NOTICIA

----

O sector cultural amosa unha alta disposición de fomentar a oferta cultural segundo un informe do Observatorio da Cultura Galega

As artes escénicas, os museos e actividades relacionadas co patrimonio cultural e os departamento de cultura de concellos, deputacións e Xunta son as que perciben unha maior demanda de produtos culturais en galego entre a poboación máis nova. A maioría das entidades do sector cultural, o 74,4%, manifesta que aumentaría a súa produción ou actividade en galego se se poñen en marcha medidas de apoio. Son algunhas das principais conclusións do informe Demanda e oferta de produtos e servizos culturais en galego para a infancia e a mocidade, que presentaron este xoves en rolda de prensa a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o responsable do Observatorio da Cultura Galega, Håkan Casares. “Este estudo responde a unha liña de traballo da institución que analiza os dereitos lingüísticos culturais da cidadanía e, ademais, pretendíamos atender a eivas e lagoas que fomos percibindo a través doutros informes e nas nosas actividades nos últimos anos” apuntou a presidenta na súa intervención. Pola súa banda, Håkan Casares destacou que “hai demanda, falta oferta e, se se toman medidas, o ámbito cultural está disposto a incrementar a produción”. O documento xa está dispoñible para descarga.

O estudo ofrece unha visión completa do lugar que ocupa este público na programación e produción cultural en lingua galega. Un 73% das entidades da mostra ofrece produtos ou servizos en galego para o público infantil ou adolescente. Un 6,6% non produce nada nesta lingua e un 18,5% non se dirixe ao público novo, principalmente por tratarse de actividades non lingüísticas ou de contidos só para persoas adultas. En conxunto, as entidades dedican de media algo máis dun terzo da súa produción en galego a este público (37,74%). E precisamente é un terzo das entidades consultadas, máis de mil persoas nunha mostra propia que tamén se empregou para elaboración do Barómetro da Cultura Galega, o que percibe que existe bastante ou moita demanda.

En 2024 as entidades da cultura galega realizaron o 54,67% da súa producións en galego (un 20% de xeito exclusivo) e que a tendencia é a alza segundo os datos recollidos nos últimos catro anos. Así mesmo indica que a produción en galego non é homoxénea, senón que varía segundo a actividade. Educación cultural (63,68%), música (60,58%), museos e actividades relacionadas co patrimonio cultural (60,42%) e dos departamentos de cultura das diferentes administracións (59,74%) son os que rexistran os indicadores máis altos. “Séguenlles o teatro, danza e artes escénicas (46,62%), o comercio de libros e publicacións periódicas (46,35%), as bibliotecas e arquivos (37,54%) e as artes visuais (36,39%)” como apunta o estudo. Os valores máis baixos de producións en galego que se rexistran son as artes gráficas (23,84%) e a arquitectura, publicidade e deseño (12,40%). As entidades públicas (64,11%) e as que non teñen fins de lucro (54,51%) superan claramente a media, fronte ás empresas (27,75%).

A infancia e a mocidade, un ámbito en potencia
Este estudo é o primeiro dunha liña de traballo de atención á mocidade e á infancia que o Observatorio da Cultura Galega vai desenvolver, encadrado na necesidade de atender aos dereitos culturais dos sectores máis novos da sociedade. Entre os achados destácase que o 27,9% das entidades enquisadas percibe un incremento da demanda nos últimos anos.

A diagnose revela unha clara carencia de oferta en galego para o público infantil e adolescente. En ningún dos contidos analizados chega ao 51 % a porcentaxe de entidades que considera que existe “bastante” ou “moita” oferta, e en cinco ámbitos nin sequera supera o 22 %. A percepción de insuficiencia é especialmente aguda na produción de xogos de mesa e xoguetes (78,3% de respostas que falan de “moi pouca” ou “pouca” oferta), na ciencia e divulgación (75,2%), no audiovisual (74,9%) e nos contidos de redes sociais e Internet (73,0%). No caso dos videoxogos o diagnóstico é aínda máis severo: só un 6,2% entende que haxa unha oferta en galego minimamente suficiente. Precisamente por esa escaseza, existe un consenso moi amplo sobre a necesidade de incrementar os contidos en galego dirixidos á mocidade. Entre un 77% e un 94 % das entidades consideran “bastante” ou “moi importante” ampliar a oferta nos diferentes sectores analizados. Os niveis de acordo máis elevados concéntranse na música e espectáculos musicais (93,7%), na literatura e contidos editoriais (93,4%), nas artes escénicas (93,2%) e no audiovisual (91,4%). Lixeiramente por detrás sitúanse as actividades de lecer e tempo libre (91,1%) e a ciencia e divulgación (89,7%), seguidas polos contidos en redes sociais e Internet (86,9 %) e pola produción de xogos de mesa, xoguetes e outros produtos de lecer (84,4 %). Aínda que o apoio aos videoxogos é algo menor, tamén aquí unha ampla maioría (77,4 %) demanda unha presenza maior do galego. A escaseza percibida de contidos en galego —sobre todo nos formatos ligados ás novas tecnoloxías— explica a forte demanda de reforzo nestes mesmos ámbitos.

En canto a que medidas se poden adoptar para poder aumentar a demanda da cultura en galego, o sector ten unha idea bastante aproximada. “O fomento do consumo destes produtos nos centros educativos está considerado como bastante ou moi útil polo 92,8% das persoas consultadas” afirma o estudo. Aumentar a creación de contidos de lecer dixitais en galego en plataformas e redes sociais (90,8%), incrementar a información específica dirixida á mocidade (87,7%) ou as axudas á produción de contidos (84,3%) son as medidas con maior consenso entre o sector. Tamén axudarían “as campañas con persoas destacadas do ámbito deportivo, artístico ou dixital (83,9%) e a creación dunha plataforma que reúna toda a oferta infantil e xuvenil en galego (82,0%)”. A subvención directa para a compra destes produtos é, segundo o sector, unha das accións que menor impacto tería. O estudo tamén desvela unha correlación directa entre un maior apoio por parte da Administración e unha maior produción por parte do sector.