NOTICIA

----

A presidenta abre en Kiel unha nova itinerancia da mostra Afonso X e Galicia

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, inaugurou este xoves en Kiel (Alemaña) unha nova itinerancia da exposición Afonso X e Galicia<(em>. A mostra, que afonda na conexión galega do Rei Sabio, pode verse na Biblioteca Central da Universidade de Kiel (Christian-Albrechts-Universität zu Kiel, CAU) ata o 2 de xuño. Tralo acto inaugural houbo unha serie de relatorios breves a cargo dos profesores Javier Gómez-Montero, Facundo Reyna-Muniain, Gerald Schwedler e Elmar Eggert

Na súa intervención, a presidenta definiu a Afonso X como “unha "figura fascinante, profundamente culta e visionaria, que integrou tradicións hispánicas, grecorromanas, árabes e hebreas ao servizo da ciencia e da literatura”. Tamén salientou o seu apoio ao galego como lingua literaria: “Afonso X foi un defensor do galego non só na súa vertente poética, senón tamén como ponte entre mundos culturais diversos”. A exposición, foi traducida ao alemán baixo a coordinación dos profesores Reyna-Muniain e Elmart Eggert, en colaboración coas estudantes Karoline Hündorf e Thina Krause. Conta ademais, con catro paneis introdutorios específicos para esta edición, nos que se explica ao público alemán a relación de Afonso X con Alemaña e as semellanzas culturais entre Galicia e Schleswig-Holstein, achegando así unha comprensión máis profunda do legado europeo de Afonso X.

A profesora Laura Pereira, lectora do Centro de Estudos Galegos, despediu ao anterior director, Javier Gómez-Montero, e deu a benvida ao novo responsable, Elmar Eggert. Na súa intervención subliñou as consecuencias glotopolíticas do reinado de Afonso X, como a promoción do castelán como lingua oficial e de prestixio nas esferas do coñecemento e da administración, en detrimento doutras linguas ibéricas como o galego e o catalán. Indicou que xa no século XIII o galego quedara relegado ao ámbito poético, mentres a monarquía se resistía a empregar outras linguas vernáculas como linguas culturais. Na súa intervención, Gerald Schwedler afondou na figura de Afonso X desde unha perspectiva alemá. Pechou a sesión Facundo Reyna-Muniain quen afirmou que “o legado de Afonso X é un exemplo central de como a diversidade cultural e lingüística é esencial para a nosa comprensión europea común. A súa obra deu voz non só á cultura galega, senón tamén á fusión de distintas tradicións, testemuña do valor do plurilingüismo e do diálogo intercultural, fundamentais aínda hoxe para a identidade europea”.

Esta mostra, elaborada en 2021 co gallo do 800 anos do nacemento de Afonso X, abriu as súas portas en Santiago de Compostela. Desde entón a exposición comezou un programa de itinerancias nacionais e internacionais por cidades como Lugo, Ourense, Cracovia, Barcelona, Nitra (Eslovaquia), Boloña, Roma, Perugia, Londrina, (Italia) e Río de Xaneiro (Brasil).

A exposición
A mostra, comisariada por Antoni Rossell (UAB), busca dar a coñecer a relación con Galicia de Afonso X, unha relación que está amplamente documentada e que inclúe tanto a propia infancia do monarca como os contenciosos co cabido compostelán ou o contacto que mantivo cos trobadores galegos da época. Esta faceta vital do Rei Sabio, a súa actividade política e familiar e os seus conflitos conforman o primeiro dos bloques temáticos da exposición. A continuación, preséntase o seu labor científico, histórico e cultural, cunha relación das obras e traducións do scriptorium afonsino. O seguinte espazo está dedicado á música do medievo e conta cunha exposición de réplicas de instrumentos dos séculos XII e XIII, como o organistro, a zanfona ou a rota. Nel cobran un especial protagonismo as Cantigas de Santa María, obra cimeira de Afonso X, da que se realiza unha escolma que se presenta simultaneamente en seis pantallas. Tamén se ilustra graficamente como era a vida cotiá do monarca e a sociedade da Idade Media por medio dunha compilación de imaxes extraídas do Códice Rico. O último bloque está reservado á presentación de elementos patrimoniais de diferente índole (pezas de museo, iconografía relixiosa, edificios e documentación), relacionados cronoloxicamente con Afonso X e conservados en todo o territorio galego.

En total, a mostra componse de seis espazos e unha sala central que permiten realizar un percorrido flexible e multidisciplinario pola figura de Afonso X a partir de documentos e testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais. Ademais, conta con diferentes niveis de lectura, posto que xunto cos paneis e as proxeccións se instalaron unha serie de códigos QR que remiten a un sitio web no que se aloxan textos recitados, audios e outro tipo de contidos ampliados.