----

A entrada do poeta Francisco Añón incorpórase ao Álbum de Galicia

Francisco Añón (Boel, Outes, 1812 – Madrid, 1878) acadou un gran recoñecemento público como poeta de Galicia no século XIX cunha produción lírica que oscilou entre o costumismo ou tipismo e o compromiso patriótico, social e político. Premiado nos primeiros Xogos Florais da Coruña, erixiuse como “unha voz inaugural do Rexurdimento”, subliña Xurxo Martínez González. El é o autor da súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Francisco Añón

Álbum de Galicia

Nado no seo dunha familia labrega, Francisco Añón formouse primeiro en Filosofía e Teoloxía e, despois, en Xurisprudencia na cidade de Santiago de Compostela. “Este período trazou o rumbo da súa vida”, indica Xurxo Martínez na súa entrada. Integrouse na Academia Literaria de Santiago e comezou a publicar os seus primeiros textos tanto en cabeceiras de ideoloxía provincialista (El Idólatra de Galicia, El Recreo Compostelano ou El Porvenir) como noutras de liña máis moderada (El Centinela de Galicia e La Aurora de Galicia). “Añón é un poeta transversal presente coa súa poesía nun e noutro lado da pugna ideolóxica”, continúa o autor da súa biografía, ao tempo que sinala que “Galicia é o punto en común” da súa produción lírica.

Tras a derrota dos revolucionarios provincialistas en 1846 marchou a Lisboa, de onde se viu obrigado a exiliarse após a publicación do seu Himno dos povos (1850). Francia, Italia e Sevilla foron algúns dos seus destinos antes de instalarse en Madrid, cidade na que se dedicou “ao xornalismo e á docencia de idiomas en clases particulares”, explica Xurxo Martínez. En 1866 regresou a Portugal e, dous anos despois, asentouse en Galicia durante un breve período de tempo antes de volver a Madrid.

O autor da súa biografía destaca tamén que Francisco Añón resultou vencedor dos primeiros Xogos Florais da Coruña (1861) cun texto titulado “A Galicia”, publicado posteriormente no Álbum de la Caridad xunto con outros dos seus poemas. “Velaquí como neste intre epifánico da literatura galega o poeta de Boel ocupará un lugar destacadísimo e un recoñecemento público como poeta de Galiza”, subliña. Xunto con este volume, a obra de Añón, “dispersa en xornais e álbums de difícil acceso”, foi publicada en forma de colección polo diario vigués La Concordia no mesmo ano do seu falecemento.

“Porén, se algo o fixo inmortal foi O divino sainete (1888), de Manuel Curros Enríquez”, sátira en que Añón “exerce de guía e de vello mestre”, afirma Xurxo Martínez. Foi esta “unha homenaxe que traspasou o grosor do tempo”, continúa, á que se uniron outras como a que lle realizou a Real Academia Galega en 1928 ou o seu nomeamento como escritor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 1966.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 715 entradas, das cales as máis recentes son as de Fernando Fraga Rodríguez, Antonio Naveyra, María Cardarelly e María Xosé Rouco Lamela.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.