O material cedido pola familia pasará a conformar os fondos do Arquivo Sonoro de Galicia para a súa salvagarda e difusión. Consiste en decenas de partituras e unhas 200 bobinas de audio que estaban nun avanzado estado de deterioro. Nelas está rexistrada boa parte da produción musical de Javier Pérez Méndez-Fanego, que destaca pola súa orientación pastoral e polo uso normalizado do galego na celebración. Entre as súas obras máis representativas atópanse “Os salmos pra nosa terra” (1971), que ofrece versións salmódicas adaptadas ao canto responsorial e á participación da asemblea; “A misa do pobo de Deus” (1974), unha das primeiras configuracións completas da ordinaria da misa en galego (que inclúe o Kyrie, Gloria, Santo e Agnus Dei), pensada para coro e pobo; a colección de himnos do breviario “In himnis et canticis”, publicados no Cancionero Litúrgico Nacional; e un notable número de partituras que configuran un nutrido repertorio, entre as que cabe mencionar o “Réquiem galego” (1982), destinado ao uso práctico nas celebracións; e “Xurdirá”, recompilación de cantos de estilo máis moderno e accesible que acadou ampla difusión en parroquias e movementos cristiáns galegos nos anos setenta.
As súas obras caracterízanse por melodías sinxelas, estruturas repetitivas que facilitan a aprendizaxe colectiva e unha clara intención de inculturación da liturxia no ámbito galego.
No acto, no que se leu un texto escrito por Juan José Rodríguez de los Ríos, ademais dunha interpretación da Coral Polifónica Ferrolana, herdeira da Coral Polifónica de Bazán fundada polo tío materno do homenaxeado, Manuel Pérez Fanego (coñecido como o Padre Fanego).
Renovador da liturxia en galego
Javier Méndez Pérez-Fanego foi un compositor e sacerdote galego vinculado de maneira decisiva á renovación da música litúrxica en Galicia durante a segunda metade do século XX, especialmente no contexto aberto polo Concilio Vaticano II (1962–1965), que promoveu o uso das linguas vernáculas na liturxia e unha maior participación da asemblea. Inserido neste movemento de cambio, Fanego destacou por adaptar a tradición musical relixiosa ás necesidades pastorais do seu tempo, elaborando un repertorio en lingua galega pensado non para a interpretación especializada, senón para o canto comunitario nas parroquias.
Nado nunha familia con fonda tradición musical, estivo moi influído polo seu tío materno, Manuel Pérez Fanego, quen marcou decisivamente a súa sensibilidade artística. Realizou os estudos eclesiásticos no seminario de Mondoñedo e ampliou a súa formación na Universidade Pontificia de Comillas, onde foi discípulo do Padre Prieto, músico de prestixio internacional. Foi ordenado sacerdote en 1963 e iniciou o seu ministerio en parroquias rurais de Cabanas (Viveiro), pasando despois a Ferrol, onde desenvolveu unha intensa actividade pastoral nas parroquias de Nosa Señora do Carme e San Xiao, especialmente no ámbito da catequese e da liturxia.
En 1978 trasladouse a Madrid para perfeccionar a súa formación musical, onde entrou en contacto co Secretariado Nacional de Liturgia e formou parte do seu equipo, ampliando o seu repertorio con novas composicións e publicacións. Regresou a Galicia en 1983 tras ser nomeado mestre de capela da Catedral de Santiago de Compostela, cargo que só ocupou dez meses, desde o que impulsou a escolanía catedralicia e compuxo numerosas pezas para as grandes solemnidades.



