----

O Observatorio da Cultura constata a influencia da rede nas bibliotecas, que teñen máis visitas e consultas

Medra considerablemente o número de visitas virtuais ás bibliotecas, concretamente a consulta aos catálogos e aos fondos dixitalizados. Así se desprende do último Documento de Traballo (DT-OCG) do Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega. Baixo o título Estatística de bibliotecas, este estudo facilita información sobre o equipamento material e humano das bibliotecas galegas e incide na idea de que o mundo dixital abre novas perspectivas. Con todo, tamén deixa cifras negativas ao debuxar unha actividade marcada polo descenso leve de usuarios, de bibliotecas e de préstamos.

Visitar unha biblioteca xa non ten por que ser exclusivamente dun xeito presencial. No ano 2002 facíanse desde un dispositivo electrónico 2,4 millóns de consultas, mentres que en 2014 as cifras se multiplicaron case por dez. Nese ano rexistráronse 19 758 724 de visitas ás bibliotecas galegas, o que nos sitúa en terceiro lugar no conxunto de España. Os servizos que máis se empregan no transcurso desas visitas son a consulta dos catálogos e, desde 2012, coa dixitalización dos fondos, a posibilidade de acceder a eles a través da rede. Con respecto á dotación, o 85,3% das bibliotecas galegas contan con acceso gratuíto a Internet e un 69% ofrécenlles wifi aos e ás usuarias.

Outro aspecto positivo que constata este estudo relacionado coa tecnoloxía é o incremento dos préstamos domiciliarios no caso dos libros electrónicos, que pasan dos 325 de 2010 aos 6864 de 2014; e no dos xogos electrónicos, que pasan de 1584 a 3077. E, con respecto aos fondos, dos máis de dez millóns de libros e 1,2 millóns de publicacións periódicas rexistradas, constátase o incremento da oferta do formato electrónico cara os usuarios e usuarias. Baixan as altas de todas as clases de fondos, a excepción dos libros electrónicos, que experimentan un incremento dun 246% nos últimos catro anos estudados. En 2014 déronse de alta 45 860 libros electrónicos, fronte aos 8 872 de 2012.

A colaboración interbibliotecaria
Segundo este DT-OCG, melloraron as relacións das bibliotecas galegas coas súas homónimas españolas. En 2014 Galicia recibiu un 388,3% máis de préstamos que en 2006 e prestou un 239,1% máis nesa mesma serie temporal. No que ten que ver coas bibliotecas estranxeiras, minguaron as cifras desa relación, na que Galicia recibe máis do que presta.

Bibliotecas, usuarios e préstamos

Galicia tiña, á altura de 2014, 497 bibliotecas rexistradas no Instituto Nacional de Estatísticas (INE). Unha cifra que experimentou un descenso continuado desde o ano 2006, en que se rexistrou a cifra máis alta, con 591 bibliotecas. Con estas cifras situámonos na sétima posición, encabezada por Andalucía e Cataluña, que teñen 991 e 849 respectivamente. Sobre a súa tipoloxía, o 67% son non especializadas, e destas, arredor dun 85% son públicas.
Con respecto aos usuarios, o informe destaca que entre 2002 e 2014 se produciu un aumento das inscricións, que pasan de 685 622 a 1 023 183, só mitigado por unha caída de 6000 persoas no último ano da serie temporal analizada. Desagregando por idades, o estudo constata que aumentaron nun 45% os usuarios adultos e permaneceron estables os infantís.

O estudo tamén contabiliza 1935 traballadores no servizo de bibliotecas. Deles, 1632 forman parte do cadro de persoal, mentres que os 303 restantes son bolseiros/as e voluntariado. O cadro de persoal bibliotecario galego supón o 6,5% do conxunto de España e as súas nóminas absorben a maior parte do gasto das bibliotecas. A partida destinada a adquisición sufriu un descenso do 78% entre 2006 e 2014.

Consulta o Documento de Traballo