“Procuraremos continuar co estilo trazado nestes últimos anos, cunha forma de xestión máis depurada, que procurará establecer prioridades nas nosas actividades e buscar novas conexións con outras institucións” explicou o presidente electo do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, no transcurso da comparecencia parlamentaria. Ademais, fixo especial fincapé no dinamismo desta entidade constatable en que “só remanece no seu plenario unha cuarta parte dos membros desde o ano 2006”. Situación que se continuará tras aprobar en 2010 un regulamento de funcionamento que limita en dúas lexislaturas o tempo máximo de permanencia na institución.
Decálogo de traballo
Para o mandato 2014-2018, Ramón Villares presentou un decálogo das propostas estratéxicas que asumirá a institución. A primeira delas consiste en promover a colaboración institucional, co obxectivo de buscar sinerxías cara a elaboración de políticas culturais coordinadas. A segunda pasa por chegar a novos públicos para a cultura galega. Para poder acadar ese obxectivo, a terceira proposta consiste na diversificación das actividades, con novos formatos e unha maior descentralización para chegar a ámbitos locais. A cuarta é potenciar a acción exterior, relacionada coa quinta que consiste en xerar produtos para a internacionalización de cultura galega.
A presenza da cultura galega na rede será outro dos grandes eixes de traballo, que se concreta en varias propostas do decálogo. Concretamente na sexta, que consiste en etiquetar dixitalmente a cultura galega; a sétima, coa recuperación e dixitalización da documentación particular e a novena, que consiste en editar obras de referencia na rede, algo que xa se está a facer coa divulgación en redes sociais da obra de Castelao Sempre en Galiza.
A oitava proposta céntrase na elaboración dun Plan Director do Patrimonio Cultural no exterior, que permita coñecer o patrimonio depositado nos centros e institucións galega da emigración e elaborar liñas de actuación para velar pola súa protección e posta en valor.
A última proposta do decálogo consiste en situar Galicia no contexto europeo. Con motivo da celebración en 2016 da creación das Irmandades da Fala no contexto do rexurdimento dos nacionalismos europeos de comezos do século XX, analizar o nacemento da identidade galega no contexto da Europa de entreguerras.
Aceptación por parte dos Grupos Parlamentarios
A súa comparecencia foi ben acollida polos diferentes grupos parlamentarios que, ademais de felicitalo pola reelección, destacaron o labor de asesoría desenvolvido pola institución. Na quenda de preguntas, os deputados interesáronse por informes e actividades puntuais e sobre a avaliación dos seus resultados. Cuestión na que Ramón Villares, dixo que se traballará nos vindeiros anos.
Por último, o Presidente incidiu na necesidade de avanzar un gran pacto pola cultura, para considerala un valor estratéxico e como un instrumento mesmo para saír da crise. “E hai que dicilo aquí porque son os partidos políticos os que teñen a potestade para facelo” apuntou.
Paso previo ao seu nomeamento
A comparecencia parlamentaria tivo lugar en cumprimento da previsto no artigo 16.1 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de Transparencia e de Boas prácticas na administración pública galega e do establecido no artigo 13.2 do Regulamento de Funcionamento do Consello da Cultura Galega, como paso previo ao seu nomeamento por decreto da Xunta de Galicia.
Ramón Villares foi elixido presidente do Consello da Cultura Galega nunha sesión plenaria extraordinaria celebrada o pasado 22 de maio, con 22 votos a favor e un en branco.


