NOTICIA

----

Unha xornada analiza o labor asistencial das igrexas na Europa da posguerra

Migracións, asistencia social e igrexas na Europa da posguerra é o título da xornada que o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza os días 23 e 24 de maio na sede institucional. A cita, que ten como obxectivo analizar a axuda que prestaron as diferentes confesións para velar polo coidado das persoas emigradas e refuxiadas, reunirá diferentes especialistas de Italia, Francia, Portugal, Suíza e España. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugurará a xornada xunto cos seus coordinadores, Luís Domínguez Castro e José Ramón Rodríguez Lago. A actividade é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais corporativas.

Tras a fin da Segunda Guerra Mundial foi moi numerosa a poboación que, por motivos de índole económica ou política, decidiu desprazarse cara a diferentes países europeos. Neste contexto, as distintas confesións buscaron ofrecer auxilio e asistencia social a quen se viu obrigado a emigrar ou exiliarse. A Igrexa católica, por exemplo, puxo en marcha a International Catholic Migration Commission (1951) e promulgou a constitución apostólica Exsul Familia (1952). Ademais, no ano 1954 constituíuse a Comisión Episcopal de Emigración, cuxos primeiros presidentes foron os cardeais galegos Fernando Quiroga Palacios e Benjamín de Arriba y Castro. Xunto con estas iniciativas, a organización en Galicia de diferentes congresos e conferencias, como a XVIII Semana Social de España (Vigo, 1958) ou o II Congreso Nacional de Emigración (A Coruña, 1959), amosan o relevante papel que tivo o país no ámbito eclesiástico durante os anos da posguerra europea.

Analizar as correntes migratorias que se produciron nese período, con especial énfase naquelas protagonizadas por emigrantes galegos, españois e portugueses, e o labor asistencial desenvolto por diferentes confesións, como a Igrexa católica ou a doutrina dos cuáqueros, son os obxectivos principais da xornada Migracións, asistencia social e igrexas na Europa da posguerra.

O programa
A cita comezará o día 23 de maio (10:00 horas) cunha sesión de relatorios arredor das poboacións desprazadas na Europa da posguerra e dos servizos prestados polas igrexas durante ese período. Abriraa Matteo Sanfilippo, da Università della Tuscia, cunha conferencia que leva como título “A Santa Sé e o problema dos refuxiados en Italia”. A continuación intervirá Maria Chiara Rioli, da Università degli Studi di Modena e Reggio Emilia, quen profundará na historia e nas prácticas da Diocese Latina de Xerusalén durante a década de 1946 a 1956.

O programa continuará pola tarde (16:00 horas) cunha sesión dedicada a analizar a asistencia social que prestaron aos emigrantes as diferentes confesións. María José Fernández Vicente (Université de Bretagne Occidentale) falará da axuda social ofrecida pola Igrexa á colectividade española emigrada a Francia, mentres que José Ramón Rodríguez Lago e Luís Domínguez Castro, da Universidade de Vigo, farán o propio coa migración galega a Europa nos anos cincuenta. A xornada proseguirá cos relatorios “Solidariedade e humanitarismo: a asistencia dos cuáqueros aos refuxiados en Francia”, a cargo de Gemma Caballer Albareda (Universitat de Barcelona), e “Ora et labora, capeláns e relixiosas entre os emigrantes españoles en Bélxica”, pronunciado por Ana Ponce Nieto.

A sesión do día 24 de maio (9:30 horas) abrirase coa intervención de Victor Pereira, da Universidade Nova de Lisboa e da Université de Pau, quen falará de Igrexa e asistencia social na emigración portuguesa a Francia. A continuación, Xosé Luís Pastoriza (Universidade de Santiago de Compostela) ofrecerá un relato da emigración europea nos católicos galegos dos anos sesenta e Luis Calvo Salgado (Universität Zürich) profundará na asistencia social prestada pola Igrexa aos e ás emigrantes galegas en Suíza. Pechará a xornada María José Esteban Zuriaga, do Centro Universitario de la Defensa de Zaragoza, co relatorio “Entre os desexos de integración e a procura dunha voz propia. Os emigrantes españoles e a Juventud Obrera Cristiana en Europa durante o segundo franquismo”.

O Arquivo da Emigración Galega
Esta cita insírese no marco das actividades organizadas polo Arquivo da Emigración Galega (AEG). Creado en 1992 pola Sección de Cultura Galega no Exterior do Consello da Cultura Galega, o AEG é un centro de documentación e investigación que ten como fin a recuperación documental e gráfica do patrimonio cultural xerado polo colectivo emigrante galego. Entre as súas actividades recentes destaca a posta en marcha do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega, a través do que mensualmente se divulgan os fondos documentais de diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. O AEG está coordinado por Xosé Manoel Núñez Seixas e ten como membros a Luís Domínguez Castro, Marcelino Xulio Fernández Santiago, Xesús Antón Fraga Sánchez, Keina Raquel Espiñeira González, María Alonso Alonso, Antía Pérez Caramés e Raúl Soutelo Vázquez.