NOTICIA

----

A creación dunha plataforma transmedia entre as propostas da cuarta mesa do foro Un país coa súa lingua

Empregar o galego e a identidade galega como pilar estratéxico nas empresas é unha das propostas que se abordaron no marco da xornada “Comunicación, cultura e acción exterior”, coordinada por Marta Veiga Izaguirre no marco de Un país coa súa lingua. Foro participativo que dirixe Dolores Vilavedra. A experiencia do RC Celta, en boca de André Taboada Alonso, ou a campaña “A universidade de Vigo (UVigo), a proba! da man de Benigno Salgado son dous modelos que apostan por esta vía. “Debemos construír narrativas inspiradoras que aumenten a nosa con(s)ciencia, destacar a idea de participar nun proxecto comunitario atractivo para progresar cara a unha nova cultura vehiculada a través do galego. Os músicos e artistas galegos estano facendo. Oliver Laxe acaba de facelo” apuntou Benigno. Na sesión puxéronse enriba da mesa outras medidas concretas como accións específicas para o desenvolvemento do galego nas ferramentas de intelixencia artificial, mudar o modelo de axudas a medios de comunicación para que se potencie o idioma e, no exterior, que os organismos que conten con persoal apoien as actividades das redes de voluntariados que fomentan a cultura galega. A seguinte xornada do foro terá lugar o xoves 27 de xuño coa mesa “Economía, deporte e turismo”, moderada por Jakson R. Rodrigues Soares.

Unha das propostas que se puxeron enriba da mesa nesta sesión foi a creación dunha plataforma transmedia para a difusión e posta en valor da identidade galega. “Trataríase dun proxecto que combine redes sociais, contido audiovisual, música, humor e participación cidadá, cunha marca nova, recoñecible e atractiva, especialmente pensada para conectar coa mocidade e coa sociedade actual a través da cultura e da emoción” explicou André Taboada Alonso, responsable da comunicación dixital do RC Celta de Vigo. Xerar orgullo, crear contido atractivo e viral, así como construír comunidade son os obxectivos desta proposta que xa ten exemplos de que funciona. “O Real Club Celta de Vigo demostrou que comunicar en galego con impacto, modernidade e emoción é posible” apuntou André.

Na sesión tamén se abordaron outras medidas, como replicar experiencias de pequeno formato. Entre elas o festival “Presumo de Galego” explicado pola súa promotora, Carlota Casal. Esta iniciativa que se desenvolve en Melide conecta concertos nun pub da vila co instituto e cumpre xa nove edicións. Outras son as propostas promovidas por Carlos García Vieito quen contribuíu a que X e BlueSky estean en galego. Falou da Operación Albóndega, que logrou que Ikea puxera en galego a súa publicidade e, desde hai uns meses, tamén as instruccións de montaxe. Explicou que “son accións moi sinxelas de facer que levan o seu tempo e que nacen para que a idea é que a xente copie o que eu fago”. Sobre o videopodcast Exército Mekemeke, dixo que “non é so un programa de entretemento senón unha iniciativa para crear referentes en galego”. Por último, Ana María Prieto Rodríguez falou da Asemblea Cultural Galega de Barcelona, colectivo que mantén viva a cultura galega na capital catalá a través de actividades culturais e proxectos como a Biblioteca Sabela Labraña. “Ademais de ser unha biblioteca tradicional temos outros proxectos como un club de lectura; contacontos en galego e castelán chamado Casas e cousas; ou a iniciativa as letras galegas vivas que este ano recaeu en Margarita Ledo, entre outros” apuntou Ana.

No diálogo estruturado facilitado pola cooperativa Rexenerando, Senén Barro, abordou o Proxecto Nós, iniciativa punteira promovida pola Universidade de Santiago de Compostela no desenvolvemento de ferramentas de intelixencia artificial para o galego. “Temos que estar nas máquinas” apuntou na sesión. Pola súa banda, Andrea Villa Feijoo, do Carballo Interplay, explicou o modelo deste festival de referencia na creación audiovisual dixital en lingua galega. Ana González Liste en representación da Asociación de Medios en Galego e do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, lembrou que “o modelo de axudas a medios de comunicación é pouco ou nada efectivo para potenciar o uso do galego”. Destacou que as porcentaxes que se piden de presenza do galego son baixas e non se chega a supervisar a incidencia real do idioma nos medios que non son totalmente en galego, que son os que reciben estas axudas na súa maioría. Desde o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia trasladouse esta cuestión en numerosas ocasións á Secretaría Xeral de Medios da Xunta, “con propostas concretas tamén para que remate a discriminación aos medios 100% dixitais nestas axudas”. Pola súa banda, Daniel Ugarte, en representación da comunidade galega en Bruxelas, achegou a visión da diáspora; e Alba Fernández Sanlés, a través de videoconferencia, representou a REGA UK, rede de galegas e galegos no Reino Unido. Comprometida coa defensa da cultura propia desde o exterior destacou que as redes e as actividades funcionan por traballo voluntario por iso “solicitamos que organismos que conten con persoal apoien as actividades da redes de voluntariados que fomentan a cultura galega”.

Seguir participando no foro
O vídeo da xornada está dispoñible na canle de Youtube da institución e no sitio web desde onde se poden facer chegar propostas en calquera momento do proceso. A sesión deste martes é a cuarta parada do foro que arrancou en febreiro cunha mesa sobre a situación da lingua no ensino e na que se sinalaron medidas como unha iniciativa piloto que posibilite unha liña de ensino voluntaria na que o galego teña máis presenza, que se desenvolva con carácter experimental, de modo voluntario e consensuado entre todos os axentes implicados (familias e centros). Na segunda mesa propúxose a creación de software e a dispoñibilidade de documentación xudicial en galego, é dicir, traducir ao galego os programas de tramitación utilizados no ámbito xudicial e os formularios máis habituais. Na terceira mesa apuntáronse propostas coma estratexias de benvida con programas de acollida transcultural, promover contidos específicos desde a CRTVG que faciliten a inmersión lingüística de maneira amena e lúdica, realizar estudos sociolingüísticos desde a perspectiva da emigración ou a creación dunha rede de puntos de encontro en galego no rural. Por diante quedan as mesas “Economía, turismo e deporte”(25 de xuño) e “Sociedade, crenzas e participación comunitaria” (8 de xullo).