A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, cualificou a súa perda como “un pesar fondísimo para a cultura galega e, de maneira moi especial, para esta institución, na que desempeñou un papel determinante nos seus inicios”. Salientou tamén a súa relevancia como polígrafo e intelectual comprometido, cunha ampla presenza en institucións culturais e organizacións de carácter político, así como a súa activa proxección social e cultural.
A súa relación coa institución mantívose activa ao longo do tempo, especialmente en dúas grandes liñas de traballo. Por unha banda, destacou na recuperación e posta en valor de figuras sobranceiras da nosa cultura, promovendo iniciativas como o congreso e a publicación das actas dedicadas a Curros Enríquez, así como estudos e accións arredor de María Victoria Moreno, Amor Ruibal ou Florencio Delgado Gurriarán. Por outra, desenvolveu un intenso labor investigador arredor da Guerra Civil e do exilio galego como mostran a participación de publicacións da institución como O exilio galego: actas do congreso e repertorio biobibliográfico, O exilio galego de 1936: política, sociedade, itinerarios, Guerra civil (1936-1939) e literatura galega e Resposta escontra unha inxuria.
O Consello da Cultura Galega destaca o recoñecemento da súa figura e do seu legado, contribución imprescindible para comprender a evolución recente da cultura galega.



