----

Un encontro co corpo consular pon en valor a diplomacia cultural

Unha nutrida representación do corpo consultar acreditado en Galicia reuniuse na mañá deste luns convocado polo Consello da Cultura Galega (CCG) para “crear un espazo de comunicación e de coñecemento mutuo entre a lingua e a cultura galega e as linguas e culturas dos países que están aquí representados” tal e como apuntou Rosario Álvarez, presidenta do CCG, na apertura da sesión. Baixo o título “Diplomacia e cultura” coñeceron as características da acción exterior do CCG e sentaron as bases de colaboración nun encontro que terá periodicidade anual.

Á sesión asistiron representantes dos consulados de Portugal, Arxentina, Uruguai, República Dominicana, Cabo Verde, Bulgaria, Brasil, Noruega, Suecia, Grecia e Romanía, así como Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, e Xosé Lago García, subdirector de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza da Xunta de Galicia. O encontro comezou coa intervención de Xavier Queipo, coordinador da Comisión de Acción Exterior e Relacións Institucionais do CCG, quen avogou pola importancia da diplomacia cultural e salientou que cómpre “comezar co coñecemento e co recoñecemento mutuo”. A partir da experiencia histórica da emigración galega, defendeu que como sociedade de acollida debemos avanzar cara a unha integración que vaia máis alá do económico e evite a creación de guetos culturais, promovendo no seu lugar o que definiu como “endosimbiose cultural”. Na súa opinión, isto implica recoñecer e difundir as expresións culturais das comunidades chegadas, ao tempo que se garante a aprendizaxe da lingua e da cultura galegas, fomentando así unha hibridación viva, fluída e multidireccional. Trátase, en definitiva, de coñecerse para respectarse e evitar ignorarse, facendo da diversidade un motor de convivencia en liberdade, igualdade e cooperación sincera.

Baixo o título “Diplomacia cultural desde Galicia: a acción exterior do Consello da Cultura Galega” a responsable de Acción Exterior da institución, Emilia García, perfilou e desenvolveu as liñas de traballo e acción nesta materia. “Trátase dunha acción plural, dinámica e aberta nun diálogo intercultural e un modelo exportable para outras rexións cunha forte identidade cultural” apuntou. Ademais de lembrar que o CCG desenvolve actividades fóra de Galicia en cumprimento da lei de creación da institución, destacou os diferentes formatos de traballo do CCG: exposicións, xornadas, convenios, recuperación de fondos documentais así como a realizacións de actividades conxuntas con outros axentes.

A profesora titular de Historia de América da Universidade de Santiago de Compostela, Pilar Cagiao Vila pechou a sesión cun relatorio titulado Notas para unha historia da acción consular en Galicia, no que destacou a longa tradición consular existente no noso país. Na súa intervención destacou como, desde os primeiros nomeamentos vinculados ao comercio nos portos atlánticos, a presenza de cónsules en Galicia foi mudando de funcións, pasando dunha orientación máis mercantil a outra de carácter crecente¬mente cultural e social. Neste percorrido histórico puxo o foco nos consulados latinoamericanos, estreitamente vencellados ás relacións de emigración, aos intereses comerciais e ao desexo de tender pontes entre comunidades afastadas xeograficamente pero unidas por vínculos humanos.

Cagiao subliñou tamén o papel esencial que desempeñaron determinadas figuras, como o uruguaio Julio J. Casal na Coruña ou Avelino Rodríguez Elías, cónsul de Paraguai en Vigo, quen a través da actividade cultural e editorial deixaron unha fonda pegada na sociedade galega. Estes exemplos, afirmou, mostran como a acción consular pode converterse nunha forma de “poder branco”, capaz de impulsar o diálogo entre pobos e a proxección internacional de Galicia. Ao seu xuízo, a historia consular galega ofrece claves para entender o presente e orientar o futuro, no que os consulados deben seguir actuando como mediadores, promotores de intercambio cultural e facilitadores de relacións transnacionais máis amplas.