NOTICIA

----

O CCG pon a disposición pública a documentación do Círculo Habanero de los Naturales de la Devesa, Sociedad de Instrucción y Recreo

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega pon a disposición pública a documentación recuperada da Habana (Cuba) do Círculo Habanero de los Naturales de la Devesa, Sociedad de Instrucción y Recreo, unha sociedade fundada por veciños do concello de Ribadeo en 1911 na capital cubana. A documentación, que permite estudar a xestión, administración e integrantes da sociedade, pódese consultar en liña e con libre acceso no repositorio do CCG, dentro do programa "Memoria documental das sociedades da emigración galega".

Círculo Habanero de los Naturales de la Devesa

Memoria documental das sociedades da emigración galega

O Círculo Habanero da Devesa é aínda hoxe un espazo icónico do concello de Ribadeo, como centro sociocultural da parroquia da Devesa. Foi inaugurado en 1921 como recinto recreativo que reunía casino, biblioteca, salóns de reunións e as escolas de ensino primario gratuíto para os nenos da Devesa e as veciñas parroquias de Rinlo e Vilaframil. O edificio foi parte dos cometidos do Círculo Habanero de los Naturales de la Devesa, Sociedad de Instrucción y Recreo, unha sociedade que os veciños da localidade emigrados a Cuba arelaban fundar xa desde 1899 pero que materializaron, coa súa constitución formal, a finais de 1911.

Recuperación do patrimonio documental na Habana
Na actualidade o Círculo Habanero está radicado no pazo do antigo Centro Galego da Habana. Alí foi recuperada e dixitalizada a súa documentación por parte do Arquivo da Emigración Galega, para facela accesible a interesados na memoria da emigración galega en América. Os documentos inclúen as actas fundacionais da sociedade, os libros de actas das reunións da Xunta Directiva, os regulamentos de xestión, os planos para a construción dos edificios recreativos e educativos que se habían erguer na Devesa –remitidos desde A Habana-, as listaxes de socios, a correspondencia ou programas de actos de celebracións. A principal materialización do Círculo Habanero foron os edificios construídos n Devesa. As escolas foron cedidas ao concello de Ribadeo en 1928, mentres que o edificio recreativo é hoxe centro sociocultural da parroquia.

O programa Memoria documental das sociedades da emigración
O Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega puxo en marcha en febreiro de 2024 o programa Memoria documental das sociedades da emigración, unha iniciativa para divulgar os fondos documentais que se custodian no AEG sobre as diferentes asociacións microterritoriais creadas na diáspora galega. Cunha periodicidade mensual, póñense na Rede os documentos xerados por estas institucións (libros de actas, regulamentos, correspondencia, memorias sociais, libros de contabilidade etc.) co fin de contribuír á súa preservación e facilitar a súa consulta.