As 5440 empresas culturais que hai rexistradas en Galicia en 2012 supoñen o 5,4% do conxunto estatal, que conta con 101 342 sociedades. Aínda que as cifras revelan que medraron en 26 unidades, a realidade á que fan referencia presenta comportamentos diferenciados. Así, os datos tomados do INE, do seu Directorio Central de Empresas, apuntan que as empresas relacionadas con actividades de comercio e de alugueiro de vídeos experimentaron unha baixada significativa (que pasaron de 1996 a 1783 empresas), mentres que soben bibliotecas, arquivos e museos (que pasaron de 76 en 2008 a 180 en 2012). Baixan tamén as relacionadas con actividade cinematográficas, de vídeo, radio, televisión e edición musical (de 417 a 387).
Esa mesma fonte tamén destaca que as son as empresas que se insiren dentro da epígrafe de creación artística e espectáculos as que constitúen o maior número, con 1412 unidades, son 105 máis que en 2008. Ademais, destaca que crecemento si, pero sostido e con tendencia negativa, xa que en 2011 as cifras eran mellores que en 2012.
As empresas da cultura son PEMES
O Directorio Central de Empresas do INE (DIRCE), que mide por estrato de asalariados, ofrece unha radiografía de como son as empresas da cultura no noso país. Esa fonte revela que a práctica totalidade, o 99,6%, desas empresas son PEMES con menos de 50 traballadores. E, máis aínda, os datos do DIRCE evidencian que, en 2013, o 58,3% das empresas non tiñan ningún asalariado. Unha realidade que tivo a súa máxima expresión en 2012, con 3697 empresas mantidas por autónomos, que en 2013 pasaron a 3655.
Seguindo nesa epígrafe, o Boletín Oficial de Rexistro Mercantil do Instituto Galego de Estatística permite medir a demografía das sociedades mercantís en Galicia. Segundo esa fonte, a creación de empresas culturais en 2012 foi superior a 2013, pasouse de 65 a 47 empresas. Con todo, seguen a representar o 1% do total das sociedades mercantís. Esta fonte permite ter un seguimento máis actualizado, e destaca que nos catro primeiros meses de 2014 se crearon 27 empresas culturais, case o dobre que nese mesmo período en 2013.
A exportación, tendencia negativa
Os datos macroeconómicos debuxan unha realidade para o sector empresarial da cultura con tendencia á baixa, entre 2010 e 2011, en todos os indicadores, agás a remuneración dos asalariados, que sobe un 2,19%. Son negativos a produción a prezos básicos (o que os produtores reciben dos compradores), un -09,1%. Hai tamén comportamentos diferentes por sectores, sendo o da edición o que máis baixa, que pasa de 309 373 miles de euros a 244 2787 entre 2008 e 2011.
Centrándonos na exportación, os datos do IGE analizados polo Observatorio da Cultura Galega ofrecen que, en 2013, as empresas culturais galegas exportaron por importe de 4,2 millóns de euros. Unha cifra significativa por dous motivos: primeiro, porque a tendencia segue a ser á baixa e, segundo, porque é negativa no conxunto de actividades económicas, onde se aprecia unha tendencia á alza de orientarse a mercados externos pola baixada da demanda interna. De feito, unha das principais conclusións do informe é que “o sistema produtivo da cultura segue a ser o sector exterior, xa que as empresas culturais exportan moi pouco”.
A actividade do Observatorio da Cultura Galega
O Observatorio é un servizo dependente do Consello da Cultura Galega que pretende encher o baleiro de información existente sobre a cultura a través dun método rigoroso e estándar de recolleita de información. A produción fundamental do Observatorio é a información estatística, aínda que entre as súas funcións está a redacción de informes de tipo cualitativo e avaliativo. Todos os resultados teñen como fin último contribuír ao desenvolvemento de políticas culturais sobre unha evidencia empírica.
Entre os últimos informes destaca o que analiza a presenza da muller na cultura galega, que destaca un aumento da participación das mulleres no ámbito cultural e constata que as diferenzas entre os sexos inflúen nas accións e nas actitudes; ademais, na segunda parte dese informe revelaba que continúan a existir desigualdades nos premios e galardóns culturais.
Descarga o informe As empresas culturais en Galicia


