A segunda parte deste Documento de Traballo sobre as nosas prácticas culturais analiza a asistencia a espectáculos e eventos culturais, o consumo de medios de comunicación, a lectura de libros e a convivencia e hábitos no fogar. Para iso fai unha explotación específica a partir das enquisas sobre as condición de vida das familias do Instituto Galego de Estatística.
As contornas urbanas
A franxa atlántica, concentrada nas comarcas próximas ás cidades da Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo, rexistra os mellores indicadores de asistencia a eventos culturais. Son as zonas xeográficas nas que máis se vai ao cinema (as provincias da Coruña e Pontevedra superan a media de frecuencia galega, en pouco máis de dous puntos) ao teatro, monicreques e contacontos, así como aos espectáculos musicais (moderna, clásica, ópera, solistas e tradicionais…); e museos, exposicións e arquivos. Con todo, os indicadores xerais de todas estas actividades evidencian unha baixada con respecto ao ano 2006.
O mapa de actividade cultural diversifícase cando se mide a frecuencia de asistencia a festas populares, verbenas e orquestras. Nese caso son as comarcas de Arzúa, Ordes e Melide as de maior afluencia, seguidas polas do Salnés, Caldas e Ourense.
O peso do exemplo da familia
Outro dos indicadores que gaña bastante protagonismo segundo este DT-OCG ten que ver co exemplo que pais e nais exercen sobre os seus descendentes. En todos os indicadores analizados apréciase claramente que proxenitores activos culturalmente condicionan os comportamentos e prácticas dos seus fillos e fillas. Isto tradúcese en que máis do 90% das persoas de todas as franxas de idade que asisten ao cine veñen de familias en que tamén se vai ao cine. Tamén len máis, asisten a máis espectáculos musicais, arquivos, museos así como a festas populares, verbenas e orquestras.
Outros indicadores
O DT-OCG tamén dedica espazo a coñecer en que ocupa o tempo libre a cidadanía galega. Ver a televisión, escoitar a radio e ler a prensa son ocupacións que están, cun 99,7%, por riba das relacións sociais (95,8%), seguidas polo hábito de escoitar música, ver películas, series ou documentais (un 84%). Só o 20% da poboación confesa practicar actividades artísticas como pintar, debuxar, fotografar, tocar algún instrumento ou cantar nun coro. Con todo, esta porcentaxe medra dez puntos cando o nivel de estudos é máis alto.
A variable da idade exerce un peso moi destacado en actividades relacionadas coas novas tecnoloxías, a lectura de prensa e a asistencia ao cinema. E no que ten que ver cos medios de comunicación, máis da metade da poboación galega elixe a televisión para informarse da actualidade, seguida de Internet. Con respecto á radio, o informe pon de manifesto que baixou a media de consumo de radio, do 40,6% ao 38,5%.
Por último, melloraron os indicadores de lectura de libros nos últimos anos en todas as variables analizadas e baixaron case 14 puntos porcentuais as persoas que non lían nunca.
Ocio e hábitos culturais (I)
A primeira parte deste Documento de Traballo analizaba os indicadores de participación cultural galegos en comparación co que acontecía no resto de España. Aquel documento constataba, como liña xeral, a baixa participación cultural da cidadanía galega, con algúns datos positivos, como os da lectura, onde Galicia destacaba no número de libros lidos e o tempo investido en facelo. Tamén destacaba, entre as nosas preferencias, ler prensa e escoitar música. Para sacar aqueles datos tomouse como referencia a Encuesta de Hábitos y Prácticas Culturales en España 2014-2015, realizada polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte.
A actividade do Observatorio da Cultura Galega
O Observatorio é un servizo dependente do Consello da Cultura Galega que pretende encher o baleiro de información existente sobre a cultura a través dun método rigoroso e estándar de recolleita de información. A produción fundamental do Observatorio é a información estatística, aínda que entre as súas funcións está a redacción de informes de tipo cualitativo e avaliativo. Todos os resultados teñen como fin último contribuír ao desenvolvemento de políticas culturais sobre unha evidencia empírica.
Consulta o Documento de Traballo


