NOTICIA

----

Kathleen March e a Francisco Díaz-Fierros, Medallas de Honra da institución

A filóloga estadounidense Kathleen March (Rochester, Nova York, 1949) e o edafólogo Francisco Díaz-Fierros (Vilagarcía de Arousa, 1941) recibiron este martes as Medallas de Honra do Consello da Cultura Galega (CCG) en recoñecemento á súa contribución ao desenvolvemento das actividades da institución. As laudatios estiveron a cargo, respectivamente, da filóloga Ana Luna e do historiador e expresidente do CCG Ramón Villares, que destacaron as súas traxectorias profesionais, así como o seu papel en proxectos do CCG como Seara ou o Álbum da Ciencia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, abriu o acto, ao que asistiron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, entre outras personalidades da sociedade e da cultura galega.

A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na súa intervención que as medallas, a máxima distinción, buscan “promover que se manteña a colaboración e implicación coa cultura galega das personalidades homenaxeadas”. Agradeceu a Kathleen March o “medio século de traballo incesante a prol da nosa cultura, por amor, desvelando aspectos que permanecían ocultos aos ollos dos galegos e galegas, e espallando a noticia sobre nós nunha ampla rede internacional”. Fixo especial fincapé en Seara, o portal de tradución da literatura galega ao inglés, que arrincou en 2023 baixo a coordinación de March para “espallar o seu coñecemento no mundo de fala inglesa e, por extensión, no mundo enteiro”. Sobre Díaz-Fierros, a presidenta lembrou que foi o membro máis lonxevo do plenario, con 35 anos de presenza ininterrompida, no que “teimou sempre en que a institución non esquecese nin o pensamento do Seminario de Estudos Galegos nin o espírito que alenta, xa desde o preámbulo, na lei de creación deste órgano estatutario: a cultura científica forma parte indisociable da Cultura, da cultura galega”.

Os discursos e as laudatios
O presidente do Parlamento de Galicia entregoulle a medalla a Kathleen March, á que a profesora e tradutora Ana Luna definiu como “unha intelectual galicianista, muller de dimensión poliédrica que non se pode entender sen termos en conta o seu compromiso coas comunidades e colectivos minorizados”. Luna lembrou que o interese de Kathleen por Galicia a levou a ser precursora dos estudos galegos nos Estados Unidos e a converterse nunha embaixadora da creación galega no exterior como proxecto de vida. “É un elo na cadea da diplomacia (e da política) cultural que precisamos, e que nos urxe como país”, apuntou Luna, que tamén salientou a súa faceta como tradutora. “Elixiu estratexias da teoría e da práctica das tradutoras canadenses e estadounidenses que abriron camiño para promover o feminismo en e mediante a tradución”, dixo de quen traduciu a unha vintena de autores e autoras galegas, entre os que están Rosalía, Luísa Villalta ou Begoña Caamaño, entre outros nomes.
Kathleen March comezou a súa intervención cuns versos de Rosalía para logo afirmar que, na súa condición de non galega nin galegofalante, sempre manifestou “un compromiso cunha lingua da que ninguén me falara antes de chegar a Compostela”. Insistiu en que “Seara procura ser homenaxe á terra galega, feita por nós, anglofalantes de máis dun continente” e que “é outro xeito de estaren as letras no mundo”. Lembrou a xénese do proxecto e “a esperanza que sentín ao presentar eu o proxecto de colocar na Rede obras galegas en inglés, nunhas páxinas só para elas”, coa tarefa de “crear seareiros, afeccionados á cultura na poboación anglofalante”.

O historiador Ramón Villares foi o encargado da laudatio a Díaz-Fierros, que recibiu a medalla de mans da presidenta Rosario Álvarez. Villares destacou a pluralidade de temas e áreas de interese que abordou e que van das ciencias experimentais até as humanidades. “É o mellor exemplo do que Charles P. Snow denominou, naquela célebre conferencia pronunciada en 1959 na Universidade de Cambridge, As dúas culturas, na que defendía dous modos de entender a cultura contemporánea: a científica ou da natureza e a literaria ou espiritual” apuntou na laudatio. Esas dúas culturas que Díaz-Fierros defendeu desde os seus postos no novo Seminario de Estudos Galegos e no Consello da Cultura Galega. Villares engadiu que a súa traxectoria “está fondamente marcada por un compromiso cultural e cívico: o emprego e uso da lingua galega non só nos ámbitos propiamente culturais, senón nos especificamente científicos”. Lembrou as numerosas actividades desenvolvidas na institución, pero sobre todo destacou a creación do Álbum da Ciencia.

No seu discurso, Francisco Díaz-Fierros lembrou as súas orixes no CCG, onde entrou representando á Universidade galega e onde velou pola defensa da cultura científica ao servizo da sociedade. “Propúxenme como tarefa primordial a de tentar clarificar e dotar de contido cultural a ciencia e a técnica galegas”, apuntou. Na institución desenvolveu xornadas interdisciplinarias sobre xenética e historia, olladas sobre a paisaxe, as vacas tolas e, sobre todo, os incendios forestais. Ademais, procurou novos formatos, como banda deseñada. “Se queriamos que a ciencia non se afastase da escala humana, como defendía o gran científico e divulgador Stephen Gould, había que tomar moi en serio a popularización do saber científico, ensaiando todos os medios e formatos de comunicación posibles”, apuntou. Reivindicou unha ciencia “culta e humana” que “debe ser un saber arraigado nos valores dunha terra e dun pobo”.

O acto contou cun programa musical que representa a canción lírica galega contemporánea a través dun diálogo artístico entre poetas fundamentais da nosa literatura (Marica Campo, Manuel Cuña Novás e Manuel María) e compositores recoñecidos (Juan Durán, Borja Mariño e Manuel Pacheco). A interpretación estivo a cargo do barítono ferrolán Gabriel López —gañador do Diploma Andrés Gaos do VII Concurso de Canto Compostela Lírica, premio auspiciado polo CCG—, acompañado polo pianista, tamén ferrolán, Ricardo Blanco.

Os anteriores galardoados coas Medallas de Honra do CCG foron: en 2018, Pablo Figueroa Dorrego, Ana Paula Laborinho e, a título póstumo, Francisco Lores Mascato; e, en 2022, Luis García Montero e Helena González.