"Seteventos" estrutúrase en sete episodios guiados polas sete correntes, que se acompañan coas ilustracións de Andrea López. O primeiro episodio, Nortada, aborda as conexións de Galicia con Irlanda e a Bretaña, explorando as correntes culturais e históricas que chegan do norte. O segundo episodio, Vendaval, trae os aires de Portugal, afondando nas relacións de proximidade e intercambio co país veciño. No terceiro episodio, Soán, a mirada amplíase cara a Madrid, mentres que o cuarto, Poñente, abre o horizonte transatlántico cara a México, Cuba, Estados Unidos e Panamá, espazos clave da diáspora galega. No quinto episodio, Nordés, achégase ás influencias europeas. O percorrido continúa con Levante, dedicado ás relacións co Mediterráneo e Asia, e péchase con Ábrego, que mira cara ao sur, á Arxentina e ao Uruguai.
No proxecto participaron máis dunha ducia de nomes, entre os que se atopan Ana Boullón, Xosé Manoel Núñez Seixas, Rebeca Blanco-Rotea e Javier Serrano Alonso, entre moitos outros. O proxecto emprega diferentes técnicas, como diálogos, cortes de audios xa existentes, entrevistas, ficcións sonoras e outros recursos sonoros. Ademais, na web do CCG proporciónanse as ligazóns aos materiais e recursos que se citan en cada unha das historias narradas.
Os episodios
O primeiro episodio afonda na relación entre Galicia e o Atlántico, tomando o celtismo como fío condutor. Arrinca coa recreación dun texto de Plácido Castro sobre os habitantes das Illas Blasket, escrito tras a súa estadía en Irlanda en 1928, e continúa coa análise da súa visión internacionalista e do celtismo galego da man de Xulio Ríos, a través do libro Vocacións e ideais de Plácido Castro. O programa aborda o papel do celtismo na cultura galega, vencellándoo ao Rexurdimento e á xeración Nós. Complétase co Cancioneiro da poesía céltica de Julius Pokorny, traducido por Ramón Piñeiro, e, no ámbito científico, coa evolución do coñecemento sobre o Atlántico desde o Congreso do Neolítico Atlántico e o congreso internacional de 1996, con voces como Antón Casal, Ramón Fábregas e Pilar Prieto.
No segundo episodio, Vendaval, a serie achégase a Portugal a través da historia medieval de Inés de Castro, nobre galega e raíña póstuma de Portugal. A arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea afonda nas construcións transfronteirizas que transformaron a relación entre ambos os países. Ademais, Domingo González Lopo analiza a emigración galega ao país veciño, e tamén se afonda na figura de Valentín Paz Andrade, cunha atención especial á proximidade lingüística.
O terceiro episodio, Soán, orienta a mirada cara a Madrid. Afonso X e Martín Sarmiento son os principais protagonistas e contan coa explicación a cargo de Henrique Monteagudo. Tamén se aborda a figura de Concepción Arenal, analizada a través das súas obras e da serie As mulleres do porvir, así como o epistolario de Emilia Pardo Bazán, especialmente a correspondencia mantida coa fidalga Carme Miranda.
Poñente abre o horizonte transatlántico cara a México, Cuba, Estados Unidos e Panamá. Comeza con Sebastián Ocampo, natural de Tui, que participou na expedición destinada a demostrar que Cuba era unha illa. Tamén se fala, da man de Núñez Seixas, da emigración masiva a Cuba; da figura de Osorio Tafall; da participación dos galegos na construción da canle de Panamá; e do secuestro do Santa María a mans do DRIL, con dous comandantes galegos.
No quinto episodio, Nordés, a serie céntrase nas influencias europeas de Francia, Alemaña e Suíza. Analízase, ao estilo Monty Python, a pegada dos suevos en Galicia, pero tamén as figuras de Diego Xelmírez, Valle-Inclán, Lois Tobío, María Casares e Dorothé Schubarth.
O percorrido continúa con Levante, dedicado ás relacións co Mediterráneo e Asia. Comeza coa figura de Exeria, primeira peregrina e cronista da historia. Xosé Carlos Sánchez Pardo aborda as conexións comerciais co Mediterráneo a partir dos materiais descubertos en escavacións arqueolóxicas en Vigo. Martiño de Dumio, Xoán o Galego ou o papel do sétimo conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro, son outras das figuras abordadas. O capítulo péchase coa presenza de Moisés Inzabarra e coa achega de María Gloria de Antonio Rubio sobre a Biblia de Kennicott, que acredita a presenza xudía en Galicia.
A serie conclúe con Ábrego, que dirixe a mirada cara ao sur, á Arxentina e ao Uruguai, territorios fundamentais na historia migratoria, social e cultural de Galicia.




