Nesta edición, as obras seleccionadas teñen “temáticas de extrema actualidade”, segundo menciona o texto do evento elaborado polo CCG. Ambas pezas exploran as relacións de poder e os vínculos laborais e persoais baixo unha perspectiva crítica e social. A obra Sugar Daddy, de Luísa Pinto, afonda nos aspectos de dependencia e poder do que vén en chamar unha “relación sugar", cuestionando os límites entre o consentimento e a violencia de xénero, a obra “pretende alertar para os perigos deste tipo de relación, que promove a apertura de portas á prostitución e á violencia de xénero, onde o limite entre a sanidade e a insanidade mental se revela tan feble que ambas se confunden”, di o texto que presenta a obra. Pola súa parte, A máquina do pobo, de Iria Pinheiro, ofrece unha viaxe pola vida operativa dunha fábrica, centrada nas experiencias das súas traballadoras e dos seus propietarios, ademais do impacto que a deshumanización do traballo exerce sobre elas, ademais de todo o que implica para as súas vidas o momento do peche da fábrica na que traballan.
As representacións contarán cunha dirección artística destacada: Sugar Daddy será dirixida por Cláudia Marisa, con asistencia de Nuno Tudela e interpretación de António Salgado e Catarina Rapazinho; A máquina do pobo terá a dirección artística de Nuria Montero Gullón, cun elenco galego formado por Maruxa Gemperle Ares, Sandra Zarco Fernández, Sandra Folgar Martínez e Laura Pampín Sanabria.
Unha vez rematadas as lecturas dramatizadas, terá lugar unha conversa moderada por Vanesa Sotelo, dramaturga e profesora de ESAD de Galicia, onde se afondará nas temáticas das pezas. As autoras, ambas cunha traxectoria destacada no teatro e na investigación artística, achegarán a súa visión sobre o rol da dramaturxia como medio para abordar as cuestións sociais e humanas no noso tempo.
As autoras
Iria Pinheiro é actriz e psicopedagoga cunha ampla traxectoria nas artes escénicas, televisión e música. En 2019, foi galardoada con dous Premios María Casares pola súa obra Anatomía dunha serea (en colaboración coa poeta María Lado), recoñecida tanto na categoría de Actriz Protagonista como na de Texto Orixinal. Ese mesmo ano, obtivo o Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva e en 2020, o Premio á Mellor Interpretación no FIOT de Carballo coa súa peza Croquetas . Na actualidade, prepara Vitória, unha obra de teatro documental e autobiográfico que verá a luz en 2025, e acaba de estrear a película Prefiro condenarme, dirixida por Margarita Ledo.
Luísa Pinto é doutora en Estudos Artísticos con especialización en Estudos Teatrais e Performativos pola Universidade de Coimbra, ademais de encenadora, investigadora e actriz. Tamén exerce como profesora nos cursos de Teatro da Escola Superior Artística do Porto e da Universidade de Trás-os-Montes. Investigadora integrada no Centro de Estudos Arnaldo Araújo/ESAP, Pinto está a desenvolver un posdoutoramento na ECA da Universidade de São Paulo. Como directora artística da compañía de teatro Narrativensaio-AC, e exdirectora artística do Teatro Municipal de Matosinhos Constantino Nery, ten promovido proxectos de teatro en Contexto Prisional. Ademais, colaborou como autora e presentadora en programas culturais para a RTP, e foi co-realizadora do documental Rompendo os Muros da Prisão e do Filme Concerto-O Filho Pródigo.
As Dramaturxias Itinerantes
Dramaturxias Itinerantes ten como obxectivo dar visibilidade á creación teatral feminina de ambos os lados da raia, favorecendo o intercambio e a colaboración entre profesionais e estudantes das artes escénicas de Galicia e Portugal. Esta iniciativa, que se iniciou en 2019, permítelle ao público achegarse á escrita dramática a través de lecturas dramatizadas e de conversas con autoras convidadas. Ademais, promove a difusión destas obras mediante a súa publicación en liña, facilitando o acceso á dramaturxia contemporánea de Galicia e Portugal. O ciclo, que procura ser un referente de encontro e promoción da dramaturxia feminina, convida á reflexión e ao coñecemento da creación teatral contemporánea, destacando o papel da palabra escénica como vehículo de transformación e de intercambio cultural.


