----

As Xornadas “Arte + Grandes Eventos” analizan o alcance do contencioso arte/cultura e espectáculo

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2010.- As xornadas “Arte+Grandes Eventos” pretenden adiviñar ata onde pode chegarse no conflicto arte (e cultura) e espectáculo.Unha realidade controvertida e complexa que analizaron o sociólogo Arturo Rodríguez Morató e o filósofo José Luís Pardo. Organizadas pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega e o Centro Galego de Arte Contemporánea as xornadas, ás que asisten un cento de expertos e estudiosos, trasladaranse mañá ás dependencias do CGAC.<!--more-->

A profesora María Luisa Sobrino, coordinadora das xornadas, salientou o feito da suplantación da autonomía relativa do campo artístico ata os anos 60 do século XX polos criterios cuantitativos “instrumentalizados tanto polo poder do mercado como por intereses institucionais e políticos”. Aí situou o contencioso arte/cultura-espectáculo, equivalente á dialéctica coñecemento e pensamento crítico/xogos florais e xestos acomodaticios ou profundidade de contidos fronte á superficialidade do acontecemento mediático. A resposta á pregunta ¿ata onde poda chegarse nese contencioso? é algo que non debería quedar exclusivamente nas mans dos políticos “porque desto depende o paso a unha verdadeira democratización da cultura ou ben, pola contra, a súa transformación nun espectáculo banal non moi diferente ao de calquera parque temático”.

Para Arturo Rodríguez Morató, profesor de Socioloxía da Universidade de Barcelona, a situación ten que ver coa xeral transformación da cultura contemporánea e os cambios na relación cultura-economía e a idea do ocio convertido en privilexiado espazo de consumo. Tamén coa centralidade da cultura na actual configuración dos entornos urbanos. A todo eso agregou o impacto da fraxilidade, maior do que se pensa e aparenta, da revalorización da cultura na sociedade actual e o risco do dominio dos criterios economicistas no deseño de moitas políticas culturais. O ponente botou en falta unha maior lexitimación social da actividade cultural e da creación artística.


Á reflexión crítica sumouse José Luis Pardo, catedrático de Filosofia na Universidade Complutense de Madrid, que contrapuxo a noción de evento á de acontecemento. O primeiro viría suplir a ausencia do segundo “nun mundo desprovisto de grandes relatos”. O evento expresa algo peculiar da nosa contemporaneidade. Nel conta sobre todo o formato. É coma un gran contenedor que necesita encherse unha e outra vez con algo chamativo e espectacular para un consumo rápido e, a poder ser, rendible. “Claro que non todo é espectáculo nin espectacularizable”, precisou o autor de “Nunca fue tan hermosa la basura”. Nin siquera niste tempo no que a arte -que é sempre un producto social- depende en boa medida das industrias culturais.

Os relatorios completounos pola tarde Santiago Olmo, comisario da XXXI Bienal de Pontevedra, que se sumou ao tempo de revisión falando da súa experiencia “Utrópicos” dedicada a Centroamérica e Caribe. “Queriamos que a Bienal non fora un evento nin un espectáculo, senón un elemento para a comprensión e o coñecemento da realidade centroamericana”.

As xornadas foron inauguradas por Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, acompañado polos coordinadores Miguel von Hafe e María Luísa Sobrino. Villares salientou a importancia da cooperación entre as institucións e niste caso co CGAC, algo que tamén destacou von Hafe.

DÍA 7: SESIÓNS NO CGAC

As sesións proseguirán o xoves día 7 a partir das 10´30 horas no CGAC. Pola mañá falarán Catherine David, directora artística da Documenta X de Kassel (1994-1997) e Isidoro Valcárcel Medina, Premio Nacional de Artes Plásticas 2008. Ás 17 horas os cinco relatores reflexionarán conxuntamente nun coloquio moderado por María Luísa Sobrino, responsable da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do CCG e coordinadora do programa xunto con Miguel von Hafe, director do CGAC.