A aparición da Orquestra Sinfónica de Galicia e da Real Filharmonía de Galicia nos noventa supuxo a consolidación dunha programación estable de música clásica, que creou un público fiel que foi medrando ao abrigo da normalización da música clásica na oferta cultural. Con todo, fíxoo con base nunha estratexia musical sustentada por unha política de prezos baixos. O importe medio da entrada a un concerto de música clásica en Galicia é de 8,7 euros, mentres que a media estatal é de 15,1. Segundo este documento de traballo, Galicia é a terceira comunidade máis barata no que a prezo das entradas se refire. Así, o total da recadación dos concertos de música clásica foi de 78 316 euros en 2013, o que supón o 1,8% do conxunto de España. Dese importe, a maior parte, o 61%, provén dos concertos de música sinfónica. Como feito destacado, o documento de traballo tamén constata o peso que ten a música de bandas en Galicia, proporcionalmente recádase tres veces máis en concertos deste tipo de formación que no resto de España.
No que atinxe á música sinfónica, o informe deixa datos significativos. Dunha banda, o peso cada vez maior que teñen as dúas formacións sinfónicas existentes en Galicia: a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia, no territorio autonómico. Ambas triplicaron o número de concertos fóra das súas localidades de residencia artística: A Coruña e Santiago, respectivamente. Da outra, a diversificación da súa oferta, co incremento de concertos didácticos para escolares e para público familiar.
Con todo, o informe tamén dá conta do momento de recesión que vive este sector desde o ano 2007, cando ao abeiro da crise se adelgazaron os orzamentos das orquestras e das programacións culturais. En 2001, Galicia acolleu 1374 concertos, que están lonxe dos 1172 actuais, pero máis aínda dos 1677 realizados en 2007. Con respecto ao público que asiste a ese concertos, o estudo constata un descenso leve do número de espectadores, que pasan de 370 217 en 2001 a 264 997 en 2011. Con respecto ao público dos concertos, o documento de traballo distingue entre os asistentes a concertos de música sinfónica e de cámara. Así, se entre 2001 e 2013 medrou o de música sinfónica (de 38 018 a 55 757), o de música de cámara baixou (pasou de 143 362 a 109 717).
A música popular
No que ten que ver coa música popular, os 4506 concertos que se desenvolveron en Galicia en 2013 colócannos en sétima posición no conxunto estatal. Con todo, a cifra é máis baixa que en anos anteriores, o que confirma esa tendencia á redución deste tipo de espectáculos. A maioría deses concertos, concretamente o 78,3%, foi de pop rock. A asistencia foi de 1 013 871 espectadores, un 4,8% no conxunto de España, pero un 14,3% máis baixo que en 2012. Ao igual que acontecía co número de concertos, a tendencia dos últimos anos é a un descenso na recadación. En 2013 acumularon ingresos de 5 491 221 euros, que se corresponden co 4,8% da recadación total en España.
Outros indicadores
O Documento de Traballo deixa tamén outras cifras arredor da música, como son datos de ensino e emprego. No que ten que ver coa formación, entre o curso académico 2007-2008 e 2012-2013 hai tres centros menos, o que supón tamén o descenso de profesores (de 1028 a 993). En paralelo, prodúcese a mingua de estudantes, que son maioritariamente mulleres. Malia este panorama, Galicia está nos primeiros postos en volume de centros e docentes do conxunto estatal.
Con respecto ao emprego, o DT cuantifica 22 189 contratos a compositores, músicos e cantantes, cun total de 2250 profesionais contratados en 2014. Destaca tamén a suba da contratación na época estival, o que dá conta da estacionalidade deste grupo de ocupación.
Descarga o documento de traballo


