O presidente do Consello da Cultura Galega salientou o feito de que a cultura é “un dos grandes valores de Galicia como país cun perfil propio e pode ser utilizada para difundir a imaxe de Galicia no exterior e para mellorar as relacións con outros países e comunidades”. Lembrou que a cultura “fai parte esencial da actividades das Comunidades Galegas formadas no exterior desde hai séculos e, de forma máis directa, da construción da identidade cultural da Galicia contemporánea”.
Subliñou asemade que “nada da Galicia contemporánea é alleo á pegada da emigración”, razón pola que debemos “non só recoñecer este legado, senón aproveitar esa tradición para facela viable e operativa”, devolvendo ao tempo ás comunidades galegas no exterior “algo daquelo que elas construríron pouco a pouco durante moitos anos”.
Ramón Villares apostou por “tecer redes de intercambio que permitan asentar o noso prestixio cultural cara a fóra e enriquecer a nosa propia vida cultural cara ó interior” e a respecto do idioma, sinal de identidade tamén preservada polo asociacionismo galego no exterior, afirmou que debería fortalecerse e complementarse “cunha concpeción do galego como lingua de comunicación que facilite a permeabilidade dos falantes cos países de lingua portuguesa, nomeadamente co Brasil”.


