro a música e, posteriormente, a voz. Falou dos primitivos discos perforados, dos cilindros de cera e dos discos de lousa, así como dos vinilos, dos soportes magnéticos e dos soportes dixitais actuais. Finalmente, destacou o labor que a Biblioteca Nacional e o ASG están a realizar para conservar os fondos sonoros da cultura española e galega, respectivamente. Búscase garantir, deste xeito, a supervivencia de arquivos e coleccións persoais e institucionais, “unha supervivencia que, noutros casos, se podería poñer en risco ao estar rexistrada en soportes efémeros”, afirmou María Jesús López.

Tras a súa intervención, Xaime Estévez Vila, catedrático de Música no ensino secundario e membro da Comisión Técnica do ASG, centrouse en expoñer a singularidade dos fondos que se custodian no Arquivo Sonoro de Galicia. Con base na súa experiencia persoal e nos achados da súa tese de doutoramento, profundou no aspecto didáctico aplicado ás “gravacións da música galega”, así como nas “conexións atopadas coa xeografía, a literatura, a historia e outras disciplinas susceptibles de ter no ASG unha fonte de información única”, subliñou.


Os fondos dispoñibles no Arquivo Sonoro de Galicia, concretamente aqueles pertencentes ás bandas de música e aos orfeóns, foron o eixe central do relatorio de Beatriz Cancela. A musicóloga e membro da Comisión Técnica do ASG iniciou a súa conferencia analizando a evolución histórica das bandas de música e do movemento coral, “dúas manifestacións musicais colectivas senlleiras que arraigaron con forza en Galicia”. Ambos os fenómenos acadaron unha gran relevancia desde mediados do século XIX. Asentáronse “en todos os estratos sociais, funcionaron como axentes transmisores e difusores culturais, e espallaron repertorios amplos e versátiles”, indicou. Cancela explicou tamén como as bandas de música afeccionadas constituíron un modo “de formar e instruír as clases menos favorecidas” e como, desde o punto de vista profesional, destacaron, fundamentalmente, “as bandas militares ou as pertencentes á Administración local (municipais)”. Así mesmo, detívose no momento en que os orfeóns empezaron a organizarse como sociedades corais, o que deu como resultado que “entre 1862 e 1939 se rexistraran en Galicia 162 sociedades”.

Á par desta aproximación histórica, Beatriz Cancela profundou nunha “mostra dos vestixios conservados nos distintos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia”. Destacou o labor de conservación e salvagarda da música dos orfeóns realizado polo ASG, onde están depositadas as gravacións históricas de 1904 do orfeón El Eco (A Coruña, 1881) e do coro Aires d’a Terra (Pontevedra, 1883), conservadas en discos de lousa. Xunto con estes fondos, destacou tamén os pertencentes ás “gravacións de bandas de música galegas e profesionais do territorio nacional, como a Banda Municipal de Madrid ou a homónima barcelonesa, interpretando repertorio galego como a Alborada Gallega de Pascual Veiga”.


As internvencións foron gravadas e poden consultarse desde o web da institución e as súas redes sociais.


O Arquivo Sonoro de Galicia
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un centro do Consello da Cultura Galega que ten como labor esencial a recuperación do patrimonio oral e musical galego. A recompilación de gravacións sonoras procedentes de arquivos particulares, institucións, colectivos ou compañías discográficas; a preservación do fondo sonoro en condicións óptimas; a súa catalogación e dixitalización, e a difusión a través de proxectos como Caligrafías musicais constitúen os eixes centrais da actividade do ASG. Coordinado por Alejo Amoedo Portela, ten como membros a Julio Alonso Monteagudo, Beatriz Cancela Montes, Xaime Estévez Vila, Concha Losada, Luciano Pérez Díaz e Cristina Pujales Prats.