NOTICIA

----

Unha xornada aborda a figura de González-Alegre, referente das artes visuais contemporáneas

A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) achégase, no marco do ciclo “Revisando a nosa arte”, a unha voz imprescindible para entender o desenvolvemento das prácticas artísticas contemporáneas en Galicia. “Alberto González-Alegre. Que non pare a música!” é o título da xornada que busca render homenaxe, activar a memoria e reflexionar sobre a relevancia do seu legado desde a súa cidade natal, Vigo, e da man de xestores, críticos e profesionais cos que mantivo unha estreita colaboración. Paula Cabaleiro e Ángel Cerviño coordinan esta cita presencial que terá lugar en Vigo (MARCO, 7 de abril, 17:00 horas). Non se emite en directo, será gravada e subirase posteriormente ao web e canle de Youtube da institución.

Crítico de arte, historiador e comisario, González-Alegre desenvolveu unha traxectoria difícil de cuantificar pola súa amplitude e impacto. Ao longo de décadas, participou activamente en cursos, publicacións, proxectos curatoriais e iniciativas de xestión cultural, ademais de dirixir institucións como a Fundación Luis Seoane. O seu labor foi decisivo para o impulso das propostas máis experimentais do sistema artístico galego, apoiando con especial xenerosidade a artistas emerxentes e abrindo espazos para novas xeracións.

A xornada xuntará profesionais que compartiron con el proxectos e experiencias, configurando un programa que combina a reflexión crítica coa memoria persoal. A sesión comezará cunha conferencia inaugural a cargo de Ángel Cerviño, colaborador habitual en proxectos expositivos e amigo próximo, quen ofrecerá unha aproximación máis íntima á súa figura. A continuación, desenvolverase unha mesa de relatorios moderada por Paula Cabaleiro, na que participarán nomes destacados do sistema artístico galego como Miguel von Hafe, exdirector do CGAC e co-comisario con González-Alegre de diferentes proxectos; Marisa Sobrino, historiadora da arte e referente académico; Pablo Fanego e Pedro de Llano, comisarios e investigadores; a artista Carme Nogueira, vinculada ao seu labor de acompañamento e impulso á creación; e Xosé Lois Gutiérrez Faílde, historiador e editor. Todos eles comparten unha relación directa coa súa traxectoria, ben desde o comisariado, a crítica, a docencia ou a práctica artística.

A iniciativa busca tamén subliñar a necesidade de preservar o seu legado intelectual, disperso en catálogos, artigos, textos críticos e publicacións.” A súa xenerosidade e capacidade de acompañamento foron claves para a consolidación dun ecosistema artístico dinámico, no que moitos artistas e profesionais atoparon as súas primeiras oportunidades”. A súa voz estará presente coa proxección da entrevista que a Televisión de Galicia lle fixo en 1999 cando comisariaba a exposición “Fisuras na percepción” na 25ª Bienal de Pontevedra (1998). Proxección facilitada pola CSAG para esta xornada. O tiítulo, recolle unha expresión habitual do propio González-Alegre ao iniciar unha montaxe expositiva —“que non pare a música”—.

Unha figura destacada na arte galega
Alberto González-Alegre (1957–2025) foi crítico de arte, historiador e comisario de exposicións galego, e unha figura clave no desenvolvemento das artes plásticas contemporáneas en Galicia.

Formouse en Pontevedra e ao longo da súa carreira destacou pola súa intensa actividade no ámbito cultural, participando en conferencias, cursos, publicacións e proxectos de investigación artística. A súa influencia foi especialmente relevante no apoio a propostas innovadoras e experimentais dentro do sistema artístico galego.

Como comisario, colaborou con institucións de prestixio como o CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea), onde organizou importantes exposicións, entre elas retrospectivas de artistas como Lodeiro (2007) ou Carlos León (2014), ademais de mostras colectivas como Agrupar_Desagrupar (2016). Tamén desenvolveu labores de xestión cultural, chegando a dirixir institucións como a Fundación Luis Seoane na Coruña. O seu traballo caracterizouse por unha visión crítica e comprometida coa evolución da arte contemporánea.

O legado de Alberto González-Alegre queda reflectido nun amplo conxunto de proxectos expositivos que marcaron fitos na arte contemporánea galega. Entre eles destacan Portas de luz (2009), unha revisión da creación artística dos anos setenta; Fisuras na percepción (25ª Bienal de Pontevedra, 1998), que introduciu un modelo temático e expandido de bienal; ou Francisco Mantecón. Pasión y cálculo (2015), que revisou a obra dun dos creadores clave da plástica galega recente. Xunto a estas, cómpre salientar propostas como Casus Belli + Refutación do Contexto (2011), O bosquexo do mundo (2014) ou Pontevedra suite 1983-1987 (2017), nas que se evidencia unha constante: a súa capacidade para abrir novas lecturas sobre a arte e cuestionar os modos de representación. Mesmo en proxectos máis recentes, como Agrupar_Desagrupar: Ruturas da representación, mantense esa vontade de conectar xeracións e revisar procesos históricos da arte galega.

González-Alegre foi recoñecido como unha voz fundamental no pensamento artístico galego, deixando unha pegada profunda tanto en artistas como en investigadores e profesionais do sector cultural.