“É importante poñer luz dende o coñecemento e poñer límites á contaminación lumínica” apuntou Elena Vázquez Cendón na súa intervención. O “Decálogo por un uso responsable da iluminación artificial” propón unha “necesaria reflexión” sobre o uso da iluminación exterior que permita, segundo Salvador Bará, “atopar un punto de equilibrio entre a súa indubidable utilidade e os seus daniños efectos non desexados”. O documento está en consonancia cunha serie de declaracións institucionais e de resolucións de diferentes institucións (Parlamento Europeo, Parlamento galego e entidades internacionais) sobre a contaminación luminosa e a calidade dos ceos nocturnos, ademais de coa Lei 34/2007, de calidade do aire e protección da atmosfera. Para Jorge Mira este documento parte de tres premisas básicas: “a luz contamina e afecta a nosa saúde; a opción por defecto debe ser sempre non iluminar e desbotar o mito errado de que máis luz é máis seguridade”.
Dez recomendacións
Entre as medidas que se poden adoptar destaca, en primeiro lugar, “a creación de mecanismos de control no marco dos organismos e servizos de ordenación urbana e do territorio”. Na opinión dos expertos que elaboraron o documento, o criterio fundamental no deseño de novas instalacións e modificación das existentes debe ir cara á “redución constatable da contaminación luminosa”. Nese sentido, o documento lembra que a redución do consumo de enerxía non implica unha redución da contaminación producida, senón o efecto contrario, xa que “moitas medidas de aforro enerxético incrementan a contaminación luminosa”.
A segunda das recomendacións é que se esixan avaliacións de impacto ambiental en materia de alumeado a todas as zonas de máxima protección e zonas protexidas con certificacións e non só ás zonas pertencentes á Rede Natura. Como requisito análogo “proponse que se estenda ás actuacións en materia de alumeado público, en todos os casos, valorando o seu efecto sobre a contaminación luminosa dos lugares afectados”. O decálogo tamén suxire que se solicite aos consellos profesionais respectivos a recomendación para a elaboración e autorización destes proxectos.
Dedica unha recomendación específica á iluminación ornamental, e asegura que “é necesario e urxente reverter a inxustificada tendencia actual a aumentar a superficie iluminada” dado que “os beneficios non compensan as consecuencias”.
A instalación de pantallas publicitarias ultrabrillantes é tamén obxecto de reflexión no documento, para o que se pide a elaboración dunha normativa específica. “Do mesmo xeito que as normativas de ordenación urbanística buscan a coherencia construtiva e a harmonización, deberíase aplicar o mesmo principio á iluminación que ten impacto na vía publica”.
Destina tamén unha recomendación ao tempo de Nadal. O decálogo inclúe que as actuais tendencias á esaxeración e competitividade nas decoracións deste período están a ter un efecto contaxio que está levando a zonas rurais a entrar nesa dinámica. “Curiosamente, estas zonas rurais, ao estaren en contextos de moita menor contaminación luminosa que as grandes aglomeracións urbanas, sofren un prexuízo maior con estas prácticas” asegura o documento. Non iluminar pola noite espazos que non teñen uso social, evitar os contrastes de iluminación entre as rúas próximas e reducir ao mínimo os niveis de iluminación en relación coa función que deben cumprir son outras das recomendacións.
Ademais, o documento propón levar a cabo accións de comunicación e formación sobre contaminación luminosa dirixidas á cidadanía, á comunidade educativa, a persoal técnico, a deseñadores de iluminación, a especialistas en paisaxe e a responsables da Administración autonómica e local.
Comisión técnica
O decálogo foi elaborado por unha comisión técnica temporal coordinada por Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e composta por Salvador Bará Viñas, profesor xubilado da Área de Óptica desta universidade; Susana Malón Giménez, directora de Lumínica Ambiental e membro da Xunta de Goberno do Comité Español de Iluminación; Elena Vázquez Cendón, catedrática e decana da Facultade de Matemáticas da USC; e Rebeca Blanco-Rotea, arqueóloga e investigadora do Laboratório de Paisagens, Património e Territorio (Lab2PT) da Universidade do Minho. Ten o seu antecedente na xornada titulada “Os múltiples riscos da contaminación luminosa” que o CCG realizou en xuño de 2023 e na que un grupo de especialistas, algúns deles integrantes desta comisión, solicitaron limitar e regular a iluminación pública.



