No acto de cesión do material estaban presentes catro dos cinco fillos que Vázquez Gayoso tivo coa súa muller, Felisa Abad, así como outros familiares e amigos chegados desde diferentes países. O acordo foi asinado por un dos fillos, Juan Vázquez, e máis a presidenta, Rosario Álvarez, quen destacou a “satisfacción e orgullo institucional de recibir un legado que axuda a construír a memoria do país”.
O material que a familia cede ao Arquivo da Emigración Galega para a súa custodia e conservación inclúe coleccións de artigos que Jesús Vázquez publicou en xornais e revistas como España Libre, Veritas ou Vieiros. Entre a documentación destaca tamén unha alocución do Goberno republicano español dedicada polo propio Félix Gordón Ordás a Jesús Vázquez e á súa muller. O fondo incorpora igualmente fotografías de actos oficiais e celebracións dos círculos republicanos e culturais nos que participou, así como numerosos volumes que reflicten tanto o seu perfil político como o seu compromiso humanista.
No acto contextualizouse a traxectoria vital de Vázquez Gayoso, que comezou como avogado cunha sólida carreira liberal. A vida de Vázquez Gayoso atravesa algúns dos grandes escenarios do exilio republicano: os Pireneos, por onde saíu a pé como moitos outros exiliados, para logo pasar pola Habana, Panamá, Caracas e finalmente México. En Venezuela chegou a exercer como cónsul xeral da República, facilitando documentación e apoio a moitas persoas que continuaban a fuxir da ditadura franquista. Grandío salientou tamén a relevancia histórica do período comprendido entre 1945 e 1948, marcado pola expectativa de que o contexto internacional favorecese a caída do franquismo, algo que finalmente non aconteceu. “Como historiadores, ás veces presentamos esas décadas como un deserto, pero figuras como Vázquez Gayoso axúdannos a comprender que existiu unha continuidade da loita democrática”, indicou Emilio Grandío.
Para o investigador, Vázquez Gayoso forma parte dunha “xeración perdida”, xunto a nomes como Salvador de Madariaga ou María Casares, persoas obrigadas a desenvolver a súa vida lonxe de Galicia e de España, e que ao regresar atoparon un país completamente diferente. Tamén se subliñou que, sen a forza e a convicción de persoas como Vázquez Gayoso, que mantiveron viva esa idea democrática durante décadas, “non se entendería o sistema democrático actual”.
Un perfil humanista e político
Jesús Vázquez Gayoso foi escritor, avogado e político, e unha das figuras máis destacadas do exilio republicano galego en América, cunha intensa traxectoria política, académica e humanitaria vinculada á defensa da Segunda República española. Militante inicialmente do Partido Radical Socialista, participou posteriormente na fundación de Izquierda Republicana, o partido impulsado por Manuel Azaña, Santiago Casares Quiroga e Álvaro de Albornoz.
Licenciado en Dereito, desenvolveu unha importante actividade intelectual e política durante os anos da República. Ao inicio da Guerra Civil incorporouse ao bando republicano, onde exerceu como secretario técnico de Gobernación e chegou a ser comandante do Corpo de Carabineiros. Tras a derrota republicana viuse obrigado ao exilio, iniciando un percorrido que o levou por Francia, Cuba, Panamá, Venezuela e finalmente México.
No exilio destacou especialmente polo seu labor de apoio ás persoas refuxiadas españolas. En Caracas exerceu como cónsul e encargado de Negocios da República Española durante o período no que o Goberno venezolano de Rómulo Betancourt rompeu relacións co franquismo. Desde ese posto facilitou documentación, permisos e visados a centos de exiliados que chegaban a América, converténdose nunha figura clave das redes de solidariedade republicana.
Destacou tamén pola súa actividade humanitaria e por desenvolver unha intensa labor cultural e académica. Foi profesor universitario en Cuba, Panamá e Venezuela; participou na creación da Escola Libre da Habana xunto con outros intelectuais galegos exiliados; e impulsou publicacións antifranquistas como a revista Nuestra España. Tamén escribiu artigos e ensaios baixo o pseudónimo de Antón D’Alence. Entre as súas obras destacan Visión de un mundo nuevo: Mensajes de España (1941) e Luz en el alma (1969).
Xa instalado en México, continuou vencellado ás institucións republicanas no exilio. Formou parte da organización antifranquista España Errante e exerceu como ministro delegado no Goberno da República Española no exilio, primeiro baixo a presidencia de Emilio Herrera e posteriormente baixo a de Claudio Sánchez Albornoz.



