O informe analizou os 52 principais premios e galardóns culturais do país e conclúe que recaen de xeito maioritario en homes. En total, o 67% dos galardóns premian a homes, un 20% a mulleres e un 13% a asociacións, colectividades ou obras artísticas.
Nos premios literarios, que son maioritarios dos certames convocados en Galicia, resultan galardoadas o 20% das mulleres. Unha porcentaxe que medra ata o 28,4% no caso de premios de literatura infantil e xuvenil. O informe constata, ademais, que nos premios de creacións artística hai diferenzas entre eles. Os de banda deseñada, composición musical e creación artística son acadados maioritariamente por homes; hai paridade nos de artes artesanía ou artes plásticas, mentres que o número de premiados favorece as mulleres nos premios a artistas novos.
Nas diferentes categorías premios do audiovisual (primeiro chamados Agapi e posteriormente Mestre Mateo) galardóanse de xeito maioritario aos homes. Alén das categorías de interpretación feminina (protagonista e de reparto), sons as de deseño de vestiario (100%), dirección artística (57%), maquillaxe e perruquería (72%) as que recoñecen máis mulleres ca homes. Situación similar acontece no teatro, onde ademais, están igualados os premios para ambos os sexos no que afecta a adaptación e tradución (50%).
No eido xornalístico, as diferenzas son notorias. Dos 178 premiados nos dous grandes premios recollidos, só un 8,4% corresponden a mulleres.
Entre o resto de premios culturais, destacan os premios da cultura galega, convocados desde 2008 pola Xunta de Galicia con diferentes denominacións (primeiro Premios Nacionais da Cultura Galega e, posteriormente, Premios da Cultura Galega) que, malia ser recentes, dos 40 premios outorgados 5 foron para mulleres, 17 para homes e 18 para outros colectivos.
A presenza na Administración e colectivos
O informe estuda tamén a presenza da muller na Administración, nas asociacións profesionais e nos cargos directivos de empresas culturais, con resultados diferenciados. Segundo directorios públicos ou titulares das fontes primarias consultadas, o 48% das persoas que traballan no sector público vencellado á cultura son mulleres. Ademais, a distribución por sexos segundo o cargo ocupado, amosa que as mulleres son maioría salvo cando se atende a vogais dos órganos consultivos, onde existe un gran desequilibrio. Neste suposto, os homes supoñen un 85,4%, fronte a un 14,6% de mulleres. Son tamén minoritarias na presidencia das fundacións culturais galegas, onde as mulleres ocupan un 13% dos postos. No que afecta aos responsables políticos da área de cultura dos concellos galegos, a situación revela que se está próximo á paridade, un 46% de mulleres fonte a un 54% de homes.
No que atinxe ás asociacións profesionais, a presenza das mulleres é inferior a dos homes en todas elas agás no caso do Sindicato de Xornalistas de Galicia, onde representan o 54% do total. Destaca o cadro da Asociación de Escritores en Lingua Galega, no que as mulleres supoñen o 23% do total dos asociados. Nos cargos directivos, o reparto por sexos beneficia os homes, que ocupan o 72% destes postos.
Por último, o informe recolle outros indicadores como a porcentaxe das mulleres nas orquestras sinfónicas de Galicia, onde supoñen o 34% do total.
A muller na cultura galega (I)
A primeira parte do informe analizaba datos relativos á presenza das mulleres desde un punto de vista estatístico. A muller na cultura galega I apuntaba a un aumento da participación das mulleres no ámbito cultural e constataba que as diferenzas entre os sexos inflúen nas accións e nas actitudes.
A actividade do Observatorio da Cultura Galega
O Observatorio é un servizo dependente do Consello da Cultura Galega que pretende encher o baleiro de información existente sobre a cultura a través dun método rigoroso e estándar de recolleita de información. A produción fundamental do Observatorio é a información estatística, aínda que entre as súas funcións está a redacción de informes de tipo cualitativo e avaliativo. Todos os resultados teñen como fin último contribuír ao desenvolvemento de políticas culturais sobre unha evidencia empírica.
Descarga os informes A muller na cultura galega II e A muller na cultura galega I


